 |
Área divulgativa Instalacións Interiores |
|
|
O Parque Eólico Experimental Sotavento está dotado dun Edificio Divulgativo singular que simula as tres pas dun aeroxerador e contén distintas salas especializadas. O seu contido trataremos de resumilo a continuación:
INSTALACIÓNS Interiores/ Aula Divulgativa

Espacio central do edificio, pensado para divulgar as enerxías renovables entre todos os segmentos de poboación que decidan visitarnos.
É un espacio múltiple no que se accede a gran cantidade de información sobre enerxías renovables desde diferentes ópticas de aproximación. Distintas maquetas e paneis ilustran o funcionamento destas enerxías podendo, ademais, ser comparadas coas enerxías convencionais.
Así mesmo, no miradoiro, situado no segundo andar da aula, poderase contemplar o funcionamento de placas fotovoltaicas de distintas tecnoloxías, e incluso a exemplificación dunha pequena instalación doméstica.
A tecnoloxía do hidróxeno ocupa nesta aula un lugar importante posto que, mediante unha pequena pila de combustible, o hidróxeno e o osíxeno moven un motor eléctrico.
Por último, a sala complétase con diversas seccións de interese, que teñen como factor común a cultura do vento: eolomitoloxía, eolobiblioteca, eolocronoloxía, así como unha biblioteca de consulta con publicacións de interese relacionadas co mundo da educación, as enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética.
INSTALACIÓNS Interiores/ TALLER DE ENERXÍA

Créase a partir da necesidade de contar cun espazo divulgativo máis técnico e avanzado, pensado para o segmento académico procedente da Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O.), Formación Profesional (F.P.) e Universidades.
Un "pequeno" aeroxerador real, mostra os distintos compoñentes e o funcionamento das modernas turbinas. Complétase este taller con distintos compoñentes de máquinas e cun equipo móbil de tubos de baleiro, novidade en materia de aproveitamento solar térmico.
INSTALACIÓNS Interiores/ SALA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA

Está pensada para ilustrar a necesidade dun consumo eficiente da enerxía, entendendo este como instrumento esencial no desenvolvemento sostible.
Nesta sala móstrase unha comparativa real entre lámpadas convencionais e de baixo consumo. Por outro lado, son probados diferentes electrodomésticos para ilustrar o chamado "consumo pantasma" existente nos fogares, así como a súa categoría nas táboas de Eficiencia enerxética establecidas pola Unión Europea.
A sala conta, ademais, cunha bicicleta estática na que o visitante poderá comprobar e experimentar o esforzo que supón a xeración de enerxía, pois, en función do seu pedaleo, conseguirá a enerxía suficiente para "alimentar" distintos aparatos eléctricos de uso común nos fogares.
|