logotipo de sotavento inicioubicaciónvisita virtualcámara webdatos en tiempo realtiendamapa webcontactoenlaces
fundaciónempresaárea técnicaárea educativa-divulgativa
submenú
Luns, 20 de Maio de 2013
Exposicións
Presentación

Dende o ano 2002, data de inicio das actividades educativas e divulgativas de Sotavento, viñéronse realizando distintas e variadas exposicións co fin de achegar complementos interesantes ás actividades educativas levadas a cabo nesta instalación. Estas mostras contribúen á explicación de certos fenómenos importantes ou relacionados cos obxectivos didácticos do parque e teñen, en función do seu interese ou das nosas posibilidades, un carácter temporal ou permanente. As máis significativas recollémolas a continuación:


A Ruta do Vento

Obxectivo: Humanizar as zonas do parque con significado, usando materiais reutilizados. Divulgar de maneira lúdica a cultura xerada do vento.

Carácter: Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2001.

Autora: Sotavento Galicia S.A.

Breve decrición: Empregando materiais reutilizados da Central térmica das Pontes, realizáronse distintas esculturas pintadas coas seis cores que indentifican as seis enerxías renovables. Arpas, macrofrautas, buzios , trompetas e mangas de grandes dimensións, son algúns dos elementos situados na zona exterior do Parque que completan esta Ruta do Vento de aproximadamente catro quilómetros de lonxitude.


AS ENERXÍAS RENOVABLES

Obxectivo: Completar os contidos relacionados co funcionamento e características principais das enerxías renovables e non renovables existentes no Parque.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2002.

Autora: Adela Leiro.

Breve decrición: Cedida pola profesora Adela Leiro do IES Francisco Asorey de Cambados, realiza unha viaxe a través da enerxías renovables e non renovables amosando unha ampla información sobre cada unha delas en 14 paneis de gran formato e espectacular deseño.


AS ENERXÍAS DO PASADO

Obxectivo: Amosar as solucións enerxéticas do pasado, usos e aplicacións relacionándoas coa actualidade.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2002.

Autora: Gonzalo Rascado.

Breve decrición: Mostra composta por distintas maquetas que representan o uso tradicional das enerxías renovables en Galicia. Pódese observar o funcionamento real de batáns, fraguas, muíños hidráulicos e de vento, serradoiros, etc. Van dirixidas a aquelas persoas interesadas en coñecer ou lembrar antigas instalacións tradicionais de aproveitamento das enerxías renovables.


ENXEÑOS EÓLICOS E HIDRÁULICOS

Obxectivo: Dar a coñecer de forma sinxela o funcionamento de centrais de produción eléctrica de gran complexidade.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2003.

Autor: Adepro e Sotavento Galicia S.A.

Breve decrición: Formada por un túnel de vento, un pequeno aeroxerador, turbinas hidráulicas, pilas de combustible e outros exemplos de xeración e acumulación eléctrica. As maquetas, de pequenas dimensións, exemplificaban á perfección o complexo proceso de xeración eléctrica mediante o vento e a auga.


EXPOSICIÓNS E DEBUXOS

Obxectivo: Achegar a visión que os nenos e nenas posúen das enerxías renovables tras a visita ás nosas instalacións.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2004.

Autores: Máis de 2000 alumnos e alumnas de primaria.

Breve decrición: O gran número de nenos e nenas que visitaron as instalacións do Parque foron os verdadeiros artífices desta exposición realizada durante o verán de 2004. Máis de 2000 debuxos foron expostos na base dos aeroxeradores do parque, a razón de 100 debuxos por máquina. Posiblemente foi a mostra de arte infantil máis grande realizada en Galicia, utilizando como soporte os fustes dos aeroxeradores.


EXPOSICIÓN DE EXPERIENCIAS E OBRADOIROS PARTICIPANTES NOS DISTINTOS CERTAMES DE RENOVABLES

Obxectivo: Promover a experimentación con enerxías renovables nos Centros Educativos. Utilizar estes proxectos como parte dos contidos do Parque.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2004.

Autores: Colexio Belesar, IES Agra do Orzán, IES Agra de Leborís, IES Illa de San Simón, IES Mª Sarmiento.

Breve decrición: Aeroxeradores tripá, de eixe vertical, turbinas hidráulicas, captadores solares, concentradores solares con e sen seguidor, e ata un parque eólico completo, son algúns dos experimentos e proxectos presentados ós Certames de Premios de Renovables que anualmente convoca Sotavento.
Estes obradoiros espertan grande interese nos visitantes que atopan neles unha maior facilidade para a comprensión de máquinas máis complexas.


MUÍÑOS DO MUNDO

Obxectivo: Relacionar o aproveitamento eólico do pasado cos modernos aeroxeradores do Parque. Coñecer a evolución dos muíños e aeroxeradores ata os nosos días.

Carácter: Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2004.

Autores: Departamento de Divulgación Sotavento.

Breve decrición: Un percorrido polos distintos modelos, formas e funcionamento dos modelos máis significativos da historia convídanos a relacionar o presente e o pasado do aproveitamento eólico. Está formada por fotografías dos vinte e catro aeroxeradores e comeza co muíño de Herón de Alexandría acabando o seu percorrido cos modernos aeroxeradores instalados no mar. Un libro xigante coa súa historia, esquemas e descricións completan esta mostra situada na aula divulgativa do Parque.


RUTA DAS PEDRAS

Obxectivo: Amosar a variedade de rochas sobre as que se asenta Galicia, destacada xeoloxicamente pola súa variedade e antigüidade.

Carácter: Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2005.

Autores: Museo de Hª Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago de Compostela.

Breve decrición: No extremo occidental do Macizo Ibérico afloran os materiais xeolóxicos máis antigos da Península; recollidos, catalogados e colocados ó longo dunha Ruta exterior no Paque, o visitante pode, en aproximadamente un quilómetro, visualizar as pedras máis significativas de Galicia caracterizadas pola idade e lugar de procedencia. Se as condicións climáticas non invitan ó paseo, unha mostra de man situada no interior das instalacións do Parque, facilitará a aproximación á xeoloxía galega. Trípticos e materiais para o seu traballo didáctico completan a denominada "Ruta das Pedras".


ENXEÑOS SOLARES

Obxectivo: Concienciar sobre a posibilidade real que o aproveitamento do sol ten dentro da nosa Comunidade.

Carácter: Temporal-Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2005.

Autores: Juan Bello e a Fundación Terra.

Breve decrición: Na mostra destacan, un concentrador capaz de superar os 1000ºC fabricado co faro dun automóbil, un pasteurizador solar, duchas solares, así como diversas cociñas e fornos solares que nos ofrecen a posibilidade de cociñar a un custo medioambiental económico nulo. A exposición complétase cunha cociña solar parabólica, cedida pola Fundación Terra, capaz de cociñar alimentos a 200ºC. Segundo esta fundación, no mundo consómense 1000 millóns de m3 de leña en cociñar. Esta presión sobre os bosques provoca deforestación, desertización e alteracións climáticas.
A cociña solar é unha alternativa real a estes problemas.


BARCOS DE VELA DE CABOTAXE E PESCA ARTESANAL

Obxectivo: Amosar as utilizacións tradicionais dos ventos galegos, precursoras do aproveitamento enerxético actual.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2005.

Autores: Instituto de Historia e Cultura Naval da Armada Española.

Breve decrición: Destacan, dende os galeóns dedicados ó comercio dentro das nosas rías, ata as típicas e máis antigas dornas, sen esquecer as bucetas, palangreiras, polbeiras, volanteiras, etc.
As maquetas, algunha das cales acada os dous metros de eslora, dipoñen de material adicional que explica a súa historia, construción, tipo de velas e incluso manuscritos do século pasado referidos á súa utilización nas distintas artes de pesca. A exposición complétase cunha rigorosa reprodución do buque escola Juan Sebastián ElCano, merecedora da medalla de prata nun Certame Internacional organizado polo Grupo Escala de modelismo.


HERBARIO DE SOTAVENTO

Obxectivo: Coñecer as especies vexetais típicas das zonas montañosas galegas, as súas características e usos tradicionais.

Carácter: Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2005.

Autores: Departamento de Divulgación Sotavento.

Breve decrición: O herbario componse de vinte e catro paneis-expositores de grandes dimensións onde se inclúe a seguinte información:

  • Nome ou nomes comúns da planta xunto coa súa denominación botánica en latín.
  • Foto do exemplar na súa zona de crecemento.
  • Breve decrición das características da planta: cor das flores, forma da folla, dimensións, época de floración, hábitat no que se atopa, etc.
  • O propio exemplar debidamente prensado e disecado.
  • Un apartado de "Curiosidades" onde se explican os usos tradicionais, propiedades curativas, lendas, aplicacións industriais, etc.
  • Localización da especie no Parque, cun mapa de distribución onde se observa a súa presenza na área de estudo.
  • Etiqueta botánica , na que se realiza unha clasificación da planta: división, clase, subclase, orde, familia...

No mesmo tamén se incluíron algunha das especies pertencentes ó ensaio-demostración da biomasa que, mediante cultivos enerxéticos, realiza a Universidade de Santiago de Compostela.


O QUIXOTE E O VENTO

Obxectivo: Tomar contacto co texto cervantino, do que se cumpría o 400 aniversario e ó mesmo tempo tamén coa instalación de enerxías renovables en Galicia.

Carácter: Permanente.

Período de exposición: Dende o ano 2005.

Autores: Fundación Sotavento Galicia.

Breve decrición: Como argumento establécese que en 26 capítulos das dúas partes do libro, Quixote e Sancho teñen como conversa principal o vento. Con este fío condutor a exposición relaciona estas conversas entre os dous principais personaxes do libro, coa enerxía eólica e as enerxías renovables.


INSTRUMENTOS TRADICIONAIS DE VENTO

Obxectivo: Coñecer os usos tradicionais das fontes naturais para a realización de actividades musicais e lúdicas.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2006.

Autores: Juan Parga.

Breve decrición: A exposición amosa as distintas formas de aproveitamento dos recursos naturais e materiais de reciclaxe para a creación de sons mediante o vento: turutas, zoadeiras, chifres, e asubíos son algúns deles. A mostra conta con reprodutores de discos compactos onde o visitante ten a opción de reproducir os sons reais dalgúns dos curiosos instrumentos. Ademais, un conxunto de paneis fotográficos recolle todo tipo de instrumentos tradicionais do mundo, pertencentes á colección persoal de Juan Parga. Unha proposta de actividades e xogos facilitan o traballo didáctico desta exposición composta por máis de 25 instrumentos.


A GOTA QUE NOS DÁ A VIDA

Obxectivo: Coñecer o ciclo da auga e tomar conciencia do desequilibrio que os nosos actos causan no mesmo.

Carácter: Temporal-Permanente.

Período de exposición: Con motivo do día Mundial da Auga 2006.

Autores: Departamento de Divulgación Sotavento.

Breve decrición: En Galicia non existe unha cultura de uso racional deste ben tan prezado e importante para a vida dos seres vivos, quizais porque consideramos a auga abundante e inesgotable. A través desta mostra Sotavento pretende concienciar sobre o seu uso responsable utilizando como fío condutor a Carta Europea da Auga. A mostra estaba composta por:

  • Proxeccións audiovisuais
  • Consellos para o aforro da auga nos nosos fogares
  • Cálculo do consumo hídrico persoal
  • Exemplos de produtos reais eficientes existentes no mercado
  • Paneis explicativos e trípticos


I SEMANA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN SOTAVENTO 2006.
CONCLUSIÓNS DO CUMIO MUNDIAL SOBRE O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DE JOHANESBURGO

Obxectivo: Dar a coñecer as conclusións de Johanesburgo e tomar conciencia da necesidade dun consumo responsable.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 27 de febreiro ó 5 de marzo; con motivo do día Mundial da Eficiencia Enerxética 2006, Sotavento realizou a I Semana de Eficiencia Enerxética.

Autores: Ministerio de Medio Ambiente e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve decrición: Os visitantes poderán realizar distintas actividades relacionadas co uso eficiente da enerxía. Mediante instalacións reais, paneis, aplicacións para calcular o consumo doméstico, proxeccións audiovisuais e consellos destinados ó aforro enerxético en xeral, Sotavento aborda este tema tan importante para a futura sostibilidade do noso Planeta.

A AGUA NO SÉCULO XXI

Obxectivo: Dar a coñecer a importancia da conservación e bo uso dos recursos hídricos.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Segundo cuadrimestre 2006.

Autores: UNESCO, Fundació Territori i paisatge e a obra social de Caixa Catalunya .

Breve descrición: A través da exposición os visitantes puideron entender mellor a importancia do bo uso da auga. Unha guía didáctica facilitaba o traballo pedagóxico da mostra.


EXPOSICIÓN A TRAVES DAS ENERXÍAS

Obxectivo: Dar a coñecer as distintas transformacións enerxéticas e tomar conciencia da necesidade dun consumo responsable.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Tercer cuadrimestre 2006.

Autores: Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Breve descrición: Unha completa panelería asistida por maquetas e elementos enerxéticos reais exemplificaba o funcionamento dos distintos aproveitamentos enerxéticos.


PAPAVENTOS CON HISTORIA

Obxectivo: Destacar un período histórico onde a humanidade empregou estes artefactos voadores para distintos fins relacionados coa publicidade, a fotografía aérea, a guerra, os experimentos científicos e a arela de voar.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007.

Autores: Área divulgativa da Fundación Sotavento Galicia e Caixa Nova.

Asesores: Juan Miguel Suay e Humberto Fernández.

Breve decrición: Composta por doce reproducións dos papaventos máis significativos dende o punto de vista do uso para o que foron concibidos. Destacan os papaventos empregados para fins publicitarios, antiaéreos, de salvamento marítimo, de sinais, meteorolóxicos, etc. Cada reprodución vai acompañada dun panel explicativo que inclúe o inventor, usos, características, o lugar e a data de invención do papaventos e outras curiosidades. Unha publicación completa a mostra situada no mirador da Aula Divulgativa.


"CLARITY"

Obxectivo: Reflexionar sobre os impactos, causas e as posibles solucións do cambio climático.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 1 ao 31 de marzo de 2007.

Autores: Ministerio de Medio Ambiente e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve decrición: Composta por paneis, maquetas, un cajxón interactivo e un xogo do “consumo”, os visitantes poden realizar distintas actividades relacionadas co cambio climático. Non esquezamos que, como protagonistas de "emisións difusas" (producidas en concepto de consumo de enerxía no fogar e no transporte), somos responsables directos do 30% das emisións de CO2.



MAQUETAS DE SISTEMAS DE APROVEITAMENTO ENERXÉTICO TRADICIONAL

Obxectivo: Completar os contidos ofrecidos pola Fundación Sotavento encamiñados a divulgar as posibilidades das enerxías renovables, facilitanto as relacións entre o funcionamento pasado e presente dos sistemas de aproveitamento enerxético das fontes naturais: vento, ríos e mares.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 12 de xullo ao 30 de novembro de 2007.

Autores: "Obradoiro de Maquetas" do Centro de Educación e Promoción de Adultos do Centro Penal de Bonxe.

Breve descrición: A mostra está composta por batáns, muíños de mareas, ferrarías, serras de auga, etc. Ata seis pezas de gran calidade onde se reproduce detalladamente o funcionamento dos antigos sistemas de aproveitamento enerxético renovable. O Centro Penal de Bonxe realiza estes obradoiros coa finalidade de vincular aos internos coa actividade educativa, aprender cousas sobre a nosa cultura e ao tempo, ocupar positivavente os momentos de lecer na prisión.


EXPOSICIÓN DE AERONAVES

Obxectivo: Profundar na nosa capacidade de aproveitar o vento en beneficio propio, reflexionar sobre os importantes avances propiciados pola arela da humanidade de conquistar os ceos e coñecer os principios básicos do voo dos avións e helicópteros.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 11 de agosto ao 31 de outubro de 2007.

Autores: Club de aeromodelismo "Los diablos" de Begonte.

Breve descrición: A mostra incorpora numerosos modelos de avións e helicópteros de acrobacia, reproducións exactas de modelos históricos, modelos de competición en distintas modalidades, así como unha completa información sobre o funcionamento, características de voo e manexo. En total 12 modelos entre os que se atopan os campión e subcampión galego e terceiro clasificado a nivel estatal na modalidade de acrobacia.


“SCIENCE&ART”: CIENCIA Y ARTE

Obxectivo: Mostrar a relación entre Ciencia e Arte. Na mostra poden observarse diversas obras nas que se plasman principios, leis e ecuacións de Física e Química. Cada obra inclúe unha breve explicación do feito físico-químico no que se inspira, intentando divulgar dun xeito artístico o traballo científico.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 3 de xaneiro ao 3 de marzo do 2008.

Autores: Margarita Cimadevila.

Breve descrición: A autora inspirase nos principios, ecuacións e leis do mundo da Física e da Química, para presentar 14 lenzos de formato 100x100 cm e técnica mixta. Cimadevila, docente de Física e Química e artista, une os seus dous mundos na súa obra pictórica, para presentar esta proposta na que Ciencia e Arte se misturan.


EL CERN: LABORATORIO MUNDIAL DE INVESTIGACIÓN EN FÍSICA

Obxectivo: Dar a coñecer o CERN, primeiro laboratorio mundial de investigación en física de partículas.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 3 de xaneiro ao 3 de marzo do 2008.

Autores: CERN.

Breve descrición: Mediante pequenos paneis dáse a coñecer este laboratorio mundial da física. O CERN atópase en Suíza, próximo á fronteira con Francia. Conta cunha serie de aceleradores de partículas entre os que destaca o, xa desmantelado, LEP (Large Electron-Positron Collider, Gran Colisionador Electrón-Positrón) de 27 km de circunferencia e que constitúe a máquina máis grande xamais construída. Fotos e datos deste laboratorio deleitaron aos visitantes interesados en coñecer esta espectacular instalación.


“EL MUNDO QUE TENEMOS, ¿PODEMOS MEJORARLO?”

Obxectivo: Exposta con motivo do día Mundial da Eficiencia Enerxética pretende:

  • Sensibilizar sobre a importancia de avanzar cara a un mundo sostible.
  • Cuestionar as ideas preconcibidas sobre medio natural e desenvolvemento.
  • Sinalar alternativas eficaces de boas prácticas ambientais.
  • Promover hábitos e comportamentos favorables ao desenvolvemento sostible./li>

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 1 ao 31 de marzo do 2008.

Autores: Ministerio de Medio Ambiente e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve descrición: A través de 20 paneis e varias maquetas interactivas, levando como fío condutor temas de enerxía, auga e biodiversidade, establécense relacións coas actividades cotiás e amósanse respostas positivas para facer posible un desenvolvemento sostible. Para o seu mellor aproveitamento elaborouse en Sotavento un material didáctico específico.


SISTEMAS DE ILUMINACIÓN ANTIGOS

Obxectivo: Conmemorar acontecementos históricos, pouco coñecidos e que situaron a Galicia na vangarda da investigación eléctrica. Así, a noite do 2 de Abril de 1851, no patio do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o profesor monfortino Antonio Casares, acendeu por primeira vez un arco voltaico. Deste xeito empregouse por primeira vez a luz eléctrica en España. Esta mostra constitúe a primeira entrega dunha serie formada por tres exposicións realizadas en colaboración co Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 1 ao 30 de abril do 2008.

Autores: Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF) e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve descrición: A mostra conta con varias ducias de pezas, entre as que se inclúen unha gran variedade de lámpadas eléctricas, quinqués, candís, cables, portalámpadas e interruptores do século pasado., ademais de diversa documentación sobre os fitos máis importantes que deron lugar á aparición da luz eléctrica en Galicia.


APARATOS ANTIGOS DE MEDICIÓN ELÉCTRICA

Obxectivo: Trátase da segunda entrega dunha serie de exposicións que pretenden resaltar a importancia da aparición e o desenvolvemento da electricidade en Galicia durante o século pasado.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 15 de maio ao 15 de Xuño.

Autores: Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF) e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve descrición: A mostra consta de máis dunha vintena de aparatos de medición eléctrica empregados durante varias décadas no século XX. Diversos amperímetros, vatímetros, voltímetros e outras pezas de gran interese completan a exposición.


INSTALACIÓNS E MAQUETAS ELÉCTRICAS: PRESENTE E PASADO

Obxectivo: Terceira e última entrega do ciclo de exposicións encamiñadas a conmemorar fitos históricos pouco coñecidos relacionadas coa electricidade así como a resaltar a importancia de Galicia na aparición e desenvolvemento da electricidade en España.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Autores: Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF) e a Fundación Sotavento Galicia.

Breve descrición: Na mostra inclúense instalacións reais de antigos sistemas de produción eléctrica como diversos grupos motrices e xeradores das primeiras centrais hidráulicas galegas datadas do ano 1904, a góndola restaurada dun vello aeroxerador de 15 kW de potencia, a maqueta dunha central nuclear, diverso material eléctrico e numerosa documentación gráfica.

DESCUBRINDO O TEMPO

Obxectivo: Coñecer conceptos básicos do tempo meteorolóxico e os factores que lle poden influír.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: 23 de marzo ao 30 de abril, con motivo da celebración do Día Meteorolóxico Mundial en Sotavento.

Autores: Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Breve descrición: Composta por máis dunha decena de paneis explicativos, nos que se ilustran conceptos básicos do tempo meteorolóxico que aparecen a diario nas nosas vidas (nubes, mapas do tempo, tormentas, climas, instrumentos de medida, etc.). Tamén se realiza un achegamento a factores esenciais do clima da Terra como é o efecto invernadoiro.


MAQUETAS E XOGUETES SOLARES

Obxectivo: Mostrar pequenos xoguetes e maquetas eléctricas con fins lúdicos que funcionan con placas fotovoltaicas alimentadas polo Sol.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 12 ao 22 de maio, con motivo da celebración dos “European Solar Days” en Sotavento.

Autores: Departamento de Divulgación Sotavento.

Breve descrición: Máis dunha decena de maquetas decorativas e pequenos xoguetes accionados mediante placas solares fotovoltaicas. A mostra incluía maquetas de helicópteros, avionetas, carros de golf, muíños, carruseis, etc.

PEIXES ELECTRÓNICOS

Obxectivo: Fusionar ciencia e arte, mediante a mestura de elementos electrónicos con peixes que posúen propiedades eléctricas, luminiscentes, etc., pintados con acrílicos sobre lenzo.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 27 de maio ao 31 de xullo de 2009.

Autores: Wolfgang Trettnak.

Breve descrición: Unha decena de cadros nos que aparecen representados distintas especies de peixes mesturados con compoñentes electrónicos como placas, circuítos, díodos, etc. As distintas especies representadas corresponden a animais acuáticos con dous tipos de características. Por un lado peixes eléctricos que utilizan a electricidade como medio de comunicación, orientación, cortexo, caza ou defensa; e por outro aqueles que posúen propiedades bioluminiscentes que utilizan para atraer as presas, como camuflaxe, iluminación, etc. Cada obra conta cunha lenda onde se explica a idea plasmada no cadro.

EXPOSICIÓN DE OBRAS PRESENTADAS AO VII CERTAME RENOVABLE

Obxectivo: Promover a experimentación con enerxías renovables, especialmente nesta edición aqueles experimentos que teñan relación coa construción bioclimática; fomentar a creatividade fotográfica. Utilizar estes materiais como parte dos contidos do Parque.

Carácter: Temporal

Período de exposición: Ano 2009.

Autores: Arsenio Paz Cibreiro, Javier Blanco Otero, Diego Fernández Somozas, Antonio Valín Valdés, María Dolores Prado Rouco, María López Novo, Manuel López Novo, Paula Gómez del Valle y Gómez, Francisco González Dopico, Monica Pereira Saqués, Javier Fuentes Pena, Noemí Parga López, Diego López Fernández.

Breve descrición: Experiencias: maqueta dunha vivenda tradicional galega, construída en madeira e lousa orixinaria da zona. Galería e ventás orientadas ao Sur, co fin de quentar a vivenda de forma natural. Inclúe unha pequena instalación de enerxía solar fotovoltaica que recarga unhas baterías destinadas a alimentar a iluminación interior da maqueta. Fotografía: máis dunha trintena de fotografías presentadas ao certame, cuxo tema central é o Parque Eólico Experimental Sotavento, e nas que dende diferentes enfoques se mostra a calidade fotográfica e a creatividade dos seus autores.

UNHA AUTOPISTA DETRÁS DO ENCHUFE. A ELECTRICIDADE DA CENTRAL Á TUA CASA

Obxectivo: Achegar e explicar á cidadanía como se manifesta, produce e transporta a electricidade, como se operan os sistemas e en definitiva, que pasa coa electricidade dende que se xera ata que chega ás nosas casas.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 24 de xullo ao 31 de decembro de 2009.

Autores: Red Eléctrica de España.

Breve descrición: A través dunha grande variedade de módulos interactivos e pezas reais, que ocupan 500 metros cadrados, faise un profundo percorrido pola historia, xeración, e transporte de electricidade. Tamén mediante vídeos e diversas reproducións se amosa o traballo de REE: como é a rede de alta tensión española, que é o Centro de Control Eléctrico (Cecoel) e como podería ser o futuro da enerxía coa denominada “supercondutividade”. Ademais, hai espazo para explicar os traballos de REE no ámbito do medio natural, por exemplo na protección das aves.

[Descargar Tríptico]

AS NOSAS PROPIAS SOLUCIÓNS

Obxectivo: Sensibilizar sobre a importancia de avanzar cara un mundo sostible, cuestionar as ideas preconcebidas sobre medio ambiente e desenvolvemento, sinalar alternativas eficaces de boas prácticas ambientais e promover hábitos e comportamentos favorables ao desenvolvemento sostible.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 25 de xaneiro ao 23 de febreiro do 2010, con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

Autores: Ministerio de Medio Ambiente.

Breve descrición: A través de 14 paneis preséntase un periódico en formato de exposición, onde se reflexa o traballo de centos de persoas, traballando pola súa propia conta ou dende algunha institución, por dar solucións concretas a problemas reais, sobre o panorama negativo do noso planeta.

DESENVOLVEMENTO SOSTE... QUÉ?

Obxectivo: Cuestionar as ideas preconcebidas sobre medio ambiente e desenvolvemento, sensibilizar sobre a importancia dos recursos naturais dos que dispoñemos, promover hábitos e comportamentos responsables co consumo racional da auga e coñecer as distintas fontes de enerxía renovables.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 24 de febreiro ao 5 de abril do 2010, con motivo do Día Mundial da Terra.

Autores: Ministerio de Medio Ambiente.

Breve descrición: Oito paneis condúcennos por un camiño no que se prima o uso de enerxías limpas, o consumo responsable, a redución dos residuos, o reciclado, o comercio xusto e solidario, unha agricultura máis acorde co medio, o respecto a outras culturas...


CIENCIA EX AEQUO

Obxectivo: Amosar a relación entre Ciencia e Arte mediante unha temática moi variada na que se representan campos da física, química, bioloxía, matemáticas e astronomía.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: 15 de marzo ao 22 de xullo do 210.

Autores: Margarita Cimadevila.

Breve descrición: A autora galega Margarita Cimadevila, licenciada en Ciencias Químicas e artista, pretende plasmar nesta obra de doce lenzos os seus dous mundos, Ciencia e Arte. Esta obra rende homenaxe a mulleres científicas da Historia que, a pesar de realizar un traballo memorable, foron ignoradas ou relegadas a un segundo plano a favor dos seus compañeiros ou competidores varóns. Cada lenzo vai acompañado, ademais, dunha breve explicación científica e dunha nota biográfica.

MAQUETAS E XOGUETES SOLARES II

Obxectivo: Amosar pequenos xoguetes e maquetas eléctricas con fines lúdicos que funcionan con placas fotovoltaicas alimentadas polo Sol.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 17 ao 23 de maio, con motivo da celebración dos “European Solar Days 2010” en Sotavento.

Autores: Departamento de Divulgación Sotavento.

Breve descrición: Máis dunha decena de maquetas decorativas e pequenos xoguetes accionados mediante placas solares fotovoltaicas volven a expoñerse en Sotavento con motivo da Semana Solar Europea 2010. A mostra inclúe maquetas de aeroxeradores, muíños hidráulicos, bicicletas, reloxos, carruseis, etc.


EXPOSICIÓN DE OBRAS PRESENTADAS AO VIII CERTAME RENOVABLE

Obxectivo: Promover a experimentación con enerxías renovables e coas construcións bioclimáticas, fomentar a creatividade fotográfica e utilizar estes materiais como parte dos contidos do Parque.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Ano 2010.

Autores: Miguel García Irimia, Rebeca Tizón Rey, Víctor Schäfer Freire, Aitor Eimil Fernández, Mónica Pereira Saqués, Antía Rana Rivas, Concha Quintela Rego, Diego Fernández Somoza, Francisco González Dopico.

Breve descrición: Experiencias: maqueta a escala 1:10 dunha vivenda bioclimática construída en madeira, granito e materiais da zona. Galería e ventás de cristal cara o Sur, co fin de quentar e iluminar a vivenda de xeito natural. Fachadas illadas con lá de rocha e calefacción por chan radiante. Unha instalación solar fotovoltaica aporta enerxía para a iluminación de dous leds e o funcionamento dun ventilador de teito. Fotografía: máis de vinte e cinco fotografías presentadas ao certame, cuxo tema central é o Parque Eólico Experimental Sotavento, e nas que, dende diferentes enfoques, se amosa a calidade fotográfica e a creatividade dos seus autores.


CON A DE ASTRÓNOMAS

Obxectivo: Achegar ao visitante dunha forma orixinal, diferente e amena á Astronomía, dando a coñecer distintos campos desta ciencia.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Do 1 de Febreiro ao 4 de Marzo do 2011.

Autores: Grupo interdisciplinar de nove persoas de distintos centros de investigación, entre elas as comisarias Josefina Ling e Eulalia Pérez Sedeño.

Breve descrición: A través dunha serie de paneis faise un percorrido entre os principais fitos da astrofísica onde o papel da muller foi fundamental desde a antigüidade ata os nosos días. O descubrimento dos púlsares, a estrutura a gran escala do Universo, ou a medida das distancias estelares son explicadas dun xeito divulgativo e ameno.

Consta de 13 paneis, o primeiro de presentación, 9 dedicados a conceptos astronómicos, dous á contextualización histórica e a mostrar a relación entre astronomía e cultura e un que recopila os nomes de 116 astrónomas españolas.


UNHA MIRADA MATEMÁTICA

Obxectivo: Achegar ao visitante dunha forma orixinal, diferente e amena ás matemáticas, así como amosarnos as simetrías da natureza a través do ollo fotográfico.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Do 1 de xullo ao 31 de agosto do 2011.

Autora: Nieves Díaz Fernández.

Breve descrición: A través de 63 láminas de 42x32 cm (unha de presentación, dúas de descricións e 60 fotografías), amósanos as simetrías da natureza a través do ollo fotográfico. A mostra permítenos descubrir o que é capaz de ver o ollo guiado por unha mente instruída nas matemáticas. A autora, profesora desta "ciencia das ciencias", amósanos dende a fotografía, cómo poden manifestarse as formas xeométricas no noso entorno. Achega así a natureza, arquitectura e obxectos cotiáns ao visitante dunha forma orixinal, diferente e amena.


EXPOSICIÓN DE OBRAS PRESENTADAS AO IX CERTAME RENOVABLE

Obxectivo: Incentivar distintas iniciativas relacionadas co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea de Sotavento en particular e utilizar este material como parte dos contidos do Parque.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Ano 2011.

Autores: Benito Lourido Nieto, Bernardo Cortijo Correas, José Ignacio Hermida Bermúdez, Ana Belén Álvarez López, Irene Derungs Ollero, Ana Ginzo Villamayor.

Breve descrición: Experiencias: Maqueta solar construída principalmente con materiais reciclados. Fotografías: varias fotografías presentadas ao Certame, cuxo tema central é o Parque Eólico Experimental Sotavento e nas que, dende diferentes enfoques, amósase a calidade fotográfica e a creatividade dos seus autores.

AUDIO-EXPOSICIÓN "OS INVENTORES DA ELECTRICIDADE"

Obxectivo: Servir como mostra para comprender mellor o transcurso dunha pequena parte da historia da electricidade mediante unha breve viaxe a través dos descubridores dos conceptos básicos desta parte da física.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Dende novembro do 2011.

Autores: Departamento de Divulgación de Sotavento.

Breve descrición: Ademais de paneis e obxectos relacionados con cada un deles, un reprodutor de son acompaña ao visitante durante toda a mostra, podendo escoitar unha breve explicación sobre a importancia de diferentes personaxes ao longo da historia da electricidade.


[Ver audio-exposición]

[Ver pdf]


O VENTO NAS LETRAS GALEGAS

Obxectivo: Achegar ao visitante a importancia do vento na nosa Comunidade a través da literatura galega.

Carácter: Temporal.

Período de exposición: Maio de 2012.

Autores: Departamento de Divulgación de Sotavento.

Breve descrición: A través da exposición realizada en soporte audiovisual, os visitantes van descubrindo a relación entre o vento e a poesía de autores galegos, a través de fragmentos das súas obras, estas están a disposición para consulta na biblioteca do centro. A maioría destes autores foron conmemorados con motivo das Letras Galegas.


[Ver vídeo]


A ENERXÍA MÓVENOS

Obxectivo: Ofrecerlle ao visitante unha perspectiva global sobre a situación enerxética mundial e as novas tecnoloxías que se están investigando para acadar unha electricidade e un transporte máis limpos.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Dende o 14 de febreiro do 2013.

Autor: Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Breve descrición: A través de 20 paneis danse a coñecer diferentes modos de produción de enerxía como a enerxía atómica de fusión, solar térmica de concentración, cela de combustible, etc. Tamén se fai fincapé na situación enerxética concreta de España e inclúe consellos e medidas que se poden levar a cabo para contribuír ao cambio de modelo enerxético.


[Ver exposición]


A ESFERA DA AUGA

Obxectivo: Introducir ao visitante no mundo da auga, dende as súas propiedades químicas ata o seu papel na historia e na civilización humana.

Carácter: Temporal.

Período da exposición: Dende o 22 de marzo do 2013.

Autor: Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Breve descrición: A exposición consta de 21 paneis divididos en dous bloques. O primeiro, “Auga e Natureza”, segue o curso do ciclo hidrolóxico e a súa relación co clima e cos ecosistemas. O segundo, “Auga e Sociedade”, intérnase na influencia do ser humano no ciclo natural da auga, a súa contaminación, solucións para o acceso á auga potable e a relación deste recurso coa historia, a saúde e a tecnoloxía.


[Ver exposición]