|
|
 |
ÁREA TÉCNICA
Proxecto: Optimización da xestión integral do Parque Eólico de Sotavento |

|
PROXECTO/ANTECEDENTES:

O sistema de xestión dun parque eólico constitúe unha ferramenta fundamental para a fase de explotación. As especiais características deste tipo de instalación requiren, non só dispor dun sistema de monitorización que permita a supervisión e control de determinados parámetros de funcionamento, senón tamén a utilización dunha aplicación informática que permita a elaboración de informes de explotación tendentes a optimizar a xeración eólica do parque.
A existencia no parque eólico de aeroxeradores de cinco fabricantes diferentes fai que desde o punto de vista da supervisión e control, o parque eólico de Sotavento presente unhas peculiaridades técnicas distintas ás doutras explotacións de enerxía eólica, e que se poden reflectir nos seguintes aspectos:
- Utilización por parte de cada tecnólogo do seu propio sistema "SCADA" e almacenamento nunha base de datos propia, con ficheiros non axustados a un formato patrón.
- Acceso á información con diferentes privilexios e, nalgunhas tecnoloxías, de maneira non automática.
- Equipos de medición situados, dependendo da tecnoloxía eólica, en puntos diferentes da rede eléctrica do aeroxerador.
- Desincronización horaria entre os SCADAS dos tecnólogos e tamén entre os aeroxeradores do mesmo fabricante.
- Ausencia de datos, en períodos de tempo determinados, motivada pola perda de estabilidade da comunicación entre o SCADA do tecnólogo e o PLC da máquina.
PROXECTO/Obxecto:

Consciente desta diversidade de información, Sotavento Galicia, S.A. está desenvolvendo un sistema de xestión integral propio co obxecto de integrar de maneira homoxénea, nunha base de datos única, os parámetros de datos e incidencias provenientes dos distintos sistemas do parque eólico (aeroxeradores, torres meteorolóxicas e subestación) e a partir dela, poder elaborar informes de explotación que permitan ter un control do rendemento dos aeroxeradores en paralelo ó que ofrece o propio tecnólogo; o que posibilita unha optimización e parametrización propia das variables que lle interese controlar ó promotor.
PROXECTO/METODOLOXÍA REALIZADA :

As actuacións realizadas no proxecto por orde cronolóxica foron:
- Integración na rede Lan de comunicacións dos postos de operación local existentes na sala de control do parque, que albergan respectivamente os SCADAS correspondentes ós cinco tecnólogos, torres meteorolóxicas do parque e subestación.
- Sincronización horaria entre os SCADAS e os aeroxeradores, referida á base de tempos única.
- Importación á base de datos de xestión, de ficheiros de datos con medias de dez minutos de cada tecnoloxía desde o SCADA correspondente.
- Tratamento por rutina de programación de ficheiros de datos para a homoxeneización e almacenamento definitivo na base de datos:
- Formato horario en intervalos de dez minutos.
- Ordenación de campos de variables existentes en cada tecnoloxía.
- Importación de ficheiros de incidencias e erros dos SCADAS dos tecnólogos á base de datos de xestión (servidor central)
- Tratamento por programación para homoxeneizar ficheiros de incidencias.
- Interpretacion dos códigos de erro de cada tecnoloxía.
- Aplicación de indispoñibilidade segundo o código de erro.
- Formato con campos comúns (inicio e fin do erro, duración, código, descrición, dispoñibilidade segundo o tecnólogo e segundo Sotavento)
- Introdución á base de datos das tarefas de mantemento.
- Programación para a elaboración de informes a partir da base de datos de xestión.
PROXECTO/SITUACIÓN ACTUAL :

Na actualidade obtéñense os seguintes informes técnicos de xestión:
- Informe do movemento de enerxía.
- Informe de produción por tecnoloxías.
- Informe de horas equivalentes.
- Informe de vento en torres anemométricas.
- Informe de vento por aeroxeradores.
- Informe de dispoñibilidades.
- Informe da curva de potencia.
- Informe de desviación de enerxía.
- Tempos de resposta do mantemento.
- Comparación entre as tecnoloxías.
- Integración dos efectos topográficos e das esteiras nos aeroxeradores.
- Integración da enerxía das turbinas e datos de producción.
Adicionalmente, dentro deste proxecto séguese a traballar nos seguintes campos:
- Programación para a elaboración de informes de estatística de fallos e importación-exportación automática de datos.
|