logotipo de sotavento inicioubicaciónvisita virtualcámara webdatos en tiempo realtiendamapa webcontactoenlaces
fundaciónempresaárea técnicaárea educativa-divulgativa
submenú
Xoves, 18 de Marzo de 2010
ÁREA TÉCNICA
Proxecto: Sistemas de Produción de Hidróxeno con Eólica

PROXECTO/antecedentes:

Debido á dificultade de xestionar a enerxía eólica vertida á rede polos aeroxeradores e a que tampouco é fácil almacenar a súa enerxía mecánica (par torsor do eixe), os desenvolvementos tecnolóxicos orientados a corrixir esta variabilidade enfócanse cara á predición e o almacenamento da enerxía eléctrica que o parque eólico entrega á rede.

Dado que a enerxía eléctrica non é almacenable, pénsase en almacenar a enerxía química obtida mediante a electricidade. Se a reacción química é factible de absorber a enerxía eléctrica nun sentido e entregala noutro, entón a reacción será útil para a almacenaxe da enerxía eléctrica.

O par químico que suscita actualmente un maior interese tecnolóxico no almacenamento da enerxía eléctrica é o hidróxeno-osíxeno. Ambos os dous constitúen a molécula de auga (H2O) e poden obterse dela mediante electrólise (descomposición por electricidade). A posterior combinación de ambos (H2 + O2) para formar auga devolve parte da enerxía absorbida na electrólise previa.

A vantaxe do par H2-O2 sobre outros reside en que só é necesario almacenar o hidróxeno, xa que o osíxeno pode tomarse da atmosfera da que forma parte nun 20%.

Aínda que sexa a pila de combustible a que revolucionou o uso do hidróxeno, a súa combustión nun motor de explosión con osíxeno é unha tecnoloxía coñecida.

Na primavera de 2005 asinouse un acordo entre Gas Natural e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia para desenvolver un proxecto piloto de almacenaxe de enerxía eólica a través da enerxía química.

proxecto/OBXECTIVOS:

Este proxecto situarase nas instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento e constará dunha planta de enerxía eólica que empregará o hidróxeno a unha escala que, sen ser a que debería resolver a variabilidade da xeración, permitirá tomar experiencias en operación real que facilmente poderán ser extrapolables para deseñar solucións globais.

Tratarase dunha produción de hidróxeno cun electrolizador de 60 Nm3/h de capacidade, alimentado con corrente eléctrica que provén dos aeroxeradores. O electrolizador produce hidróxeno a baixa presión que despois se comprime para reducir o volume de almacenaxe en cilindros de aceiro a uns 200 bar. Para a posterior conversión a enerxía eléctrica, emprégase un equipo motoxerador de 60 kW eléctricos.

Ambos os dous sistemas (electrolizador e motoxerador) deséñanse para un completo ensamblaxe nun contedor apto para ser instalado á intemperie, que non requira unha grande obra civil adicional.

proxecto/FUNCIONAMENTO E METODOLOXÍA:

Funcionamento do almacenamento de enerxía eólica ou renovables.

Un posible modo para almacenar a enerxía eléctrica xerada nun parque eólico consiste en transformala en hidróxeno.

A enerxía eléctrica que se desexa almacenar derívase cara a un electrolizador, que é un dispositivo no que o paso da corrente disocia a auga nos seus dous compoñentes: osíxeno (O2) e hidróxeno (H2) segundo a reacción H2O --> H2 + ½ O2. O H2 obtido comprímese para facer máis fácil o seu almacenamento nun volume máis pequeno, mentres que o O2 , que non ten contido enerxético, libérase á atmosfera da que xa non é compoñente.

O H2 mantense almacenado en recipientes a presión ata o momento no que debe empregarse para xerar enerxía eléctrica en situacións de demanda ou necesidade de xestión.

Neste caso, o H2 é utilizado en recipientes como carburante nun grupo de xeración eléctrica cuxo motor é similar ós de gas natural adaptado para o hidróxeno. O motor aspira o aire atmosférico cuxo osíxeno, en proporción do 20% , é o que, provocado pola chispa das buxías, reacciona co H2 nos cilindros.

A combustión do H2 + O2 libera só auga nun proceso inverso ó que producira no electrolizador.

O cegoñal do motor arrastra un xerador que produce novamente enerxía eléctrica que se entrega á rede.

As distintas fases do proxecto son:

  1. Elección de equipos e análise previos:
    É necesario avaliar todos os equipos presentes na actualidade no mercado do hidróxeno, así como os distintos requirimentos da auga de entrada ó sistema para acondicionala e permitir ser utilizada polo electrolizador.

    Nesta fase tómase unha decisión acerca dos equipos máis importantes:
       -  Electrolizador e sistema de filtrado de auga.
       -  Equipo xerador de electricidade a partir do hidróxeno acumulado.
       -  Sistemas de almacenamento de hidróxeno.
  2. Desenvolvemento íntegro do proxecto en función dos equipos:
    Desenvólvese o proxecto de execución e dimensionamento de toda a obra civil.
  3. Execución da obra civil:
    Preparar a obra civil para albergar todo o equipamento e dotala dos diferentes servizos: liña eléctrica dende os aeroxeradores, abastecemento de auga e liña de comunicacións.
  4. Instalación dos elementos e posta en marcha:
    Instalación do todos os compoñentes do proxecto e execución da posta en marcha de todo o sistema.
  5. Avaliación de todo o sistema aplicando diferentes estados:
    Nesta estapa avaliarase e simularase o sistema para ser empregado nas seguintes condicións:
       -  Absorber a enerxía eólica en momentos de gran xeración e entregar esa enerxía con ventos baixos.
       -  Xestión da xeración do parque para minimizar os desvíos na predición de xeración.
       -  Acumular a enerxía en momentos de restricións técnicas do sistema de distribución (cortes de tensión, capacidade de avaliación insuficiente, etc).

proxecto/organismos colaboradores:

O presente proxecto é financiado por Gas Natural e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia coa colaboración do Parque Eólico Experimental Sotavento.