 |
ÁREA TÉCNICA
Proxecto: Sistema centralizado de medición de enerxía nos
aeroxeradores do Parque Eólico de Sotavento |

|
PROXECTO/ANTECEDENTES:

As medicións de potencia e enerxía producidas polos aeroxeradores do parque e rexistradas no seu Scada correspondente, presentaban unha gran diversidade en cada tecnólogo, o que dificulta a comparación de resultados debido a unha serie de factores.
- Medicións de potencia e enerxía en cada aeroxerador realizadas en puntos distintos da rede de baixa tensión, dependendo do tecnólogo.
- Medicións instantáneas non sincronizadas no tempo ó utilizar cada tecnólogo a referencia horaria do seu Scada correpondente, o que desvirtúa a curva de produción simultánea do parque eólico.
- Formatos distintos de almacenamento das variables eléctricas nos diversos Scadas.
- Ausencia de datos de potencia xerada en determinados intervalos por fallo de comunicación entre o Plc do aeroxerador e o Scada correspondente.
proxecto/obxectivos:

O proxecto pretende a implementación dun sistema PERMANENTE e centralizado de adquisión de medicións de enerxía e potencia activa e reactiva rexistradas nos distintos aeroxeradores do parque e na subestación.
As características deste proceso de medición permitirán salvar os inconvenientes anteriormente citados, e consecuentemente precisar con exactitude unha serie de tarefas imprescindibles na xestión dun parque eólico ó poder determinar:
- Fluxos enerxéticos reais do parque.
- Desviacións de enerxía de aeroxeradores respecto á contabilizada nos propios contadores de cada máquina.
- Curva de simultaneidade real de produción para extrapolación a métodos preditivos de produción eólica e comprobación de efectos esteiras entre aeroxeradores.
- Cálculo de dispoñibilidades e curva de potencia a partir de medicións homoxéneas en todos os aeroxeradores, resolvendo tamén desta maneira as posibles ausencias de datos por problemas de comunicación.
proxecto/metodoloxía:

As actuacións realizadas no proxecto desenvolvéronse en dúas etapas ben diferenciadas:
- Instalación de equipos de medición e rexistro.
- Configuración da rede de comunicacións.
Descríbense a continuación os elementos de cada unha delas:
3.1 Equipos de medición e rexistro.
Esta partida constitúena os transformadores de intensidade e os analizadores de redes.
Transformadores de intensidade (TI)
Son os elementos encargados de medir as intensidades ou correntes de xeración dos distintos aeroxeradores. Sitúanse antes da acometida ó tranformador, nas tres fases dos cables de baixa tensión; criterio que permite uniformar valores e establecer comparativas.
Cabe destacar que, nos aeroxeradores dobremente alimentados (caso de Gamesa) é necesario rexistrar as potencias rotóricas e estatóricas xeradas, polo que se duplicaron os transformadores de intensidade nos mesmos.
Os transformadores de intensidade instaláronse nos 24 aeroxeradores do parque.
Analizadores de redes
Son os equipos electrónicos encargados de rexistrar as variables eléctricas a medir nos aeroxeradores, a partir da intensidade rexistrada nos secundarios dos transformadores de intensidade.
As medidicións de tensión xerada non requiren a utilización de transformadores de tensión, ó admitir estos analizadores de redes directamente a tensión de xeración de 690 V dos aeorxeradores.
Os parámetros eléctricos medidos son:
- Tensión simple e composta.
- Intensidade por fase.
- Potencia activa en catro cuadrantes.
- Potencia reactiva en catro cuadrantes.
- Factor de potencia.
- Enerxía activa incremental en intervalos de ata un minuto.
- Enerxía reactiva incremental en intervalos de ata un minuto.
Os equipos ofrecen a posibilidade de visualizar estos valores directamente en display.
Instaláronse analizadores de rede Circutor nos 24 aeroxeradores e na saída en 132 kV ó transformador da subestación do parque.
3.2 Configuración da rede de comunicacións.
PCs locais en aeroxeradores e subestación.
Instaláronse 25 ordenadores locais para o almacenamento de toda a información recibida do correspondente analizador de rede, a través de comunicación RS-232. Cada ordenador configurouse cun software de comunicacións encargado de realizar as seguintes tarefas:
- Lectura e visualización de medicións instantáneas.
- Almacenamento de históricos.
- Comprobación do estado de comunicacións.
- Interconexión en tempo real co servidor central, coa finalidade de integrar esta información con outros programas relacionados coa xestión do parque.
Así mesmo, cada PC vai equipado cun sistema de alimentación ininterrompida para evitar perdas de información ante posibles fallos de rede.
Integración de aeroxeradores e subestación na rede LAN
A seguinte etapa consiste na integración total dos PCs dos aeroxeradores do parque e subestación nunha rede LAN única, sistema pioneiro en Europa. O sistema integrado de comunicacións utilizado será Ethernet, mediante protocolo TCP-IP controlado a través do servidor central situado no edificio de control.
As vantaxes desta rede de comunicacións son entre outras:
- Maior estabilidade.
- Velocidade de transmisión de 100 Mbytes, moi superior ós sistemas punto a punto utilizados noutros parques eólicos.
As actuacións realizadas foron as seguintes:
proxecto/SITUACIÓN ACTUAL:

Na actualidade o sistema está funcionando perfectamente, rexistrando nunha base de datos, cada minuto, todas as variables eléctricas antes comentadas de aeroxeradores e subestación.
|