logotipo de sotavento inicioubicaciónvisita virtualcámara webdatos en tiempo realtiendamapa webcontactoenlaces
fundaciónempresaárea técnicaárea educativa-divulgativa
submenú
Sábado, 4 de Febreiro de 2012
 
 
 
 

Sotavento online

listado de noticias

 

30/01/2012
8 grupos con concerto previo visitarán Sotavento esta semana
Os colectivos son:

IES de Melide

IES Rafael Dieste (A Coruña)

IES Xulián Magariños (Negreira)

IES Val do Asma (Chantada)

CPI Uxío Novo Neira (Pedrafita do Cebreiro)

CPR La Salle (Santiago de Compostela)

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)

IES de Esparís (Brión)
 
12/12/2011
Premio Solar Europeo 2011
A Vivenda Bioclimática Demostrativa foi galardoada co Premio Solar Europeo 2011 na categoría de Educación e Formación.

O Premio Solar Europeo 2011, que ten como finalidade suscitar e fortalecer o interese público polas enerxías renovables, foi presentado en Berlín por EUROSOLAR en colaboración con KfW Bankengruppe. O Dr. Axel Nawrath, membro da directiva de KfW e o Prof. Peter Droege, presidente de EUROSOLAR, déronlle a benvida aos asistentes, xunto con Jo Leinen, membro do Parlamento Europeo, que tamén felicitou aos premiados.

Creado en 1994, o premio Eurosolar foi entregado este ano a un total de 12 proxectos e iniciativas exemplares no campo da utilización de enerxías renovables. Deste xeito, na gala de entrega de premios recoñeceuse o logro, a creatividade e a innovación de proxectos procedentes de Alemaña, Bulgaria, Italia, Austria, España, Dinamarca, Turquía e Suíza. Ademais de Sotavento, resultaron galardoados:

Distrito Rhein-Hunsrück (Alemaña)

Cidade de Svoge (Bulgaria)

Younicos AG (Alemaña)

Heizplan AG (Suíza)

Danish Small Wind Turbine Association (Dinamarca)

Architetture Sostenibili (Italia)

“Green Nature”, CNN Türk (Turquía)

Fundación Sotavento Galicia (España)

Phaesum GmbH (Alemaña)

Dipl.-HLFL-Ing. Josef Meisl (Austria)

Petra Jebens-Zirkel (España)

Consulado Suízo (Suíza)

Descargar fotografías:
Descargar
 
18/11/2011
As instalacións de Sotavento acollen unha audio–exposición sobre electricidade
Coincidindo co Día Mundial da Ciencia, a Área Divulgativa do Parque estreou o 11 de novembro unha nova exposición, “Os inventores da electricidade”.

“Os inventores da electricidade” é unha audio–exposición realizada polo noso Departamento de Divulgación, que permite realizar unha viaxe apaixonante a través dos descubridores dos conceptos básicos da electricidade. Utilizando un reprodutor de son, apoiado mediante unha serie de paneis e obxectos de todo tipo, esta mostra céntrase nunha pequena pero vital época da historia.

A exposición amosa diferentes descubridores/inventores por orde cronolóxica, o que nos permite observar cómo foi cambiando ao longo da historia a idea que os nosos antepasados tiñan sobre a electricidade.

Sotavento acolle de forma habitual exposicións temporais co fin de potenciar e complementar os contidos da propia instalación. “Os inventores da electricidade” serve para axudar aos visitantes a comprender mellor a evolución histórica dos descubrimentos que nos permiten hoxe beneficiarnos desta enerxía nos nosos fogares. Para isto, a mostra vai presentando o invento/descubrimento de varios personaxes dunha forma amena e divulgativa, empregando un aparato reprodutor de mp3 como guía para realizar o percorrido cronolóxico polos “inventores da electricidade”.

Para máis información sobre esta e outras exposicións, visitar a sección correspondente desta páxina web.
 
14/11/2011
Recoñecemento á Vivenda Bioclimática Demostrativa
A Vivenda Bioclimática Demostrativa resultou galardoada pola “Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen)” co premio a “Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética” na Terceira Edición dos Premios EnerAgen.

Os Premios EnerAgen son unha actividade encamiñada a fomentar a utilización das Enerxías Renovables, así como o uso racional da enerxía e a eficiencia enerxética en todo o territorio nacional.

Pero este non é o único recoñecemento que recibe a Vivenda, xa que tamén resultou primeira finalista na V Edición dos Premios Endesa á “Promoción Inmobiliaria máis Sostible”, concretamente na categoría de “Promoción Residencial Sostible”.

Nesta nova entrega dos Premios Endesa, nos que se inscribiron máis de 76 proxectos, tratouse de promover a busca de solucións globais e a eficiencia enerxética. Deste xeito, o xurado estaba composto por 15 profesionais de prestixio do ámbito da construción e comunicación sostible.

A Vivenda Bioclimática Demostrativa nace do interese dos visitantes a Sotavento por ver exemplos máis cotiás de aplicación das enerxías renovables. Deste xeito, a Fundación Sotavento Galicia decidiu dar un paso máis na súa oferta divulgativa coa construción deste edificio que poderíamos definir como un Centro de Interpretación da Arquitectura Bioclimática e Sostible no sector da edificación residencial.

O obxectivo principal desta edificación é amosarlle aos visitantes as posibilidades reais de aforro que nos ofrece unha correcta construción dos edificios, demostrando que unha pequena inversión inicial a maiores pode supoñer un gran aforro futuro nas nosas facturas, contribuíndo ademais a un maior coidado do noso medio.

Para máis información sobre este proxecto, visitar a sección correspondente desta mesma páxina web.

Descargar fotografía:
Descargar
 
29/10/2011
Celébrase con éxito o I Seminario de Hidróxeno e Xestión Enerxética en Sotavento
Remata con éxito o Seminario de Hidróxeno e Xestión enerxética. Tiña por obxectivo o de pór en valor o Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno desenvolvido de forma conxunta pola Xunta de Galicia, Gas Natural Fenosa e a Fundación Sotavento Galicia. A xornada debuxou o escenario da orixe do proxecto e as capacidades e usos enerxéticos do hidróxeno.

Ademais, o seminario pretendeu dar a coñecer as problemáticas suxeitas á produción renovable no eido da xestión así como as distintas posibilidades do uso do Hidróxeno como vector enerxético.

Para iso, Gas Natural Fenosa e Sotavento convocaron un gran número de expertos pertencentes a Rede Eléctrica de España, Centro Nacional das Enerxías Renovables, Centro Nacional do Hidróxeno, Xunta de Galicia, Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) e Fundación do Hidróxeno de Aragón.

O seminario estaba dirixido principalmente a profesionais relacionados co sector enerxético, estudantes universitarios pertencentes á rama científica ou eléctrica e a todas aquelas persoas relacionadas dalgún xeito co eido das enerxías renovables e/ou da química, tan de actualidade neste 2011, ano dedicado mundialmente a esta disciplina.

Case un centenar de asistentes participaron nestas interesantes xornadas chegados de distintos puntos de España.

Descargar programa:
Descargar
 
27/09/2011
Sotavento celebrou o seu I Rallye Eficiente 2011
A Fundación Sotavento Galicia cumpriu expectativas coa celebración do I Rallye Eficiente Sotavento 2011.

Con todas as prazas cubertas, o I Rallye Eficiente Sotavento 2011 desenvolveuse con éxito dende as 9:00 ata as 13:45, hora na que se coñecían os tres gañadores e se procedía á entrega de premios.

A Fundación Sotavento xa é un referente en Galicia en canto á celebración de eventos relacionados coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética. Por este mesmo motivo, o principal obxectivo deste evento era premiar aos participantes que acadasen os mellores resultados en canto a eficiencia na condución dun vehículo facilitado para tal fin. Neste “Rallye” non só había que chegar antes, senón que había que facelo co mínimo consumo posible.

Esta actividade foi unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando en todo momento que as avaliacións fosen o máis científicas posibles, sen esquecer o carácter divulgativo da proba.

Nesta I Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Francisco Javier Riveiro Blanco de Santa Comba, Manuel Vilaboy Jarel de Valdoviño, Jesús Sardiña Río de Vilalba e Manuel Pita Bermúdez de Lugo. Os tres primeiros, recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente así como un “Planeta Renovable”, símbolo do noso Parque. O resto dos participantes recibiron un diploma e distintos agasallos conmemorativos entregados por José Núñez, xerente de Sotavento, Tomás Rodrígue, alcalde de Xermade e Constantino Fernández, tenente alcalde de Xermade.

Os resultados obtidos na proba foron destacables, lográndose un consumo medio de 5 e un tempo de 7 min para un recorrido de 7 km en orografía complexa. Os vehículos empregados foron dous citroën C3 cedidos para a ocasión por Noyamóvil, concesionario Citröen de Santiago de Compostela.

Adicionalmente, os visitantes puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes como bicicletas e coches eléctricos, coches híbridos, etc., que se exhibiron co fin de ampliar os contidos educativo–divulgativos relacionados coa mobilidade sostible. Estes vehículos foron cedidos polo Instituto Enerxético de Galicia.

A actividade puxo fin á Semana Europea da Mobilidade no Parque, cuxo lema para este ano era “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade!”.

Para ver a puntuación dos catro finalistas:
Descargar
 
21/09/2011
A Fundación Sotavento Galicia fai entrega dos premios do IX Certame Renovable
A Fundación Sotavento Galicia fixo entrega dos premios do IX Certame Renovable para as categorías de fotografía e a de obradoiros. Os premios foron entregados polo xerente do Parque, José Núñez. Como curiosidade destacar que un dos premios foi entregado á Patrulla de Helicópteros da DGT Galicia, que doará o importe económico recibido a unha ONG humanitaria. Os outros premiados foron Jose Ignacio Hermida de As Pontes e Benito Lourido de Teo, este último no apartado de obradoiros e experiencias.

Para ver os premios poden consultar a sección correspondente desta páxina web.

Ver fotografía:
Descargar
 
19/09/2011
Volta ao horario de inverno
Lembrámoslles que dende o día 21 de setembro a apertura ao público das nosas instalacións os fins de semana e festivos vólvese a rexer polo horario de inverno, que é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.

A xestión da visita débese facer a través dos seguintes teléfonos: 981 563 777 (laborais) e 981 441 020 (non laborais).
 
05/09/2011
A Vivenda Bioclimática Demostrativa acolle un curso de Certificación Enerxética en Edificios
O Parque Eólico Experimental Sotavento acolle na Vivenda Bioclimática Demostrativa diferentes edicións dun curso de Certificación Enerxética en Edificios que durarán ata o 7 de outubro. Para máis información visitar a sección correspondente desta mesma páxina web.
 
08/08/2011
Novo etiquetado enerxético de electrodomésticos
O novo etiquetado enerxético de electrodomésticos afecta a frigoríficos, conxeladores, lavadoras e lavalouzas e incluirá novos produtos que non tiñan etiquetado, como os televisores.

Para máis información descargar pdf:
Descargar
 
15/07/2011
Sotavento amosa o seu lado máis artístico a un grupo internacional do Proxecto Comenius
“Science & Art: so similar, so different!”, é o nome do curso de Formación do Profesorado incluído no Catálogo Comenius da Unión Europea que participou nas actividades de Sotavento esta semana. O obxectivo fundamental deste curso é amosar a relación entre ciencia e arte, polo que nesta volta amosamos a nosa parte máis artístico–científica.

Sotavento relaciona a cotío ciencia e arte co fin de motivar e facilitar a comprensión de determinados conceptos ao público non especializado. Neste intre unha exposición temporal, “Unha mirada matemática”, mestura as matemáticas e o arte da fotografía, amosándonos cómo as formas xeométricas estan presentes no noso entorno máis próximo. Esta exposición permanecerá nas nosas instalacións ata finalizado o mes de agosto.

Os participantes no curso, profesores de secundaria, procedían de Grecia, Italia, Austria, Noruega, Rumanía, Portugal, etc. e permaneceron en Sotavento entorno ás tres horas e media.
 
11/07/2011
Sotavento acolle de novo a visita do proxecto italiano Rinnovambiente
O proxecto Rinnovambiente é un proxecto internacional no que participan representantes de empresas relacionadas co medio ambiente e coa enerxía, representantes públicos e xestores de formación. Deste xeito, persoas de diferentes zonas de Italia, como Siena ou Grosseto, visitaron as instalacións de Sotavento interesados na nosa experiencia no eido das enerxías renovables e da eficiencia enerxética.

O principal obxectivo do proxecto Rinnovambiente é adaptar e/ou desenvolver metodoloxías e ferramentas de información destinadas a facer posible o aumento no nivel de experiencia en enerxías renovables e medio ambiente. Por este mesmo motivo, escolleron o pasado mes de novembro o noso Parque como un dos escenarios da súa visita a España, e repiten nesta ocasión con novos participantes. Con estas visitas pretenden analizar e avaliar as mellores prácticas en materia da educación enerxética, así como mellorar os coñecementos entre os socios para a creación dunha rede europea para a educación no campo enerxético.

A visita a Sotavento permitiulles aos participantes comprobar o traballo divulgativo e técnico que se está a levar a cabo no noso Parque, así como visitar diferentes proxectos de investigación, como a Vivenda Bioclimática Demostrativa ou o Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno. Coñeceron ademais os diferentes e innovadores materiais divulgativos utilizados en Sotavento para acadar un maior achegamento do público ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética.
 
04/07/2011
“Unha mirada matemática”, nova proposta en Sotavento de cara ao verán
Sotavento estase a converter nun referente en Galicia na divulgación e difusión científica, centrado nas enerxías renovables e o aforro enerxético, pero aberto a calquera acción divulgativa.

Con máis de 20.000 visitantes de media ao ano, buscamos actualizar constantemente os contidos do Parque con propostas novidosas, pero non exentas de rigorosidade científica. Para iso realizamos habitualmente exposicións temporais que apoian, potencian e completan os contidos da propia instalación.

Cunha media de tres exposicións ao ano, a nosa proposta cara os meses de verán é a exposición itinerante “Unha mirada matemática”. Esta atractiva mostra permítenos descubrir o que é capaz de ver o ollo guiado por unha mente instruída nas matemáticas. A autora, Nieves Díaz Fernández, profesora desta “ciencia das ciencias”, amosa dende a súa afección á fotografía, cómo poden manifestarse as formas xeométricas no noso entorno. Achega así natureza, arquitectura e obxectos cotiáns ao visitante dunha forma orixinal, diferente e amena que coincide coa metodoloxía empregada en Sotavento.

Esta exposición composta por 63 láminas de 42x32 cm (unha de presentación, dúas de descricións e 60 fotografías), poderá ser visitada nas nosas instalacións durante os meses de xullo e agosto. A autora, amósanos nesta exposición "cómo a natureza, arquitectura e obxectos cotiáns, están impregnados de caprichosas formas xeométricas que lles confiren unha indiscutible e particular beleza. Nada escapa a esa mirada matemática".

Ademais dos paneis, proponse unha actividade complementaria á visita da exposición. A autora non titulou as fotografías, entendendo que o visitante pode encontrar referencias ás matemáticas que sirvan para poñerlles título. Para facilitar esta actividade, os visitantes, de forma individual ou en grupo, poden cubrir unha folla poñendo a relación matemática que eles lle ven a cada imaxe. Finalmente, e se o desexan, poden comparar a súa idea coa da propia autora.

Para visitar esta e outras exposicións en Sotavento é imprescindible concertar previamente a visita no noso teléfono de xestión de visitas.

Descargar pdf da exposición:
Descargar
 
01/07/2011
IX Certame Renovable
Xa está dispoñible na sección correspondente desta mesma páxina web a resolución dos premios do IX Certame Renovable 2011.

Para acceder aos mesmos copie o seguinte enlace no seu navegador: http://www.sotaventogalicia.com/area_divulgativa/galego/concursos_fotografia.php
 
21/06/2011
O Parque Eólico Experimental Sotavento cumpre 10 anos
Unha década despois de que o Príncipe de Asturias inaugurase Sotavento como un proxecto con características singulares, hoxe preséntasenos como unha proposta consolidada e de referencia tanto no aspecto divulgativo–formativo como no investigador.

Neste período, en Sotavento leváronse a cabo multitude de proxectos de investigación entre os que destaca o Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en Forma de Hidróxeno que permite dar solución a importantes problemas vinculados á enerxía do vento; Aerogidas, un sistema de mantemento predictivo intelixente baseado en redes neuronais que permiten adiantarse ás posibles avarías dos aeroxeradores; ou a Vivenda Bioclimática Demostrativa, onde se exemplifica a correcta a construción dos edificios de cara a acadar un desenvolvemento sostible.

No aspecto formativo, nestes dez anos, Sotavento levou a cabo numerosos cursos de formación dirixidos a diferentes colectivos, tanto técnicos como de profesorado, e as nosas instalacións albergaron equipos e a realización de ensaios destinados a mellorar o mantemento dos aeroxeradores e a seguridade dos operarios. Deste xeito, modernos andamios que trepan polo fuste dos muíños, minihelicópteros para a supervisión de pás e liñas ou simulacros de rescate, son algunhas das actividades levadas a cabo neste ámbito neste Parque.

Pero se por algo se recoñece a Sotavento é pola súa labor de educación enerxética e sensibilización ambiental. Cunha media que supera os 20.000 visitantes anuais vén de converterse nun referente neste aspecto, onde acoden visitantes de toda Galicia, España e mesmo internacionais. As nosas propostas, destinadas a todo o público, achegan as enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética dun xeito ameno e práctico. De feito as actividades valóranse cun 9 de media nunha escala de 1 ao 10.

Nestes dez anos, creáronse os Premios Renovables co obxectivo de incentivar distintas iniciativas relacionadas co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea de Sotavento en particular. Deste xeito procúrase un maior coñecemento da realidade enerxética que nos rodea caracterizada polo esgotamento de recursos e polos problemas ambientais derivados dun excesivo consumo de enerxía. Hoxe, coincidindo con esta data importante, a Fundación Sotavento Galicia fixo entrega dos premios do IX Certame Renovable 2011 na modalidade de debuxo, onde os galardonados foron rapaces do CEIP de Maciñeira de Neda (Primeiro Premio do Segundo Ciclo de Educación Primaria) e do CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña (Primeiro Premio do Terceiro Ciclo de Educación Primaria). O premio correspondente ao Primeiro Ciclo de Educación Infantil e Primaria xa foi entregado a semana pasada, coincidindo co Día Mundial do Vento, na EEI de Vilalba.

Un elevado número de publicacións representan outras das actividades importantes realizadas en Sotavento neste período, destacando “Muíños do Mundo”, “Papaventos con Historia” ou “A enerxía ao redor de ti”, que reza un dos eslogans da institución que hoxe cumple 10 anos de funcionamento efectivo cunha actividade intensa nos distintos ámbitos para a que foi concebida.

Exposicións e xornadas enerxéticas completan este resumo. Dende o inicio das nosas actividades educativas–divulgativas, viñéronse realizando distintas e variadas exposicións co fin de achegar complementos interesantes ás actividades educativas levadas a cabo nesta instalación. Estas mostras contribúen á explicación de certos fenómenos importantes ou relacionados cos obxectivos didácticos do parque e teñen, en función do seu interese ou das nosas posibilidades, un carácter temporal ou permanente. Deste xeito, en Sotavento poñemos a disposición do público unha media de catro exposicións ao ano.

Lembramos que as nosas instalacións están abertas para ser visitadas por todos/as aqueles/as que o desexen, chamando previamente ao teléfono de xestión de visitas 981 563777 (laborais) ou 981 441020 (non laborais). Lembramos ademais, que o horario de apertura das nosas instalacións nos días non laborais volve a rexerse polo horario de verán, que é de 12:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 17:30 horas.
 
15/06/2011
O Parque Eólico Experimental Sotavento celebra con éxito o Día Mundial do Vento
Con motivo do Día Mundial do Vento, que este ano se celebra en 29 países de todo o mundo, a Fundación Sotavento Galicia centra as súas actividades divulgativas en promover o uso deste recurso renovable, limpo e autóctono.

Como cada ano, coa celebración de este evento coordinado por GWEC, EWEA e AEE (Asociacións Eólicas Mundial, Europea e Española), a Fundación Sotavento pretende concienciar aos seus visitantes de que o uso deste recurso é unha realidade con grandes vantaxes con respecto ás fontes de enerxía tradicionais.

Por este motivo, as actividades realizadas neste Parque Eólico Experimental prolónganse durante toda a semana e terán como punto central esta homenaxe ao vento e ás diferentes formas de aproveitamento desta fonte de enerxía.

Deste modo, máis de 500 persoas terán a oportunidade de coñecer máis de cerca este recurso de forma lúdica e educativa. Así, dependendo das características do grupo, os participantes poderán realizar obradoiros de cometas ou muíños, coñecer a evolución dos muíños de vento ao longo da historia, visitar a sala de control do Parque ou incluso coñecer a situaci´con de importantes proxectos de investigación relacionados coa enerxía eólica. Ademais, xogos relacionados con este recurso natural e gratuíto servirán para que os máis pequenos fixen os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.

O mércores 15 de xuño, Día do Vento, uns 100 alumnos de primaria realizaron unha solta de globos biodegradables para chamar a atención dos medios e de toda a sociedade sobre as posibilidades de vento como recurso inesgotable e necesario para a sostibilidade deste Planeta. Neles, escribiron os seus desexos e propostas de cara a acadar un mundo máis limpo. O vento encargouse de elevalas quizás en busca de respostas.

As visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento son completamente gratuítas e poden ser solicitadas por todo aquel que o desexe chamando con antelación ao teléfono de xestión de visitas 981 563777 (laborais) e 981 441020 (non laborais).

Para ver o vídeo copie o seguinte enlace no seu navegador: http://www.youtube.com/watch?v=7hQmSfuKzOg&feature=youtu.be

Noticia en pdf:
Descargar
 
09/06/2011
A Fundación Sotavento e Novacaixagalicia renovan o seu convenio de colaboración
O presidente da Fundación Sotavento Galicia, Eliseo Diéguez García e o director territorial de Novacaixagalicia en Santiago, Juan Carlos Carneiro Caneda, renovaron o acordo de colaboración firmado por ambas entidades no 2006.

O principal obxectivo de dito acordo é estudar e promover todo tipo de proxectos relacionados con enerxías renovables. Grazas a esta colaboración permitirase a realización dun amplo abanico de actividades e estudos relacionados co respecto e a conservación do medio ambiente, ao promover o uso de enerxías renovables e o aforro enerxético.

Grazas a esta iniciativa, nestes cinco anos foron posibles publicacións como “A enerxía ao redor de ti”, a celebración de xornadas técnicas orientadas a diferentes colectivos, a elaboración de paneis divulgativos sobre enerxías renovables ou a confección de maquetas demostrativas para promover o aforro enerxético.
 
02/06/2011
O Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno presentouse en Canadá
Un dos eventos internacionais máis importantes sobre a industria do hidróxeno e das pilas de combustible, HFC2011, acolleu na súa quinta edición a presentación do Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno.

Este proxecto, foi desenvolvido mediante un convenio específico entre a Consellería de Innovación e Industria, Gas Natural e a Fundación Sotavento Galicia, e o seu obxectivo é o desenvolvemento da tecnoloxía do Hidróxeno de cara á optimización do recurso eólico.

A conferencia e exhibición internacional tivo lugar no Centro de Convencións de Vancouver, Canadá, e contou con discursos de apertura de prominentes da industria, académicos e portavoces do goberno canadense.

No acto, que atrae cada ano a preto de 1.000 participantes dos países máis activos no sector, amosáronse os últimos resultados acadados no Proxecto Experimental de Sotavento. Este proxecto, pioneiro e innovador, introduce ao hidróxeno no eido das enerxías renovables como unha posible solución dun problema vinculado ás mesmas, como é o da súa xestión en función de recursos variables e impredicibles (vento, sol, etc.).

Deste xeito, os países máis importantes na industria do hidróxeno e das pilas de combustible, tiveron ocasión de coñecer un pouco máis a fondo a orixinalidade das investigacións e o contido técnico que ten lugar grazas a este Proxecto inaugurado no 2008 nas nosas instalacións.

Por outra banda, Gas Natural tamén presentou o proxecto en Berlín.

Lembramos que para visitar Sotavento é imprescindible solicitalo con antelación no noso teléfono de xestión de visitas. Para máis información sobre este proxecto visitar a sección de proxectos desta mesma páxina web.
 
19/05/2011
Sotavento celebrou con gran éxito a Semana Solar Europea 2011
A Fundación Sotavento Galicia finaliza a celebración da Semana Solar Europea 2011 cunha gran participación nas súas actividades.

Esta Semana que cada mes de maio se lle dedica ao Sol é promovida pola Comisión Europea e coordinada pola Federación Europea da Industria Solar Térmica en colaboración con EPIA. O principal obxectivo desta iniciativa, que xa vai pola súa terceira edición en España, é dar a coñecer o Sol como un tipo de enerxía inesgotable, autóctona e segura, estimulando ao mesmo tempo a conciencia pública sobre a importancia do seu uso.

Dende a Fundación Sotavento Galicia quixemos, outro ano máis, unirnos a este evento e concienciar aos nosos visitantes de que o uso deste recurso para a produción de calor e electricidade é unha realidade con grandes vantaxes con respecto ás fontes de enerxía tradicionais.

Por este motivo, as actividades realizadas nas nosas instalacións durante a semana do 9 ao 16 de maio tiveron como centro esta homenaxe ao Sol, amosándolle aos participantes as inmensas posibilidades deste recurso natural e gratuíto.

Deste xeito, e tendo en conta que excepto a xeotérmica e a nuclear, todas as fontes de enerxía teñen orixe solar, os nosos visitantes durante esta Semana puideron ver in situ o funcionamento da enerxía eólica e o uso da biomasa como combustible. Aproximadamente o 2% da enerxía solar convértese en vento debido ás diferenzas de presión que se producen ao quentar a atmosfera e as plantas utilizan o Sol para realizar a fotosíntese, vivir e medrar. Esta materia vexetal é a biomasa.

Ademais, algúns dos/as rapaces/as que visitaron Sotavento durante esta celebración puideron realizar obradoiros relacionados co Sol, como un forno ou un reloxo solares. Esta actividade foi valorada moi positivamente polos rapaces, xa que puideron comprobar en primeira persoa as numerosas posibilidades deste recurso tan común.

Outros grupos, realizaron actividades exteriores como xogos relacionados tamén coas enerxías renovables e puideron deste xeito coñecer un pouco máis de preto as placas solares, tanto térmicas como fotovoltaicas e as diferentes tecnoloxías existentes no mercado.

Outra actividade moi ben valoradas polos participantes foi a solta de globos biodegradables na que participaron máis dun centenar de persoas. De feito, como peche desta Semana Europea do Sol, os visitantes fixeron unha solta de globos amarelos biodegradables para chamar a atención dos medios e de toda a sociedade sobre as posibilidades do Sol como recurso inesgotable e necesario para a sostibilidade deste planeta.

Por último, e agradecendo a súa participación nas actividades, moitos dos participantes foron premiados cun agasallo conmemorativo deste día e todos recibiron uns trípticos informativos sobre este evento.

Como curiosidade, dende a Fundación lembramos que nunha hora o Sol é capaz de enviar máis enerxía á Terra da que a humanidade precisa para todo un ano. Por este mesmo motivo quixemos dedicarlle estes días a esta fonte de enerxía renovable, limpa e segura.

Enlace á noticia:

http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?emi=12291&corte=2011-05-16&hora=14:15:24&canle=tvg1
 
18/04/2011
A Fundación Sotavento Galicia recibe a visita da área didáctica da Fundación Ciudad de la Energía
A “Fundación Ciudad de la Energía” (CIUDEN) foi creada polo Goberno de España como fundación pública estatal co obxectivo de “potenciar o desenvolvemento económico e social da comarca do Bierzo”, mediante a execución de actividades relacionadas coa enerxía e o medio ambiente.

Do mesmo xeito que a Fundación Sotavento Galicia, os programas da Fundación ponferradina pretenden buscar solucións aos problemas enerxéticos e ambientais do mundo actual. Por este mesmo motivo, e interesados no Plan Divulgativo de Sotavento, membros da área didáctica de CIUDEN visitaron o noso Parque. As participantes coñeceron o funcionamento da nosa área educativa–divulgativa e á súa vez puideron visitar as nosas instalacións.
 
05/04/2011
A Fundación Sotavento Galicia participa na constitución da Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica
Especialistas en ciencia e profesionais da divulgación de Galicia únense co obxectivo de fomentar a divulgación do coñecemento científico na nosa terra.

A asemblea fundacional celebrouse no Museo Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela coa presenza de 30 socios e socias con gran experiencia nos ámbitos da comunicación, a ciencia, a tecnoloxía, a innovación, o medio natural e a saúde. Nesta primeira xuntanza, aprobáronse os estatutos da Asociación, elixiuse a súa Xunta Directiva e debatéronse as primeiras propostas de actividades.

A nova Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica, pretende poñer a disposición da sociedade información relacionada coa ciencia, tecnoloxía e innovación, mediante a divulgación de xeito propio ou conxunto por parte dos seus socios e socias. Deste xeito, científicos, xornalistas especializados e persoas vencelladas dalgún xeito coa divulgación da ciencia e da innovación, tentan acadar un maior achegamento da sociedade a este campo.

A Fundación Sotavento Galicia é un bo exemplo deste traballo de difusión con máis de 9 anos de experiencia en actividades de divulgación científica e tecnolóxica. Máis de 180.000 persoas participaron nas distintas propostas que ofrecemos dende o inicio da nosa andaina no ano 2002.

Descargar fotografía:
Descargar
 
28/03/2011
A Fundación Sotavento Galicia uniuse ao Día Mundial da Auga cunha Xornada Especial celebrada en Sotavento
A Fundación Sotavento Galicia organizou no noso Parque unha xornada con motivo do Día Mundial da Auga, que se celebra cada 22 de marzo.

Este ano, o tema deste día foi “Auga para as cidades: respondendo ao desafío urbano” e tivo como principal obxectivo centrar a atención internacional sobre o impacto do rápido crecemento da poboación urbana, a industrialización e o dilema causado polo cambio climático, os conflitos e os desastres naturais sobre os sistemas urbanos de abastecemento de auga.

A maioría da poboación mundial vive en cidades e a paisaxe urbana segue crecendo, aumentando esta poboación de xeito máis rápido que a capacidade de adaptación da súa infraestrutura. Por iso co Día Mundial da Auga 2011 preténdese alentar aos gobernos, ás organizacións, ás comunidades e ás persoas en particular a participar de xeito activo para responder ao desafío da xestión da auga nas cidades.

Con esta xornada dedicada á auga, centrámonos en demostrar, mediante aplicacións informáticas propias, cómo unha correcta xestión deste recurso tan necesario pode contribuír ao coidado do noso medio ao mesmo tempo que aumenta a nosa calidade de vida.

Ademais, durante unha semana, as nosas visitas tiveron como un dos seus temas principais o aforro e a eficiencia no consumo de auga nas nosas vivendas. Deste xeito, máis de 300 persoas con visita concertada ás nosas instalacións recibiron consellos sobre cómo facer unha correcta xestión deste recurso nas súas vidas cotiás.

Dende a Fundación, memorando este Día Internacional, lembramos que:

• Lavar a vaixela a man resulta un 60% máis caro que facelo nun lavalouza a plena carga.

• Con sinxelos e económicos accesorios podemos regular o caudal das nosas billas, aforrando moitos litros de auga.

• Se introducimos unha botella chea de auga na cisterna do inodoro aforraremos en cada baleirado a cantidade de auga equivalente ao volume desa botella.

• Unha billa goteando cada segundo supón un gasto diario duns 30 L de auga.

• Se substituímos o baño pola ducha podemos aforrar ata 100 L de auga en cada uso.

Ademais, queremos facer especial fincapé na necesidade de adoptar algúns hábitos sinxelos, pero de gran importancia global como:

• Pechar a billa mentres cepillamos os dentes.

• Lavar o coche con caldeiro e esponxa, en vez de utilizar tanto a mangueira.

• Regar o xardín pola mañá cedo ou cara a noite.
 
25/03/2011
Sotavento acolle un curso de condución eficiente de vehículos industriais
Sotavento levou a cabo unha xornada de traballo sobre medidas de aforro e eficiencia enerxética no sector do transporte de mercadorías, que foi organizada de forma conxunta polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a Dirección Xeral de Mobilidade en colaboración co Instituto de Formación Logística y Transporte (IFT).

Esta xornada estivo presidida por Miguel Rodríguez Bugarín, Director Xeral de Mobilidade e Eliseo Diéguez García, Director do Inega e Presidente de Sotavento, en compaña de representantes do concello de Xermade e de distintas federacións galegas do sector do transporte, así como membros da Fundación Sotavento Galicia.

Durante o día tratáronse de debater, co coñecemento de IFT, empresa experta na formación en condución eficiente e xestión de flotas de transporte, as medidas deste sector recollidas na estratexia E4 2008-2012 (Medidas 2 e 3b: Xestión de flotas de transporte por estrada e condución eficiente de vehículos industriais).

No transcurso da actividade, tratouse de facer unha posta en común desta temática de xeito que permita adecuar e acomodar os plans de traballo 2011 e 2012 a estas medidas, a fin de diminuír o consumo enerxético do transporte por estrada. Ademais, os participantes realizaron dúas quendas de condución en vehículos industriais adaptados para levar ata 7 ocupantes e provistos de medidores de consumo que permitiron comprobar que o aforro acadado na condución eficiente con respecto á condución habitual dos experimentados condutores aproximouse ao 12% de media.

Por outra banda, o noso Parque tamén acolleu dous cursos de formación nos que operarios de Iberdrola Renovables realizaron un curso de “Procedemento de Operación Eléctrica en STE’s”. Dito curso impartiuse na Vivenda Bioclimática Demostrativa cunha duración de 8 horas por xornada, e contou con máis de 40 participantes.
 
22/03/2011
Sotavento participa na inauguración dun edificio bioclimático en Valladolid da man da Ministra de Ciencia e Innovación
A ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, inaugurou o edificio bioclimático que lle servirá ao Grupo Lince Asprona como sede de oficinas en Valladolid e que, xunto coa nosa Vivenda Bioclimática Demostrativa, completan o denominado proxecto ENVITE, un Proxecto Cooperativo Científico – Tecnolóxico Singular e de Carácter Estratéxico de Demostración da Viabilidade Técnica e Económica do Uso Eficiente da Enerxía na Edificación e a súa Capacidade de Revitalización Económica.

Deste xeito, responsables da Fundación Sotavento Galicia participaron nesta inauguración celebrada no polígono valisoletano de “El Carrascal”, xunto con representantes de outras empresas involucradas, como Emilio Miguel Mitre, de ALIA ARQUITECTURA e arquitecto de ambos proxectos de investigación.

As instalacións do Grupo Lince Asprona – Fundación Personas albergarán, ademais das oficinas, talleres e aulas destinadas á formación e contratación de persoas con discapacidade intelectual. Os talleres, ademais, servirán como centro de aprendizaxe e ensinanza das enerxías renovables.

Tanto a nosa Vivenda como o edificio valisoletano foron construídos co fin de demostrar a viabilidade técnica e económica do uso eficiente da enerxía na construción, podendo incorporarse a edificación bioclimática á práctica habitual a un custe viable e mellorando o confort e a nosa calidade de vida.

Durante o acto de inauguración, Cristina Garmendia remarcou que o desenvolvemento científico e tecnolóxico en materia de enerxías renovables é unha das grandes fortalezas do noso país. Garmendia indicou que era “unha mensaxe clara para un sector, o da construción, que para volver a crecer debe reinventarse a si mesmo, internacionalizándose e incrementando o valor engadido que xeran as súas actividades”.

Segundo a ministra, “ENVITE é un exemplo de Ciencia ao servizo da sociedade e da economía. É tamén un modelo de cooperación entre sector público, empresas e organizacións sociais. Unha cooperación que aborda retos reais que nos afectan como cidadáns, como a eficiencia enerxética ou retos medioambientais relacionados coa sostibilidade da arquitectura e do urbanismo”.

Ambos edificios do proxecto ENVITE van acompañados dunha serie de accións de investigación, desenvolvemento e difusión que pretenden potenciar o uso da enerxía solar pasiva (sombreamentos, orientacións, materiais, etc.) ademais de instalacións activas como paneis fotovoltaicos, captadores solares térmicos e outro tipo de instalacións eficientes.

No caso do edificio residencial demostrativo do noso Parque, o obxectivo principal é amosarlle aos visitantes as posibilidades reais de aforro que existen á hora de construír unha vivenda e demostrarlles que unha pequena inversión inicial a maiores pode supoñer un gran aforro futuro nas nosas facturas, contribuíndo a un maior coidado do noso medio.

A Vivenda Bioclimática pode ser visitada os días laborais de 10:00 h a 18:00 h e os non laborais de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 18:00 h, solicitándoo previamente no teléfono de xestión de visitas 981 563777.
 
15/03/2011
A Fundación Sotavento Galicia remata a campaña 2010/2011 de Condución Eficiente
A necesidade do aforro de enerxía nos automóbiles está á orde do día. Cada vez son menos os recursos dispoñibles e maiores os seus custes. Respondendo a esta problemática, dende a Fundación Sotavento Galicia impartimos máis de 300 cursos de condución eficiente na provincia de Lugo durante a campaña 2010/2011, que veñen a sumarse aos máis de 1.200 cursos impartidos en campañas anteriores.

Esta iniciativa forma parte do Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Este Plan contempla medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte co obxectivo de racionalizar mellor o uso do noso vehículo e ofrece un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias.

Condutores/as de diferentes puntos da provincia lucense participaron nesta acción formativa onde os colectivos máis implicados foron os concellos e as asociacións de veciños.

Deste xeito, nesta campaña o curso foi realizado por usuarios e usuarias de Alfoz, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Cervo, Chantada, Guitiriz, Lugo, Quiroga, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Xermade, etc.

Nestes cursos, impartidos por educadores expertos, explícanse as técnicas para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais, coa posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois dunha sesión teórica.

Tras analizar os datos obtidos nesta campaña, que perseguía un aproveitamento máis eficiente dos recursos naturais e a consecuente redución na emisión de gases contaminantes á atmosfera, destacamos o aforro medio de combustible, que representa o 15,1% (0,94 L/100 km) en relación ás conducións habituais dos participantes. Ademais de aforrar enerxía e combustible, os/as alumnos/as comprobaron que isto non implica un aumento no tempo empregado para o percorrido, senón que na maioría das prácticas realizadas este diminuíu de xeito considerable.

Este aforro, tanto en enerxía como en emisións contaminantes, aínda se fai máis relevante se facemos unha extrapolación a nivel autonómico, onde evitaríamos a emisión á atmosfera de máis de 470 mil toneladas de CO2 aforrando, para unha quilometraxe anual de 16.000 km, máis de 193 € ao ano cun coche de gasolina e máis de 187 € cun coche de gasóleo.

O desenvolvemento destes Cursos de Condución Eficiente foi valorado moi positivamente pola maioría dos/as alumnos/as que o realizaron e cuxa media de idade roldou os 38 anos, participando un 59% homes fronte ao 41% de mulleres.

Os asistentes que realizaron o curso nesta campaña recibirán en breve o seu diploma acreditativo nos correspondentes organismos organizadores.

A Fundación Sotavento Galicia informará de futuras campañas de Condución Eficiente.
 
08/03/2011
Sotavento únese á celebración do Día Internacional da Muller
O Día Internacional da Muller, festa nacional nalgúns países, é un día recoñecido pola Organización das Nacións Unidas (ONU) que se celebra cada 8 de marzo dende principios do século pasado. Este ano, o tema deste Día é “A igualdade de acceso á educación, á capacitación e á ciencia e á tecnoloxía: o camiño cara o traballo decente da muller”.

A Fundación Sotavento Galicia, en homenaxe a todas as mulleres científicas, estreou o pasado día 1 de febreiro a exposición temporal “Con A de Astrónomas”, na que a través dunha serie de paneis, se fai un percorrido entre os principais fitos da astrofísica onde o papel da muller foi fundamental dende a antigüidade ata os nosos días.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, esta exposición creada por un grupo interdisciplinar de nove mulleres de distintos centros de investigación, permanecerá nas nosas instalacións ata o vindeiro día 10 de marzo. Espérase que ata entón máis de 1.500 persoas visiten a mostra formando parte de grupos de mulleres, maiores, centros educativos e particulares.

Segundo o Secretario Xeral da ONU, ”a igualdade das mulleres e as nenas constitúe tamén un imperativo económico e social. Ata que non se logre liberar ás mulleres e ás nenas da pobreza e a inxustiza, todos os nosos obxectivos –a paz, a seguridade, o desenvolvemento sostible- correrán perigo”.

Esta exposición, amósanos o duro traballo de centos de mulleres por acadar recoñecemento á súa labor, loitando contra a desigualdade de xénero sufrida na súa época. “Con A de Astrónomas” pretende reivindicar e recuperar a participación das mulleres, as grandes esquecidas da historia, en todos os campos do desenvolvemento humano: ciencia, tecnoloxía, educación, etc.

Non é a primeira vez que Sotavento rende homenaxe ao traballo da muller no eido científico. Durante o ano pasado, outra exposición, “Ciencia Ex Aequo”, poñía en valor o seu importante traballo, xunto coa súa inestimable e pouco valorada contribución á ciencia.

Lembramos, ademais, que “Con A de Astrónomas” pode ser visitada ata o vindeiro día 10 de marzo, en grupo ou de xeito individual, no noso Parque Eólico de luns a venres en horario de 10:00 h a 18:00 h e os fins de semana e festivos en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 18:00 h, previa cita no teléfono 981 441020.
 
23/02/2011
Un grupo de profesores europeos do Proxecto Comenius visitou Sotavento
Un grupo de docentes procedente de diferentes centros educativos europeos visitaron as instalacións do noso Parque.

O grupo, procedente de países como Francia, Italia e Romanía, pertence ao Programa ECOGAIA 2010-2012 do Proxecto Comenius, un proxecto financiado pola Comunidade Europea que procura o desenvolvemento e entendemento entre varias culturas europeas a través do intercambio e cooperación entre escolas de diferentes países.

Durante a visita, que tivo unha duración total de dúas horas, unha quincena de mestres especialistas en diferentes áreas da educación, puideron coñecer proxectos tan relevantes como o de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno ou a Vivenda Bioclimática Demostrativa, ademais de visitar a sala de control do Parque e a zona dedicada a eficiencia enerxética no fogar.

Descargar fotografía:
Descargar
 
10/02/2011
Responsables da Fundación Sotavento presentan a Vivenda Bioclimática no XLVI Curso de Saúde Ambiental
A Fundación Sotavento Galicia participa na 46ª edición do Curso de Saúde Ambiental que se celebra en Cospeito e que se enmarca dentro do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000 2011.

Este curso, cuxo obxectivo principal é o de abordar e debater algúns dos problemas ambientais prioritarios da Terra Chá, conta cuns trinta poñentes de alto nivel e máis dun centenar de asistentes interesados na saúde e no medio ambiente.

O responsable da nosa área educativa – divulgativa, presentou neste seminario a Vivenda Bioclimática Demostrativa, amosando cómo a correcta construción dunha vivenda pode axudar a mellorar a calidade de vida, reducindo o gasto económico e o impacto sobre o medio ambiente.

A continuación pódese descargar o programa do curso:
Descargar
 
01/12/2010
A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia visita a Vivenda Bioclimática
APETEGA, asociación formada por profesores do departamento tecnolóxico de diferentes centros de Galicia, visitou Sotavento con motivo da celebración das IV Xornadas Monográficas. Esta xornada, titulada “O Fogar do Futuro. Bioconstrución, Domótica e Enerxías Alternativas” foi unha actividade de formación dirixida ao profesorado do ensino público e concertado de educación secundaria que imparte a área de Tecnoloxía.

A xornada, que tiña como un dos seus obxectivos o de mellorar a formación deste tipo de colectivo no eido da bioconstrución, domótica e enerxías alternativa así como fomentar a conciencia medio ambiental do profesorado, comezou coa visita do grupo ás nosas instalacións. Aquí puideron coñecer as principais técnicas de bioconstrución e os fundamentos das construcións bioclimáticas e domóticas, ademais de visitar instalacións de enerxía eólica e a súa acumulación en forma de hidróxeno.

Durante as catro horas de duración da visita os participantes tamén coñeceron outros proxectos que se están levando a cabo en Sotavento para o mellor aproveitamento do recurso eólico como Aeroxidas e Efivento.

Descargar foto:
Descargar
 
17/11/2010
Sotavento acolleu a visita de expertos italianos en enerxías renovables e impacto ambiental
Rinnovambiente é un proxecto formado por socios e consultores italianos que traballaron sempre no eido das enerxías renovables e da avaliación do impacto ambiental, chegando a converterse nun actor importante do sector. O seu obxectivo principal é proporcionar servizos de asesoramento técnico e xestión ambiental ao mundo do traballo.

O proxecto Rinnovambiente ten como principal obxectivo adaptar e/ou desenrolar metodoloxías e ferramentas de información destinadas a facer posible o aumento no nivel de experiencia en enerxías renovables e medio ambiente. Para isto, escolleron como un dos escenarios da súa visita a España o noso Parque, co obxectivo de analizar e avaliar as mellores prácticas e “saber cómo” en materia da educación e da enerxía, así como mellorar os coñecementos entre os socios para a creación dunha rede europea para a educación no campo enerxético.

Durante o percorrido polas nosas instalacións, unha quincena de participantes comprobaron o traballo divulgativo e técnico en Sotavento e descubriron distintos materiais e soportes didácticos innovadores para a divulgación das enerxías renovables e o aforro enerxético. Durante as dúas horas que durou a visita, coñeceron a Vivenda Bioclimática Demostrativa como un claro exemplo de contenedor demostrador de enerxía, e visitaron outros proxectos e instalacións de gran interese.
 
05/11/2010
Membros do Ministerio de Ciencia e Innovación visitan a Vivenda Bioclimática Demostrativa
Mª Luisa Castaño Marín, Subdirectora Xeral de Coordinación de Centros Tecnolóxicos e Plataformas Científico–Tecnolóxicas, Mª del Rosario Heras Celemín, Xefa da Unidade de Investigación sobre Eficiencia Enerxética en Edificación do CIEMAT, Eliseo Diéguez García, Director do Inega, o presidente do GRUPO LINCE e membros de Dirección de Obra da nosa Vivenda Bioclimática Demostrativa visitaron esta instalación en compañía de representantes da Fundación Sotavento Galicia.

O Proxecto ENVITE, do que forma parte esta Vivenda, ten como principal obxectivo demostrar a viabilidade técnica e económica do uso eficiente da enerxía na edificación e a súa capacidade de revitalización económica.

O fin principal desta visita técnica realizada por membros do Ministerio de Ciencia e Innovación foi ver máis de cerca o desenvolvemento deste proxecto de investigación único en España e comprobar as potencialidades técnicas que ten este contenedor–demostrador de enerxía de cara ao sector da edificación no noso país.
 
20/10/2010
Máis de medio centenar de mulleres visitan Sotavento no Día Internacional da Muller Rural
En conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, o Parque Eólico Experimental Sotavento, situado entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña), acolleu a visita de máis de 50 mulleres do Concello de Mugardos.

A celebración deste Día a nivel internacional, ten como principal finalidade a de recordarlle á sociedade que en moitos países as mulleres rurais viven na extrema pobreza, sen acceso aos servizos básicos e con enormes cargas de traballo, tanto dentro como fóra do fogar. En Galicia, o lema deste Día é “O teu labor sostén o rural galego” e pretende facer fincapé na importancia de potenciar as capacidades das mulleres que traballan neste sector e mellorar a súa calidade de vida.

Dende a Fundación Sotavento Galicia quixo unirse ao recoñecemento do traballo de todas as mulleres do mundo rural, ofrecéndolles un percorrido de dúas horas polo mundo enerxético actual e aconsellándoas para realizar un uso máis eficiente e responsable da enerxía. Deste xeito, as participantes puideron descubrir novas formas de aforro enerxético, así como degustar un chocolate preparado de xeito ecolóxico na nosa cociña solar parabólica.
 
05/10/2010
A Fundación Sotavento Galicia adhírese ao produto de Turismo Industrial Eume – Ferrol – Ortegal
A Fundación Sotavento Galicia firmou un compromiso de adhesión ao produto de Turismo Industrial Eume – Ferrol – Ortegal, un proxecto impulsado no marco da subvención de Soportes de Promoción de Destinos e do Plan de Dinamización de Produto Turístico Ferrol – Ortegal.

Este proxecto, xestionado pola Deputación Provincial da Coruña, ten como principal obxectivo o de posicionar o destino Eume – Ferrol – Ortegal como referente de turismo industrial, agrupando e estruturando a oferta de empresas visitables en dito territorio. Con isto pretende mellorarse a calidade de vida da poboación local e residente que vive e traballa no destino turístico, dar unha mellor calidade de experiencia para o visitante, manter a calidade do medio ambiente e obter uns niveis máis elevados de rendibilidade económica da actividade turística.

A Fundación Sotavento Galicia, que cumpre todos os requisitos esixidos por este proxecto para garantir uns niveis de calidade aos visitantes ao noso Parque, únese a este produto co fin de poder mellorar a súa oferta grazas ás accións de información e formación impulsadas polo Plan de Dinamización deste Produto.

Ademais da Fundación Sotavento Galicia, nesta iniciativa toman parte outras empresas características da zona, como as industrias navais Astano e Bazán, articulándose como un itinerario que permita coñecer e gozar ao visitante, dun xeito organizado, do mundo fabril, procesos tecnolóxicos, produtos agroalimentarios, etc.
 
14/09/2010
A visita de máis de 4.000 persoas durante o verán pecha o curso académico 2009/2010 en Sotavento
Tras os meses estivais de xuño, xullo e agosto, Sotavento constitúese como un bo reclamo turístico na zona superando os 150.000 visitantes dende que iniciamos a nosa andaina.

O número de visitantes que se achegaron ás nosas instalacións durante o trimestre vacacional foi de 4.491, repartidos en 701 grupos de procedencia moi variada. Dentro da nosa comunidade, os veciños das provincias de Lugo e Coruña seguen sendo os que máis nos visitan, mentres que a nivel nacional se achegaron neste período turistas dende Asturias, Badaxoz, Barcelona, Madrid, Navarra, País Vasco, Tarragona, Valencia, Valladolid, Xaén e Zaragoza entre outros.

O noso Parque tamén segue sendo un reclamo turístico a nivel internacional, onde turistas e técnicos de diversos países tamén se achegan interesados nos innovadores proxectos de I+D+i. Durante os meses de verán, recibimos a visita de alemáns, arxentinos, daneses, holandeses, neocelandeses, portugueses e venezolanos.

No que respecta ás características dos grupos, a maioría dos visitantes eran turistas, aínda que o número de grupos técnicos procedentes de diversos cursos de verán tamén foi considerable.

A inauguración da Vivenda Bioclimática Demostrativa o pasado 21 de xuño, foi a novidade que máis atraeu aos turistas a Sotavento, sendo este proxecto de investigación único en España o mellor valorado polos visitantes.

Outras novidades presentes nesta época foron as actividades levadas a cabo no noso recinto, destacando a celebración do Día Mundial do Vento o 15 de xuño e a mostra de variadas exposicións temporais. Nunha destas exposicións, a autora galega Margarita Cimadevila, achegounos a Sotavento, unha obra composta por doce lenzos nos que mestura Ciencia e Arte. Esta orixinal obra de temática moi variada, puido contemplarse aquí ata finais do mes de xullo. Outra das exposicións presentes durante este trimestre, e que aínda pode ser visitada nas nosas instalacións, é a Exposición das Obras Presentadas ao VIII Certame Renovable, onde ademais de poder ver a maqueta a escala dunha vivenda bioclimática, tamén se pode ollar a creatividade dos autores das numerosas fotografías presentadas ao concurso organizado pola Fundación neste ano 2010.
 
22/06/2010
O Presidente da Xunta de Galicia inaugura a Vivenda Bioclimática de Sotavento
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acudiu a Sotavento para presidir o acto de inauguración da Vivenda Bioclimática Demostrativa. Feijóo, que estivo acompañado polo Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, apuntou que “esta construción debe ser o antecedente de outras moitas construcións intelixentes en Galicia e España, para aproveitar e aforrar intelixentemente a enerxía”.

O acto, que tivo lugar coincidindo co noveno aniversario do Parque, contou coa presenza de preto dun centenar de asistentes e a intervención de Eliseo Diéguez García, Director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e Presidente de Sotavento, dando a benvida aos invitados.

A xornada comezou co descubrimento dunha placa conmemorativa por parte do Presidente da Xunta á entrada da Vivenda Bioclimática, en presenza dos asistentes, que máis tarde puideron visitar este novidoso e innovador proxecto de aforro e eficiencia enerxética na edificación.

Para máis información sobre a Vivenda Bioclimática Demostrativa, visitar a sección "Proxectos" nesta páxina web.
 
22/03/2010
Economía e Industria desenvolveu en Sotavento actividades de promoción da eficiencia enerxética
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, desenvolveu o pasado 18 de marzo en Sotavento diversas actividades de eficiencia, nas que participaron un total de 78 persoas. Os visitantes, procedentes de grupos de As Pontes e Ribadeo, puideron participar en diversos obradoiros, así como nunha visita á vivenda bioclimática demostrativa que se está a impulsar no Parque. Ademais, aos responsables dos grupos convidóuselles a realizar cursos de condución eficiente. O programa de actividades desenvolveuse de 10.00 a 17.00 horas.

Este conxunto de actividades que se realizaron nas instalacións do Parque enmárcanse dentro do programa de actuacións de promoción do aforro e da eficiencia enerxética que a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, levou a cabo, durante o pasado mes de marzo e que tiveron como punto de arranque o 5 de Marzo, “Día Mundial da Eficiencia Enerxética”.
 
28/01/2010
Máis de 22.000 persoas visitaron Sotavento durante o ano 2009
Con máis de 22.000 visitantes acumulados no ano 2009 e superando as 1.800 persoas de media ao mes, seguimos a converternos nun referente no eido da divulgación das enerxías renovables na nosa comunidade.

A maior parte das visitas concertadas durante o período 2009 foron realizadas por universitarios e grupos técnicos de diferentes sectores interesados nos innovadores proxectos de investigación que se están a realizar no noso Parque. Familias, particulares, turistas e público en xeral completan o resto das visitas, que se achegaron dende diferentes puntos da xeografía española e mesmo internacional.

Xa son máis de 140.000 visitantes acumulados dende que comezamos as actividades no ano 2002, e o 38 % dos centros de educación formal de Galicia visitaron as nosas instalacións en algunha ocasión, convertendo Sotavento en parte do programa lectivo de moitos colexios, institutos e universidades ao longo do curso.
 
20/01/2010
O conselleiro de Economía e Industria visita Sotavento
Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, visitou durante case dúas horas a vivenda bioclimática demostrativa e salientou que “se trata dunha experiencia de marcado carácter innovador que nace co obxectivo principal de mostrar o importante papel enerxético e medioambiental que as vivendas poden ter de cara a conseguir un modelo de desenvolvemento sostible”.

Este Centro de Investigación e Divulgación da Arquitectura Bioclimática Sostible pretende amosar á xente con exemplos reais as posibilidades de aforro enerxético que se consegue con este tipo de construcións, á vez que mellora a calidade de vida de todos.

O conselleiro tamén sostivo que “esta vivenda está chamada a ser un referente e unha ferramenta de indubidable importancia para o sector da construción en Galicia e España”. “Deste xeito un completo sistema de captura e procesamento de datos e parámetros tanto enerxéticos, estruturais como climáticos permitirá ter en tempo real unha base de datos única para comprobar, validar e investigar todos os aspectos da vivenda, permitindo a elaboración de estudos e investigacións referentes ás posibilidades que nos ofrecen todos os aspectos relacionados con esta singular vivenda”, subliñou.
 
12/11/2009
Novo récord de produción eólica en Epaña
A madrugada do 8 de novembro, a enerxía eólica acadou un novo récord en España cubrindo o 53% da demanda eléctrica nacional. Esta cifra superou con creces o récord acadado o pasado 5 de novembro, onde a enerxía do vento cubriu un 45,1% da demanda.

Segundo datos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), os muíños galegos aportaron este día un 11,1% do consumo español, supoñendo case unha cuarta parte de toda a enerxía eólica aportada á rede.
 
12/11/2009
O Clube Camper de Galicia visita Sotavento
Máis de corenta persoas procedentes de toda España achegáronse ata o noso Parque nas súas furgonetas camper.

Unha concentración, organizada polo Clube Camper de Galicia na área recreativa de San Xoan (Guitiriz), aglutinou un grande número destes vehículos chegados dende toda Galicia, Asturias, País Vasco, Navarra, etc. Os participantes interesáronse especialmente polas instalacións de enerxía solar térmica, fotovoltaica e minieólica, dada a posibilidade de empregalos como sistemas enerxéticos nos seus vehículos. A sala de control, consellos de aforro enerxético e a descrición de proxectos como o de acumulación de enerxía en forma de hidróxeno e a xa case rematada vivenda bioclimática completaron as tres horas que permaneceron nas nosas instalacións.

Xa son máis de 18.500 as persoas que visitaron Sotavento no que vai do ano 2009 e máis de 135.000 as acumuladas dende que esta instalación se puxo en marcha no ano 2002.
 
11/06/2009
Sotavento alberga un modelo dun dos primeiros aeroxeradores instalados en España
Hai 25 anos que o aproveitamento do vento para producir electricidade comezou a tomar forma no noso país. Así, o 10 de marzo de 1984, púxose en marcha nunha pequena localidade rural de Girona, un dos primeiros muíños de vento con finalidade comercial instalado en España.

O aeroxerador catalán era un modelo da marca Ecotècnia, xa desaparecido, que tiña 12 m de rotor e 15 kW de potencia, de aí a súa denominación como Ecotècnia 12/15. A súa capacidade de produción era moi reducida en comparación cos modelos actuais, unhas cen veces menos que a media das máquinas que se instalan actualmente.

A instalación do Ecotècnia de 1984 foi unha iniciativa dun grupo catalán ecoloxista de 8 estudantes universitarios de enxeñaría, cuxo soño era producir enerxía limpa a partir dun recurso natural e renovable como é o vento, xurdindo deste xeito a cooperativa Ecotècnia.

O Ecotècnia 12/15 custou daquela uns 14 millóns das antigas pesetas, e podía funcionar tanto en réxime autónomo como conectado á rede. Este modelo pódese ver actualmente exposto dentro das instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento e destaca polo seu sistema de orientación mecánica.

No caso de Galicia, a empresa Engasa (Enerxía de Galicia S.A) instalaba en 1983 en Santa Comba (A Coruña) un Wind Matic 14S, outra das máquinas pioneiras do aproveitamento eólico e que supuxo o primeiro aeroxerador de Galicia. A máquina danesa tivo un custo de 8.204.000 das antigas pesetas e tiña unha potencia de 55 kW.

Estas e outras informacións curiosas sobre muíños e aeroxeradores aparecen na nova publicación editada por Sotavento e que leva por título “Muíños do Mundo”. Dita publicación será presentada oficialmente o día 15 de xuño con motivo do Global Wind Day.
 
22/04/2009
Educadores ambientais das Illas Baleares coñecen o proxecto educativo-divulgativo da Fundación Sotavento Galicia
Un grupo procedente das Illas Baleares composto por membros da administración e responsables de equipamentos de educación ambiental, realizaron unha visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento. O obxectivo dos asistentes era coñecer as experiencias que no eido da educación enerxética existen en Galicia para promover equipamentos e introducir esta temática na comunidade balear. Coordinado polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), o grupo coñeceu o traballo que Sotavento desenvolve na divulgación das enerxías renovables e na concienciación da importancia do uso responsable dos recursos naturais, co obxectivo de acadar un desenvolvemento sustentable. Este equipamento, con máis de 20.000 visitas anuais e máis de 120.000 acumuladas, comeza a ser un referente da educación enerxética dentro e fóra de Galicia.

Durante o percorrido tamén coñeceron o funcionamento do parque eólico e os proxectos de investigación máis recentes que está realizando a Fundación Sotavento Galicia: produción de Hidróxeno con eólica, proxecto comparativo de seguidores solares, a futura vivenda bioclimática, etc.
 
07/04/2009
Estudantes de Bacharelato do colexio Woodhouse Grove School, situado no norte de Inglaterra, visitaron as instalacións de Sotavento esta semana.
Durante a visita, os rapaces/as entraron en contacto directo coas enerxías renovables da man de instalacións reais en funcionamento, e descubriron a importancia que ten o aforro e eficiencia no uso dos recursos naturais de cara a acadar un desenvolvemento sustentable. Tamén coñeceron os proxectos que está desenvolvendo a Fundación Sotavento Galicia no eido das enerxías renovables, algún deles pioneiro a nivel europeo.
 
03/04/2009
Integrantes do Forum Euro-Latinoamericano di Torino coñecen os proxectos de Sotavento
A visita formaba parte do programa da 2ª Conferencia de este Forum, organizada baixo o lema “Sistemas regionales de innovación: de la visión a la realidad”, e que se desenvolve do 1 ao 3 de Abril en Santiago de Compostela co apoio da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. Os máis de 30 participantes coñeceron as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento, así como os últimos proxectos de investigación e innovación tecnolóxica no campo das enerxías renovables.

A xornada que se desenvolveu en Sotavento sumouse ás visitas realizadas a outras catro entidades galegas con diferentes experiencias no campo da investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Os asistentes a esta visita procedían de diferentes países latinoamericanos e europeos: Chile, Arxentina, Brasil, Colombia, México, Dinamarca, Italia, Francia, Bélxica, etc.

O Forum Euro-Latinoamericano de desenvolvemento rexional basado na innovación é un espazo para potenciar os vínculos de cooperación entre rexións innovadoras de Europa e América Latina. Despois da 1ª Conferencia, celebrada en Turín (Italia) no ano 2007, as actividades que se desenvolven durante estes días van dirixidas a todos aqueles que participan nos procesos de innovación nas súas rexións e que están interesados en ampliar os seus horizontes de colaboración internacional: axencias de desenvolvemento e de promoción da innovación, asociacións empresariais, clusters, centros tecnolóxicos, universidades, sector financieiro, etc.
 
28/01/2009
Sotavento participará no Curso de “Didáctica de la Ciencia” organizado por CFIE Ponferrada e a Fundación Ciudad de la Energía
O curso celebrarase en Ponferrada o día 2 de febreiro e a Fundación Sotavento Galicia participará ca sesión que leva por título “La enseñanza de las energías renovables y sostenibles” que terá unha duración de tres horas.
Descargar
 
27/01/2009
Sotavento participa no XXXVIII Curso de Saúde Ambiental
Este curso enmarcase dentro do “Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2009” e está dirixido a técnicos de Concellos, empresas, profesorado, estudantes, etc. Ten como finalidade actualizar a formación dos mesmos e establecer un foro de debate e estudo da situación ambiental dos Municipios galegos
 
20/11/2008
O director xeral de I+D+i acude ás actividades celebradas en Sotavento con motivo da Semana da Ciencia 2008
Salustiano Mato, director xeral de I+D+i acudiu durante a mañá do xoves día 20 de novembro ás diversas actividades que desenvolve a Fundación Sotavento Galicia dentro da Semana da Ciencia. Englobadas baixo a denominación de “Ciencia e Enerxía: novas experiencias”, estas actividades teñen como finalidade potenciar a divulgación de experiencias, instalacións e últimos avances científicos que aporta Sotavento, entre os que para este ano cabe destacar:

• Proxecto de interpretación do sistema de Produción de Hidróxeno con Eólica;

• Liña dedicada á divulgación da enerxía solar térmica e fotovoltaica;

• Liña dirixida a tomar conciencia do uso eficiente da auga e do transporte.

Durante a xornada, Salustiano Mato e José Núñez, xerente da Fundación Sotavento Galicia, ademais de presenciar o traballo que nesta liña se estaba realizando con máis de 60 alumnos/as de 3º ESO do IES Isidro Parga Pondal de Carballo, presentaron de forma oficial as actividades da Semana da Ciencia en Sotavento, que rematan o domingo 23 de novembro. Salustiano presentou o programa Diverciencia liderado pola súa dirección xeral ao tempo que salientou a necesidade de presentar a ciencia dun xeito divertido e cercano a toda a poboación, tal e como comprobou nas instalacións do Parque.

José Núñez destacou a aposta da Fundación Sotavento Galicia na achega das novas tecnoloxías á sociedade así como a contínua participación da institución na Semana da Ciencia. -“é oitavo ano consecutivo que Sotavento participa neste evento”-salientou.

A Semana da Ciencia ten carácter europeo e toman parte nela múltiples entidades como universidades, administracións públicas, museos, asociacións, etc.. Celébrase anualmente para achegar a ciencia e á sociedade. En Galicia, a Semana da Ciencia está coordinada pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración con FECYT, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, entidade dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación que coordina o evento a nivel estatal.

Máis información:

www.conselleriaiei.org/ga/dxidi/index.php

www.semanadaciencia.org/actividades/actividade.php?id=305&lg=gal
 
17/10/2008
A Fundación Sotavento Galicia participa no programa DIVERCIENCIA 2008 co proxecto de divulgación “Ciencia e Enerxía: Novas Experiencias”.
DIVERCIENCIA é un programa da Dirección Xeral de I+D+i enmarcado no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE), e que ten o propósito de fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos resultados que delas se derivan.

O proxecto “Ciencia e Enerxía: Novas Experiencias” presentado por Sotavento ao programa Diverciencia 2008, súmase ás actividades educativas habituais que desenvolve Sotavento durante todo o ano, e ten como finalidade principal potenciar a divulgación dos últimos avances científicos e das investigacións que está levando a cabo esta institución.

Este é o terceiro ano que Sotavento participa no programa, obtendo unha resposta moi positiva por parte dos milleiros de visitantes que se achegan ás instalacións do Parque.

As actividades e actuacións incluídas en “Ciencia e Enerxía: Novas Experiencias” rematan no mes de Novembro e algunhas delas formarán parte da Semana da Ciencia 2008.

Máis información:

www.conselleriaiei.org/ga/dxidi/index.php
 
05/06/2008
Sotavento presenta unha nova guía sobre aforro e eficiencia enerxética
Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Fundación Sotavento Galicia presenta unha nova guía destinada a fomentar o aforro e a eficiencia no uso dos recursos. O obxectivo desta publicación é que o lector tome conciencia da importancia de trocar os seus hábitos co fin de conseguir un modelo de desenvolvemento sustentable que permita a conservación do planeta.

Baixo o título “Abre a porta do aforro e a eficiencia enerxética”, o documento divídese en tres áreas principais que inciden en aspectos ambientais básicos. O uso e consumo responsable da auga, da electricidade e do transporte preséntase de forma esquemática e con consellos realistas, prácticos e cotiáns.

Esta guía, que se entregará gratuitamente ás persoas que visiten o Parque Eólico Experimental Sotavento, reforza e amplia os contidos e equipamentos que a Fundación Sotavento Galicia destina a fomentar o aforro e eficiencia enerxética entre os máis de 20.000 visitantes anuais que recibe.
 
28/02/2008
Sotavento recibe ao visitante número 100.000.
O visitante número 100.000, dende a posta en marcha do Plan Educativo-Divulgativo no ano 2002, foi o alumno de 3º da ESO do CPI Monte Caxado de As Pontes, Antonio Gómez Rodríguez. Para celebralo, responsables da Fundación entregáronlle diverso material didáctico.
 
18/02/2008
Sotavento e a empresa Vertical Partner asinan un convenio de colaboración para a formación e adestramento de persoal técnico especializado.
As actividades formativas, que se levan a cabo nas instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento, céntranse en traballos en altura mediante a suspensión con cordas e están destinados á reparación, inspección e limpeza de pas e torres.

A limpeza das pas é un mantemento que se debe realizar periodicamente para optimizar o rendemento dos aeroxeradores. A novidade destas actuacións céntrase no emprego de equipos descensores que permiten a baixada dende o alto das torres en lugar de utilizar grúas.

Dada a situación de Galicia en canto ao seu potencial eólico, as actuacións encamiñadas a facilitar e optimizar os mantementos dos aeroxeradores dos máis de 120 parques eólicos galegos, cobran unha enorme importancia. Lembremos que Galicia é unha potencia a nivel mundial en canto a potencia eólica, tendo instalados preto dos 3.000 MW de potencia e contando con arredor aos 4.000 aeroxeradores.

Ademais das actividades educativas e investigadoras, Sotavento tamén é protagonista deste tipo de actividades formativas orientadas á especialización técnica e á optimización do aproveitamento do recurso eólico.
 
28/01/2008
Representantes de 19 empresas galegas que traballan no exterior visitan Sotavento.
Con motivo do “Encontro de Empresarios e Profesionais Galegos na Rede” organizado polo IGAPE e celebrado en Santiago do 21 ao 25 de xaneiro, representantes de 19 empresas de orixe galega que traballan no exterior, realizaron unha visita ás instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Despois de ser recibidos pola dirección do parque, foron testemuñas dos novos proxectos que está a desenvolver a Fundación Sotavento Galicia nas súas instalacións, degustaron o xa tradicional café solar de Sotavento e realizaron un percorrido polas distintas salas que ofrece o edificio acompañados polo persoal do Parque.

O percorrido rematou coa visita ao proxecto de acumulación de hidróxeno, moi valorado polos asistentes chegados de Uruguay, México, Xapón, Brasil, Arxentina, Venezuela, etc
 
06/12/2007
A Fundación Sotavento Galicia e LACTALIS (President), asinan un convenio para potenciar o coñecemento e posibilidades da enerxía solar
A tal efecto, o xerente da Fundación, José Núnez e o director de Lactalis, asinaron un convenio polo que se realizarán degustacións gratuítas en Sotavento empregando leite ecolóxica preparada con tecnoloxía solar.

Esta actividade porase en marcha inmediatamente e extenderase ao longo do vindeiro ano 2008.

Según a Fundación Terra, as cociñas solares, “ofrecen unha alternativa real aos 1.000 millones de m3 de leña que se empregan no mundo para cociñar, provocando alteraciones climáticas debido á deforestación e a desertización de amplas zonas do terceiro mundo”.
 
28/06/2007
Participantes no II Congreso Internacional: Enerxía e Desenvolvemento Sostible visitan Sotavento
Poñentes e congresistas permaneceron en Sotavento tres horas e, entre as distintas actividades, desfrutaron dun café elaborado cunha cociña solar, visitaron o interior dun aeroxerador, tomaron contacto con modelos reais de caldeiras de biomasa, placas solares térmicas, bombas de calor xeotérmicas, solar termodinámica, placas solares fotovoltaicas fixas e con seguidores, etc.

O proxecto de acumulación eléctrica mediante hidróxeno e as exposicións de papaventos e rochas foron especialmente valoradas polos asistentes xunto cos consellos de aforro e eficiencia enerxética.

O Congreso desenvolvese nas Pontes durante os días 27, 28 e 29 de xuño e está organizado polo ICE (Instituto de Ciencias da Educación) pertencente á USC.
 
11/06/2007
A asociación Pícaros visita Sotavento.
A visita forma parte do proxecto Parroquias Vivas, que esta asociación está a desenvolver nos últimos meses e que pretende que nenos/as e maiores de Begonte coñezan máis en profundidade as distintas parroquias que conforman o concello, así como os lugares máis significativos do seu contorno, entre os que se atopa o Parque Eólico Experimental Sotavento.

O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Cultura e da asociación Terras do Parla así como de diferentes entidades e empresas privadas.

Durante a visita, os participantes entraron en contacto directo coas enerxías renovables e descubriron a importancia e repercusión que ten o aforro enerxético na vida cotiá. Ademais, ao longo da xornada realizáronse diferentes xogos e obradoiros nos que participaron conxuntamente nenos e adultos.
 
25/05/2007
Presentóuse nas Pontes o disco “Música do vento” gravado con sons dos aeroxeradores de Sotavento
Nunha experiencia musical única celebrada nas instalacións de Sotavento hai un ano, presentáronse en primicia as pezas musicais compostas por Ignacio Sanz empregando os sons dos aeroxeradores do parque.

Recentemente, o músico foi premiado pola Xunta de Galicia co terceiro premio de excelencia musical que implica a edición das pezas nun disco que leva por título “Música do vento” e que se presentou na Casa Dopeso das Pontes.
 
26/03/2007
A Fundación Sotavento Galicia participa no Encontro Galego de Equipamentos para a Educación Ambiental.
O Encontro, organizado pola Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) é unha cita dos diferentes profesionais que están a xestionar ou a traballar nalgún dos equipamentos galegos de educación ambiental ou doutros centros que estean a divulgar e poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural.

O obxectivo do encontro é informar sobre o marco legal existente na nosa Comunidade, diagnosticar a situación dos equipamentos de educación ambiental, elaborar estratexias conxuntas para a consolidación destas experiencias e propoñer medidas ás institucións competentes para regular e apoiar este dinámico movemento educativo.

O desenvolvemento do programa tivo lugar no Centro de Educación Ambiental Equal en Coles, Ourense.

Máis información en www.sgea.org
 
13/12/2006
A revista económica DIRIGENTES outorgou a Sotavento Galicia o Premio Dirigentes de Galicia na categoría de Innovación.
O acto de entrega celebrouse o día 12 de decembro ás 20 h. no Parador Dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, presidido polo Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

En representación da nosa empresa recolleu o premio o Presidente do Consello de Administración D. Xoán Dodán García.

A relación de empresas premiadas foi:

 Banco Pastor , José Mª Arias, Dirixente do ano.

 Maderas Iglesias, Calidade.

 Copasa, Empresa do ano.

 Fraternidad Muprespa, Xestión Empresarial.

 Sotavento Galicia, Innovación.

 IGAPE, Institucional.

 Ferias e Exposicións de Lugo, Servizo ó cliente.

 Anfaco, Medio Ambiente.

 Autoridade Portuaria A Coruña, Proxecto do Ano.

 Hijos de Rivera, Traxectoria Empresarial.
 
15/11/2006
Sotavento presenta o seu proxecto educativo no Congreso “Enerxía e Educación Ambiental” que se celebra en Murcia.
O congreso, organizado pola "Caja de Ahorros do Meditarráneo" e o "Centro Educativo del Medio Ambiente" (CEMACAM), pretende ser un foro de encontro e intercambio de experiencias entre profesionais da educación ambiental e outros axentes implicados na sensibilización, xestión e tratamento do recurso enerxía. As áreas temáticas inclúen a Educación Ambiental nos centros educativos, a levada a cabo en centros de educación non formal (equipamentos como Sotavento) e nos medios de comunicación.
 
08/11/2006
A ONG Enxeñeiros sen Fronteiras visita o Parque Eólico Experimental Sotavento.
Durante a xornada uns 70 participantes nas “I Jornadas de Energías Renovables. Aplicaciones y desarrollo” organizadas por enxeñeiros sen fronteiras, visitaron as instalacións de Sotavento. Un dos obxectivos destas Xornadas era “Someter a debate social el uso que de la energía se hace, así como sus métodos de obtención y las diferentes políticas energéticas desplegadas en la actualidad”. O grupo, composto maioritariamente por enxeñeiros industriais e estudantes, destacou a cantidade de contidos e proxectos que se desenvolven neste parque singular, así como o interese das explicacións técnicas recibidas.
 
24/07/2006
A empresa solar PST instala en Sotavento os seus novidosos paneis solares termodinámicos
Solar PST, empresa afincada na Coruña, instalou en Sotavento os seus paneis solares termodinámicos. Esta novidosa tecnoloxía combina os principios da bomba de calor coa enerxía solar para a produción de auga quente.

O funcionamento, segundo responsables da empresa, créase mediante a circulación dun fluído capaz de extraer a calor do medio ambiente e transmitilo á auga, aproveitando a radiación solar, a temperatura do aire e da choiva, segundo principios do físico francés Carnot.

Nos paneis solares, entra un fluído en forma líquida a –5/-15ºC. Este fluído é un refrixerante. Os paneis captan a radiación solar durante as horas de sol, absorben a temperatura superior do ambiente, durante todo o día e a da choiva, cando esta xorde. Esta variación de temperatura provoca que o fluído se gasifique, sendo enviado a un bloque termodinámico.

Neste punto, o compresor do bloque, mediante presión, eleva a temperatura do fluído a 110/120ºC, que é transmitida ó circuíto da auga mediante un intercambiador de temperatura.

O equipo implantado en Sotavento exemplifica, de forma real, a instalación necesaria para o consumo de auga quente sanitaria dunha familia de cinco persoas e está composto por un só panel duns 8 Kg. de peso conectado a un depósito de 300 litros. Posto en marcha a finais de xuño, pode visitarse e comprobar o seu funcionamiento de luns a domingo, dentro dos horarios de visita do Parque que atopará nesta web. Esta tecnoloxía tamén se pode utilizar para calefactar vivendas e piscinas.

Máis información www.solarpst.com
 
17/07/2006
Autoridades brasileiras interésanse polas actividades divulgativas do Parque Eólico Experimental Sotavento
Unha delegación encabezada polo alcalde da localidad brasileira de Osorio visitou as instalacións de Sotavento. Acompañado de profesores da Universidade do Brasil, periodistas, empresarios da zona e representantes de Elecnor a comitiva, formada por 25 persoas, destacou os traballos que realiza esta singular instalación xermantina.

Osorio puxo en marcha o pasado 7 de xullo o primeiro parque eólico do Brasil. Esta localidade sitúase no Estado de Río Grande do Sul a 80 Km da localidade de Porto Alegre. O complexo eólico, inaugurado polo presidente Lula, contará cunha potencia total de 150 MW suficientes para abasteder a 650.000 persoas e terá ademais un obxectivo similar ao de Sotavento: converterse nun centro de divulgación e formación das enerxías renovables. Esta finalidade motivou a súa visita ás instalacións de Sotavento para coñecer de primeira man a súa experiencia neste eido.
 
08/06/2006
Reflexión enerxética con motivo do Mundial. Consellos eficientes para ver este acontecemento
Aproveitando un dos acontecementos que marcarán os hábitos de vida de millóns de telespectadores en todo o Mundo, a Fundación Sotavento presenta esta reflexión baseada en estatísticas e estudos de distintos organismos e Universidades. O obxectivo que se persegue é concienciarnos, ou canto menos, invitarnos a reflexionar sobre a necesidade dun uso responsable da enerxía.

Sotavento ten como finalidade principal o fomento das enerxías renovables e o establecemento de valores de eficiencia enerxética, neste último apartado englóbase esta dedución que ofrece datos canto menos curiosos e que incitan á meditación.

A extrapolación que se pode facer dos mesmos a outras situacións cotiás son interesantes para valorar que o noso medio natural é cousa de todos e que as nosas accións, por mínimas e insignificantes que parezan, teñen sempre unha consecuencia global no medio.

Consideramos que cumprindo os consellos que incluímos conseguiremos, con pouco esforzo, ver un Mundial máis eficiente.

En España existen 50.000.000 de televisores (15 millóns principais) (Ministerio de Industria)

O consumo medio dun televisor aceso é de 73 Wh

Un aparato de TV é compartido por unha media de 3,1 persoas (Universidade de Murcia)

O número medio de telespectadores que viron a televisión durante os sábados do mes de Xuño de 2005 entre as 22:00 horas e as 24:00 horas foi de 9.883.176 persoas

Durante o partido da selección do sábado día 3 de xuño 12.621.212 persoas estaban vendo a televisión

O incremento foi de 2.738.036 de telespectadores, e polo tanto, de 883.237 televisións

O incremento en canto a consumo está fixado en 128.952,602 kW

As emisións de CO2 á atmosfera, asociadas a dito consumo, increméntanse en relación a un día normal en 103 toneladas

Lembremos que este partido era amigable, preparatorio para o mundial e cunha duración aproximada de dúas horas.

Consellos de eficiencia enerxética para ver o Mundial:

Trate de ver o Mundial con amigos ou familiares. A televisión compartida é unha boa forma de consumir menos, pense que elevando a media a seis espectadores por aparato, estariamos reducindo as emisións á metade.

Durante o descanso, en caso de aproveitar ese momento para realizar outras actividades, lembre apagar a televisión. O descansos duran 15 minutos e durante ese tempo podemos aforrar entre todos case 24 toneladas de CO2 apagando a TV correctamente.

Lembre apagar correctamente o seu TV cando deixe de utilizalo. Non utilice o mando a distancia xa que continuando o exemplo, se o número de televisores que sintonizarán o partido se apagasen utilizando a fórmula stand-bye, continuariamos emitindo 19 toneladas de CO2 á hora.

Para refrescarse procure usar envases reciclables como o cristal e non esqueza depositalos nos contedores habilitados a tal fin. Teña en conta que por cada botella que se recicla estamos aforrando a enerxía necesaria para ter unha televisión acesa 3 horas. Pola contra, coa enerxía necesaria para fabricar unha lata de refrescos manteriamos o mesmo televisor en funcionamento durante 2 horas.

Para combater a calor non debemos esquecer pechar as persianas da habitación, como mínimo dúas horas antes do partido, aforraremos en aire acondicionado. O seu consumo é duns 900 Wh.

Os Mundiais acostuman aumentar as tiradas dos xornais. Non esquezamos o seu reciclado.

E lembre, o medio é cousa de todos.
 
23/05/2006
O conservatorio das Pontes organiza un concerto de música en Sotavento
O pasado 26 de maio ás 20.00 horas, celebrouse en Sotavento unha experiencia musical que leva ba por título é-vento de música falada. Organizado polo Conservatorio de Música Profesional das Pontes, constou dunha charla didáctica para pequenos e maiores onde se tratou dun xeito ameno a maneira en que se usa o vento na música e na fala, seguida dun concerto de trompetas, percusión e poesía.

Este é-vento comeza coa idea de fusionar o feito musical co vento na súa acepción máis actual: o aproveitamento da súa enerxía para o uso ordinario. Non obstante, remata cunha mestura de vento, xeradores eólicos, música e palabras, todo isto envolto nun ambiente de aprendizaxe e respecto pola Natureza. A finalidade é facer unha homenaxe musical ó vento, que tanto lle da á música e á palabra; así como á Natureza, que tanto nos dá a todos.



Os contidos do é-vento teñen como punto neurálxico a peza de Ignacio Sanz 'Música do vento', composta en abril de 2006. Formada por seis movementos, todos eles feitos dende un punto de vista poético e nos que se mesturan diversas gravacións, dende os sons producidos polos propios aeroxeradores do Parque, os de instrumentos feitos con material reciclado como tixolas ou paelleiras, ata os poemas compostos polo grupo 'Alalá'. Da mesma maneira tamén se mesturan os recursos musicais clásicos como a retrogradación contrapuntística e os contemporáneos como a aleatoriedade.

Máis información na área divulgativa desta web, na sección concursos e eventos
 
05/04/2006
Unha plataforma elevadora dedicada á reparación de pas foi probada, por primeira vez en España, en Sotavento
A empresa LM dedicada á fabricación e mantemento de pas de aeroxeradores, comprobou durante o martes 4 de abril as posibilidades desta plataforma elevadora e a súa viabilidade para facilitar o acceso a estes compoñentes tan esenciais para o correcto funcionamento dos aeroxeradores. A máquina, utilizada en Alemaña, foi probaba por primeira vez en España. A manobra consistiu na montaxe, elevación de 5 operarios e desmontaxe posterior. Non é la primeira vez que se presentan en Sotavento este tipo de innovacións destinadas a facilitar e sobre todo a mellorar a seguridade dos traballos en altura. Pode verse unha foto das actuacións na sección “galería de fotos” na área divulgativa introducindo no buscador LM.
 
05/04/2006
Unha delegación do Uruguai visita Sotavento
Unha delegación procedente de Uruguai visitou as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento durante a mañá do martes 4 de abril. O grupo, composto por nove persoas relacionadas co sector enerxético deste país, foi acompañado por persoal do IDAE dependente do Ministerio de Industria español. O motivo da súa visita foi a próxima construción en Uruguai dun parque eólico con aeroxeradores de tecnoloxía española dentro dun programa de conversión de débeda externa por infraestruturas públicas acordado polos dous países.

A delegación, asistiu a un relatorio sobre a operación e mantemento dos parques eólicos e interesouse polo programa de xestión desenvolvido por Sotavento. A visita tivo unha duración de tres horas e nela os asistentes tiveron ocasión de coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos e investigacións levadas a cabo no eido da eólica neste parque.

Os asistentes destacaron a importancia desta visita dende o punto de vista das actuacións que pretenden para o seu país cunha forte dependencia enerxética do petróleo.
 
23/03/2006
Sotavento instalou un novo relé de ocos con función osciloperturbógrafo
O 23/02/2006, Sotavento instalou un novo relé de ocos con función osciloperturbógrafo sendo detectada a primeira perturbación no sistema eléctrico o 12/03/2006. A partir da instalación, calquera evento no sistema será detectado e posteriormente descargado á nosa web.

Pódese ver na área de documentación “Relé ocos tensión con oscilo”
 
21/10/2005
Sotavento presenta o seu novidoso sistema de Xestión Integral de Parques Eólicos
Nunha conferencia de Enerxía Eólica, celebrada o pasado 19 de outubro e organizada polo Institute for International Research (IIR) en Madrid, presentouse oficialmente o Sistema de Xestión de Parques Eólicos desenvolvido por Sotavento.

O sistema baséase en optimizar a xestión dos parques eólicos e foi ideado para detectar as perdas de rendemento das turbinas.

O programa é independiente do sistema SCADA do fabricante das turbinas. Os datos introducidos (de forma automática ou manual) fíltranse, ordénanse e gárdanse nunha base de datos central para posteriormente ser procesados e poder así elaborar diversos informes, tales como:

•Resumo de fluxos de enerxía en parque

•Resumos dispoñibilidades e comportamento da curva dos aeroxeradores

•Informes completos de torres anemométricas

•Dispoñibilidades de aeros (elaborados de varias formas segundo solicitude)

•Curvas de potencia de aeros segundo Norma 61.400-12

•Desviacións e perdas de enerxía, en período de funcionamento, con erros, período mantemento, ...

•Mapa de datos para determinar o comportamento dos aeros, de forma moi visual

•Exportación de datos nun formato único para calquera aplicación ofimática

Etc, etc

Todos os resultados dos informes poden ser contrastados, ao dispoñer da posibilidade de exportar valores e indicarse método de cálculo.

Así mesmo, a elaboración de informes e envío por diversos medios (ftp, mail) pode ser automatizado. Tamén é posible o envío de mensaxes a móbiles cando existen erros nas turbinas, permitindo reducir os tempos de

parada das máquinas e así optimizar a súa produción.

O programa, en fase de comercialización para empresas con interés na súa utilización, foi valorado positivamente polos asistentes a estas jornadas que se celebran anualmente.



Máis información nesta páxina na sección Proxectos dentro da área técnica.
 
15/09/2005
Sotavento Galicia incorpórase á patronal eólica de Galicia (EGA)
Sotavento Galicia, S.A., incorpórase á Asociación Eólica de Galicia (EGA) que integra a case todos os promotores eólicos da Comunidade Galega: Acciona Eólica, Desarrollos Eólicos Nuon, Energías e Recursos Ambientales, Endesa Cogeneración y Renovables, Enerfín, Eurovento, Gamesa, Norvento, Vestas, Eólica Galenova, Fergo Galicia, Isolux Watt, Somersa e Sotavento
 
09/09/2005
Unha empresa dedicada á emsamblaxe de placas solares visita Sotavento.
Un grupo de mulleres zamoranas, especializadas na ensamblaxe de placas solares fotovoltaicas, visitaron esta mañá as instalacións de Sotavento co fin de coñecer as distintas tecnoloxías que posee esta singular instalación. Á fronte do grupo Estela Abril explicaba a comprobada fiabilidade e tempero que as mulleres teñen ante os homes para desempeñar este tipo de traballos, concretamente o soldado con estaño de células solares para producir electricidade. Segundo Estela, a empresa Pevafersa, situada en Toro (Zamora), encabeza a formación destas especialistas que en breve pasarán a formar parte do seu persoal laboral, converténdose na única empresa española destinada á fabricación íntegra de placas solares.
 
14/06/2005
Sotavento supera os 50.000 visitantes.
Sotavento recibiu o seu visitante número 50.000. Foi Alba Ferreira Domínguez do IES Antón Fraguas de Santiago.
 
12/05/2005
Nace a “Fundación Sotavento Galicia”.
Esta Fundación é creada pola sociedade Sotavento Galicia, S.A., e os fins que perseguirá son os seguintes:

► A promoción, divulgación, formación, fomento e debate de todos os aspectos relacionados coas enerxías renovables.

► A promoción e realización de proxectos, estudos e outras actuacións de investigación e experimentación relacionadas coa eólica en particular e coas enerxías renovables en xeral.

► Fomentar e divulgar a importancia do aforro e eficiencia enerxética para conseguir un desenvolvemento sostible.

► Promover, divulgar e fomentar as actuacións que vinculen o desenvolvemento enerxético coa súa iteracción co medio natural.

► Calquera outro tipo de actuación que implique unha mellora na optimización e implantación das enerxías renovables en xeral e da eólica en particular.

O cariz que adquiriron as actuacións no ámbito de I+D mediante o desenvolvemento de diferentes proxectos, interesantes para o sector como son: o programa de xestión de explotación de parques eólicos, a comparación dos rendementos das tecnoloxías, a predición de xeración, etc; así como no ámbito da divulgación das enerxías renovables, coa afluencia de máis de 46.000 persoas que pasaron polo parque eólico, motivaron a necesidade de crear esta fundación.

Desta maneira, Sotavento Galicia, S.A. desenvolvería o que é a actividade comercial consistente na venda de enerxía e a Fundación destinaríase a actuacións de interese xeral, tal e como se sinalaba ó comezo.
 
16/12/2004
VESTAS proba un sistema de elevación en PEE SOTAVENTO
VESTAS (antiga Neg Micon) demostra un sistema de elevación polo exterior do aeroxerador cumplindo coa normativa vixente en materia de seguridade en traballos de altura, reducindo tempos de actuación, incrementando a seguridade e as posibilidades de actuacións.

Ata agora as actuacións a desenvolver en pás, torres e parte externa; víñanse desenvolvendo con grúas sin a homologación pertinente, e movementos sen control dende a plataforma.
 
13/12/2004
Sotavento supera os 40.000 visitantes
Desde o inicio do Plan Educativo-Divulgativo en Xaneiro de 2002, xa se superaron os 40.000 visitantes, de todo tipo de idades, procedencias, colectivos e coñecementos previos.
 
10/12/2004
Sotavento recibe un premio polo seu labor educativo
A Asociación Europea Eurosolar galardoou co Premio Especial destinado ás iniciativas de educación a Sotavento. O certame, que este ano acada a súa terceira edición, premia as iniciativas ou os desenvolvementos exemplares no campo da utilización das enerxías renovables no Estado Español.