Noticias

Sotavento participa na inauguración dun edificio bioclimático en Valladolid da man da Ministra de Ciencia e Innovación

A ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, inaugurou o edificio bioclimático que lle servirá ao Grupo Lince Asprona como sede de oficinas en Valladolid e que, xunto coa nosa Vivenda Bioclimática Demostrativa, completan o denominado proxecto ENVITE, un Proxecto Cooperativo Científico – Tecnolóxico Singular e de Carácter Estratéxico de Demostración da Viabilidade Técnica e Económica do Uso Eficiente da Enerxía na Edificación e a súa Capacidade de Revitalización Económica.

Deste xeito, responsables da Fundación Sotavento Galicia participaron nesta inauguración celebrada no polígono valisoletano de “El Carrascal”, xunto con representantes de outras empresas involucradas, como Emilio Miguel Mitre, de ALIA ARQUITECTURA e arquitecto de ambos proxectos de investigación.

As instalacións do Grupo Lince Asprona – Fundación Personas albergarán, ademais das oficinas, talleres e aulas destinadas á formación e contratación de persoas con discapacidade intelectual. Os talleres, ademais, servirán como centro de aprendizaxe e ensinanza das enerxías renovables.

Tanto a nosa Vivenda como o edificio valisoletano foron construídos co fin de demostrar a viabilidade técnica e económica do uso eficiente da enerxía na construción, podendo incorporarse a edificación bioclimática á práctica habitual a un custe viable e mellorando o confort e a nosa calidade de vida.

Durante o acto de inauguración, Cristina Garmendia remarcou que o desenvolvemento científico e tecnolóxico en materia de enerxías renovables é unha das grandes fortalezas do noso país. Garmendia indicou que era “unha mensaxe clara para un sector, o da construción, que para volver a crecer debe reinventarse a si mesmo, internacionalizándose e incrementando o valor engadido que xeran as súas actividades”.

Segundo a ministra, “ENVITE é un exemplo de Ciencia ao servizo da sociedade e da economía. É tamén un modelo de cooperación entre sector público, empresas e organizacións sociais. Unha cooperación que aborda retos reais que nos afectan como cidadáns, como a eficiencia enerxética ou retos medioambientais relacionados coa sostibilidade da arquitectura e do urbanismo”.

Ambos edificios do proxecto ENVITE van acompañados dunha serie de accións de investigación, desenvolvemento e difusión que pretenden potenciar o uso da enerxía solar pasiva (sombreamentos, orientacións, materiais, etc.) ademais de instalacións activas como paneis fotovoltaicos, captadores solares térmicos e outro tipo de instalacións eficientes.

No caso do edificio residencial demostrativo do noso Parque, o obxectivo principal é amosarlle aos visitantes as posibilidades reais de aforro que existen á hora de construír unha vivenda e demostrarlles que unha pequena inversión inicial a maiores pode supoñer un gran aforro futuro nas nosas facturas, contribuíndo a un maior coidado do noso medio.

A Vivenda Bioclimática pode ser visitada os días laborais de 10:00 h a 18:00 h e os non laborais de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 18:00 h, solicitándoo previamente no teléfono de xestión de visitas 981 563777.