Noticias

A Fundación Sotavento Galicia participa na constitución da Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica

Especialistas en ciencia e profesionais da divulgación de Galicia únense co obxectivo de fomentar a divulgación do coñecemento científico na nosa terra.

A asemblea fundacional celebrouse no Museo Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela coa presenza de 30 socios e socias con gran experiencia nos ámbitos da comunicación, a ciencia, a tecnoloxía, a innovación, o medio natural e a saúde. Nesta primeira xuntanza, aprobáronse os estatutos da Asociación, elixiuse a súa Xunta Directiva e debatéronse as primeiras propostas de actividades.

A nova Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica, pretende poñer a disposición da sociedade información relacionada coa ciencia, tecnoloxía e innovación, mediante a divulgación de xeito propio ou conxunto por parte dos seus socios e socias. Deste xeito, científicos, xornalistas especializados e persoas vencelladas dalgún xeito coa divulgación da ciencia e da innovación, tentan acadar un maior achegamento da sociedade a este campo.

A Fundación Sotavento Galicia é un bo exemplo deste traballo de difusión con máis de 9 anos de experiencia en actividades de divulgación científica e tecnolóxica. Máis de 180.000 persoas participaron nas distintas propostas que ofrecemos dende o inicio da nosa andaina no ano 2002.