Noticias

Sotavento celebrou con gran éxito a Semana Solar Europea 2011

A Fundación Sotavento Galicia finaliza a celebración da Semana Solar Europea 2011 cunha gran participación nas súas actividades.

Esta Semana que cada mes de maio se lle dedica ao Sol é promovida pola Comisión Europea e coordinada pola Federación Europea da Industria Solar Térmica en colaboración con EPIA. O principal obxectivo desta iniciativa, que xa vai pola súa terceira edición en España, é dar a coñecer o Sol como un tipo de enerxía inesgotable, autóctona e segura, estimulando ao mesmo tempo a conciencia pública sobre a importancia do seu uso.

Dende a Fundación Sotavento Galicia quixemos, outro ano máis, unirnos a este evento e concienciar aos nosos visitantes de que o uso deste recurso para a produción de calor e electricidade é unha realidade con grandes vantaxes con respecto ás fontes de enerxía tradicionais.

Por este motivo, as actividades realizadas nas nosas instalacións durante a semana do 9 ao 16 de maio tiveron como centro esta homenaxe ao Sol, amosándolle aos participantes as inmensas posibilidades deste recurso natural e gratuíto.

Deste xeito, e tendo en conta que excepto a xeotérmica e a nuclear, todas as fontes de enerxía teñen orixe solar, os nosos visitantes durante esta Semana puideron ver in situ o funcionamento da enerxía eólica e o uso da biomasa como combustible. Aproximadamente o 2% da enerxía solar convértese en vento debido ás diferenzas de presión que se producen ao quentar a atmosfera e as plantas utilizan o Sol para realizar a fotosíntese, vivir e medrar. Esta materia vexetal é a biomasa.

Ademais, algúns dos/as rapaces/as que visitaron Sotavento durante esta celebración puideron realizar obradoiros relacionados co Sol, como un forno ou un reloxo solares. Esta actividade foi valorada moi positivamente polos rapaces, xa que puideron comprobar en primeira persoa as numerosas posibilidades deste recurso tan común.

Outros grupos, realizaron actividades exteriores como xogos relacionados tamén coas enerxías renovables e puideron deste xeito coñecer un pouco máis de preto as placas solares, tanto térmicas como fotovoltaicas e as diferentes tecnoloxías existentes no mercado.

Outra actividade moi ben valoradas polos participantes foi a solta de globos biodegradables na que participaron máis dun centenar de persoas. De feito, como peche desta Semana Europea do Sol, os visitantes fixeron unha solta de globos amarelos biodegradables para chamar a atención dos medios e de toda a sociedade sobre as posibilidades do Sol como recurso inesgotable e necesario para a sostibilidade deste planeta.

Por último, e agradecendo a súa participación nas actividades, moitos dos participantes foron premiados cun agasallo conmemorativo deste día e todos recibiron uns trípticos informativos sobre este evento.

Como curiosidade, dende a Fundación lembramos que nunha hora o Sol é capaz de enviar máis enerxía á Terra da que a humanidade precisa para todo un ano. Por este mesmo motivo quixemos dedicarlle estes días a esta fonte de enerxía renovable, limpa e segura.

Enlace á noticia: http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?emi=12291&corte=2011-05-16&hora=14:15:24&canle=tvg1