Noticias

O Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno presentouse en Canadá

Un dos eventos internacionais máis importantes sobre a industria do hidróxeno e das pilas de combustible, HFC2011, acolleu na súa quinta edición a presentación do Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno.

Este proxecto, foi desenvolvido mediante un convenio específico entre a Consellería de Innovación e Industria, Gas Natural e a Fundación Sotavento Galicia, e o seu obxectivo é o desenvolvemento da tecnoloxía do Hidróxeno de cara á optimización do recurso eólico.

A conferencia e exhibición internacional tivo lugar no Centro de Convencións de Vancouver, Canadá, e contou con discursos de apertura de prominentes da industria, académicos e portavoces do goberno canadense.

No acto, que atrae cada ano a preto de 1.000 participantes dos países máis activos no sector, amosáronse os últimos resultados acadados no Proxecto Experimental de Sotavento. Este proxecto, pioneiro e innovador, introduce ao hidróxeno no eido das enerxías renovables como unha posible solución dun problema vinculado ás mesmas, como é o da súa xestión en función de recursos variables e impredicibles (vento, sol, etc.).

Deste xeito, os países máis importantes na industria do hidróxeno e das pilas de combustible, tiveron ocasión de coñecer un pouco máis a fondo a orixinalidade das investigacións e o contido técnico que ten lugar grazas a este Proxecto inaugurado no 2008 nas nosas instalacións.

Por outra banda, Gas Natural tamén presentou o proxecto en Berlín.

Lembramos que para visitar Sotavento é imprescindible solicitalo con antelación no noso teléfono de xestión de visitas. Para máis información sobre este proxecto visitar a sección de proxectos desta mesma páxina web.