Noticias

Sotavento acolle de novo a visita do proxecto italiano Rinnovambiente

O proxecto Rinnovambiente é un proxecto internacional no que participan representantes de empresas relacionadas co medio ambiente e coa enerxía, representantes públicos e xestores de formación. Deste xeito, persoas de diferentes zonas de Italia, como Siena ou Grosseto, visitaron as instalacións de Sotavento interesados na nosa experiencia no eido das enerxías renovables e da eficiencia enerxética.

O principal obxectivo do proxecto Rinnovambiente é adaptar e/ou desenvolver metodoloxías e ferramentas de información destinadas a facer posible o aumento no nivel de experiencia en enerxías renovables e medio ambiente. Por este mesmo motivo, escolleron o pasado mes de novembro o noso Parque como un dos escenarios da súa visita a España, e repiten nesta ocasión con novos participantes. Con estas visitas pretenden analizar e avaliar as mellores prácticas en materia da educación enerxética, así como mellorar os coñecementos entre os socios para a creación dunha rede europea para a educación no campo enerxético.

A visita a Sotavento permitiulles aos participantes comprobar o traballo divulgativo e técnico que se está a levar a cabo no noso Parque, así como visitar diferentes proxectos de investigación, como a Vivenda Bioclimática Demostrativa ou o Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno. Coñeceron ademais os diferentes e innovadores materiais divulgativos utilizados en Sotavento para acadar un maior achegamento do público ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética.