Noticias

“Unha mirada matemática”, nova proposta en Sotavento de cara ao verán

Sotavento estase a converter nun referente en Galicia na divulgación e difusión científica, centrado nas enerxías renovables e o aforro enerxético, pero aberto a calquera acción divulgativa.

Con máis de 20.000 visitantes de media ao ano, buscamos actualizar constantemente os contidos do Parque con propostas novidosas, pero non exentas de rigorosidade científica. Para iso realizamos habitualmente exposicións temporais que apoian, potencian e completan os contidos da propia instalación.

Cunha media de tres exposicións ao ano, a nosa proposta cara os meses de verán é a exposición itinerante “Unha mirada matemática”. Esta atractiva mostra permítenos descubrir o que é capaz de ver o ollo guiado por unha mente instruída nas matemáticas. A autora, Nieves Díaz Fernández, profesora desta “ciencia das ciencias”, amosa dende a súa afección á fotografía, cómo poden manifestarse as formas xeométricas no noso entorno. Achega así natureza, arquitectura e obxectos cotiáns ao visitante dunha forma orixinal, diferente e amena que coincide coa metodoloxía empregada en Sotavento.

Esta exposición composta por 63 láminas de 42×32 cm (unha de presentación, dúas de descricións e 60 fotografías), poderá ser visitada nas nosas instalacións durante os meses de xullo e agosto. A autora, amósanos nesta exposición “cómo a natureza, arquitectura e obxectos cotiáns, están impregnados de caprichosas formas xeométricas que lles confiren unha indiscutible e particular beleza. Nada escapa a esa mirada matemática”.

Ademais dos paneis, proponse unha actividade complementaria á visita da exposición. A autora non titulou as fotografías, entendendo que o visitante pode encontrar referencias ás matemáticas que sirvan para poñerlles título. Para facilitar esta actividade, os visitantes, de forma individual ou en grupo, poden cubrir unha folla poñendo a relación matemática que eles lle ven a cada imaxe. Finalmente, e se o desexan, poden comparar a súa idea coa da propia autora.

Para visitar esta e outras exposicións en Sotavento é imprescindible concertar previamente a visita no noso teléfono de xestión de visitas.

Descargar pdf da exposición.