Noticias

As instalacións de Sotavento acollen unha audio–exposición sobre electricidade

Coincidindo co Día Mundial da Ciencia, a Área Divulgativa do Parque estreou o 11 de novembro unha nova exposición, “Os inventores da electricidade”.

“Os inventores da electricidade” é unha audio–exposición realizada polo noso Departamento de Divulgación, que permite realizar unha viaxe apaixonante a través dos descubridores dos conceptos básicos da electricidade. Utilizando un reprodutor de son, apoiado mediante unha serie de paneis e obxectos de todo tipo, esta mostra céntrase nunha pequena pero vital época da historia.

A exposición amosa diferentes descubridores/inventores por orde cronolóxica, o que nos permite observar cómo foi cambiando ao longo da historia a idea que os nosos antepasados tiñan sobre a electricidade.

Sotavento acolle de forma habitual exposicións temporais co fin de potenciar e complementar os contidos da propia instalación. “Os inventores da electricidade” serve para axudar aos visitantes a comprender mellor a evolución histórica dos descubrimentos que nos permiten hoxe beneficiarnos desta enerxía nos nosos fogares. Para isto, a mostra vai presentando o invento/descubrimento de varios personaxes dunha forma amena e divulgativa, empregando un aparato reprodutor de mp3 como guía para realizar o percorrido cronolóxico polos “inventores da electricidade”.

Para máis información sobre esta e outras exposicións, visitar a sección correspondente desta páxina web.