Noticias

Día Mundial da Enerxía en Sotavento

A Fundación Sotavento Galicia organizou unha xornada científica con motivo da celebración do Día Mundial da Enerxía.

A Fundación Sotavento Galicia celebrou esta xornada o martes 14 de febreiro coa participación de máis de 100 alumnos e alumnas de diversos centros da provincia de A Coruña e Pontevedra.

Como sabedes, o centro dispón dun contexto único para levar a cabo accións educativas coherentes e contextualizadas neste campo, contando cun bo número de instalacións reais de transformación enerxética. Esta característica convérteo nun lugar idóneo para achegar os obxectivos do Día Mundial da Enerxía á sociedade. Nesta xornada os participantes realizaron variadas actividades a través das cales puideron descubrir os distintos tipos de enerxías renovables, os usos habituais das mesmas e a súa integración na vida cotiá a través da visita á Vivenda Bioclimática Demostrativa. Así mesmo, realizouse unha comunicación didáctica e aplicada das posibilidades cotiás no consumo e aforro da enerxía nas súas casas, podendo deste xeito diminuír as emisións de CO2 á atmosfera. Por último, puideron coñecer as principais novidades que no campo da mobilidade eléctrica existen actualmente no mercado.

A través destas actividades, o Departamento de Divulgación pretende capacitar aos visitantes na toma de decisións que permitan cambiar o modelo enerxético actual cara outro máis xusto e sostible.