Noticias

O II Rallye Eficiente Sotavento 2012 conclúe cun gran éxito de participación

O pasado 22 de setembro tivo lugar o II Rallye Eficiente Sotavento 2012, no que participaron case corenta condutores/as dende as 9:00 ata as 14:00 horas.

Os resultados obtidos durante a proba foron destacables, lográndose un consumo medio de 5,7 L/100 km e un tempo medio de 6 minutos e 47 segundos para un percorrido de complexa orografía e uns 8 km de distancia. Durante o tramo, os participantes conduciron un coche facilitado pola Fundación Sotavento Galicia e estiveron acompañados dun supervisor que verificou datos de tempo e consumo, valorándose a media ponderada de ambos para a puntuación final.

A actividade supuxo, así, unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando a organización en todo momento que as avaliacións fosen o máis científicas posibles.

Nesta II Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Luis Riveiro Blanco, Francisco Javier Riveiro Blanco e Jesús Sardiña Río cunha media de consumo de 5,1 L/100 km e un tempo medio de 6 minutos e 32 segundos. Os gañadores recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente, así como un trofeo ?Planeta Renovable?, símbolo de Sotavento. O resto dos participantes foron agraciados cun diploma e distintos agasallos conmemorativos.

Adicionalmente, os participantes, acompañantes e espectadores en xeral puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes cedidos polo Inega, Grupo Breogán, Renault Gestoso e Noyamóvil. Entre os vehículos eficientes atopábanse bicicletas eléctricas e coches eléctricos e híbridos, que se exhibiron co fin de ampliar os contidos educativos relacionados coa mobilidade sostible.

Así mesmo, o ?rally? puxo fin á Semana Europea da Mobilidade, cuxo lema para este ano era ?Participa nos plans de mobilidade da túa cidade: móvete na boa dirección!?.

Esta iniciativa veu a sumarse a outras xa desenvolvidas pola Fundación Sotavento Galicia, como os cursos de condución eficiente impartidos en campañas anteriores, dando a coñecer un estilo de condución que permite reducir o consumo dos vehículos nun 15% ao tempo que diminúe o tempo dos desprazamentos e o número de accidentes.

Para ver a clasificación dos catro finalistas: Descargar