Noticias

Sotavento entrega os premios do XI Certame Renovable na categoría de Debuxo e Pintura

A Fundación Sotavento Galicia fixo entrega dos premios do XI Certame Renovable na categoría de Debuxo e Pintura. Os premiados foron Martín Fernández Casás, do CEIP Raquel Camacho de A Coruña (primeiro premio do Primeiro Ciclo de Educación Primaria), Sergio Rubio Pazos do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (primeiro premio do Segundo Ciclo de Educación Primaria) e Paula Martínez Cid, tamén do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (primeiro premio do Terceiro Ciclo de Educación Primaria). Os debuxos gañadores, relacionados coas enerxías renovables e particularmente coa eólica, foron escollidos entre os dun centenar de escolares de todo Galicia e diversos puntos de España.

A Fundación Sotavento Galicia leva celebrando o Certame Renovable dende hai xa 11 anos co obxectivo de incentivar diferentes iniciativas relacionadas co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea de Sotavento en particular. Deste xeito procúrase un maior coñecemento da realidade enerxética que nos rodea caracterizada polo esgotamento de recursos e polos problemas ambientais derivados dun excesivo consumo de enerxía.

Na décimo primeira edición deste certame destaca a calidade dos debuxos presentados, que como novidade foron expostos nas instalacións de Sotavento para que os visitantes puidesen votar polas súas obras favoritas. Esta opinión foi tida en conta polo xurado para determinar os gañadores.

A continuación poden visualizarse os debuxos presentados ao XI Certame Renovable 2013, ordenados por ciclos:

XI Certamen Renovable 2013 (PDF)