Noticias

Premio á mellor práctica en mobilidade sostible para Sotavento

A Fundación resultou premiada nos “II Premio á Mellor Práctica en Mobilidade Sostible” convocados pola Fundación Renault para a Mobilidade Sostible e o Club de Excelencia en Sotibilidade. Os galardóns contan ademais co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O seu obxectivo final é concienciar á sociedade civil da importancia das actividades de mobilidade sostible a día de hoxe. O traballo premiado foi elixido entre medio centenar de candidatos e consistiu na realización dun proxecto centrado no estudo da mobilidade eléctrica. Cunha duración de máis de dous anos, estivemos realizando esforzos para dar a coñecer e potenciar a mobilidade eléctrica como alternativa presente e futura aos combustibles fósiles. Para elo desenvolvemos unha aplicación informática que permite realizar estudos reais das potencialidades deste tipo de vehículos, analizando percorridos, comprobando autonomías, aceleracións, velocidades, etc. e comparándoos con vehículos convencionais. Paralelamente realizamos un estudo de opinión mediante enquisas a condutores que participaron nas probas reais de condución, así como distintas exposicións, publicacións, charlas e demostracións que contribuíron á obtención deste galardón.

A Ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, foi a encargada de entregar o premio ao Presidente da entidade e á súa vez Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, D. Ángel Bernardo Tahoces, que estivo acompañado por José Núñez e Manuel Díaz, Xerente e Responsable da Área de Comunicación e Divulgación de Sotavento, respectivamente.

O acto estivo presidido por D. Ricardo Gondo, Presidente da Fundación Renault, D. Ernesto Salas, Director da Fundación Renault, D. José Longás, Presidente do CLUB, e D. Juan Alfaro, Secretario Xeral do CLUB.

Tamén foron premiados FCC polo seu proxecto “Nova xeración de camións do lixo eléctrico-híbridos Plug-in” e o Concello de Santander polo seu proxecto “Santander SmartCity”. Estes premios foron recollidos por Juan Béjar, Conselleiro Delegado de FCC, e Íñigo da Serna, Alcalde de Santander, respectivamente.

A Fundación recibiu como premio a cesión durante un ano dun vehículo eléctrico Renault Twizy co que ampliaremos os estudos realizados ata agora.