Noticias

Sotavento colabora co proxecto Climántica Intercambios

Sotavento colabora co proxecto Climántica Intercambios, o cal pretende buscar respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Científica e Ambiental entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto.

A súa primeira experiencia piloto consiste no intercambio Galicia–Canarias, desenvolvéndose as actividades en Canarias do 24 ao 29 de Novembro de 2014; e en Galicia do 23 ao 27 de marzo de 2015, período durante o cal visitarán as instalacións de Sotavento. Dita experiencia aspira a deixar consolidado este intercambio cada curso académico, dando oportunidades a incorporarse cada curso a outros centros canarios e galegos. Proponse, ademais, que cada curso participe nunha comunidade autónoma / país invitado, para que realice intercambios coas dúas rexións implicadas neste primeiro intercambio.

En cada intercambio compararanse os aspectos claves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: dominio climático, transporte, transformación e uso de combustibles fósiles, xestión da auga, impacto das enerxías renovables, respostas do tipo de substrato ante eventos extremos e xestión integral do territorio. Para facelo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos ambientais que destaquen por ser recursos de calidade para a consecución dos obxectivos do proxecto.