Noticias

Sotavento colabora con Proxecto Home

O Proxecto decidiu visitar as instalacións de Sotavento co fin de coñecer o enfoque e a experiencia que no ámbito pedagóxico acumula esta instalación.

O Proxecto na Comunidade Terapéutica de Cernadas no Val do Dubra está instalando un sistema de abastecemento enerxético de electricidade autosuficiente e pretenden facer una aula formativa adicada ao Aforro e a Eficiencia Enerxética . O obxectivo é que os mozos e mozas internos reciban formación que lles facilite a súa reinserción laboral unha vez recibida a alta terapéutica.

Neste contexto, medio centenar de usuarios, coñeceron polo miúdo as instalacións de Sotavento, as actividades que realiza, aspectos técnicos da instalación e do seu funcionamento interno co fin de aproveitar a experiencia Sotavento para a creación da súa aula. Durante as máis de tres horas de duración, tamén se achegaron aos distintos medios didácticos de elaboración propia cos que conta Sotavento para achegar as enerxías renovables e o aforro enerxético á sociedade.

Esta visita súmase ás máis de 7.000 recibidas durante este ano en Sotavento, que acumula máis de 250.000 visitantes de todos os colectivos e idades dende a súa inauguración no ano 2002. De feito este venres cúmprense 14 anos dende que o CEIP Monseivane de Vilalba, inaugurara as actividades didácticas do Parque Eólico Experimental Sotavento.