Noticias

Inauguración do Circuíto Permanente de Orientación Serrón do Lobo

O Concello de Xermade e o Parque Eólico Experimental Sotavento inauguran o circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo.

Mediante un convenio de colaboración asinado por ambas entidades, levouse a cabo un mapa da zona e a proposta de cinco percorridos adaptados a todos os públicos con distintas lonxitudes e niveis de esixencia física.

O obxectivo do circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo é fomentar as actividades en contacto ca natureza e o deporte ao aire libre ao tempo que se ofrece unha alternativa de ocio gratuíta, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia.

Para realizar a actividade só hai que achegarse ás instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento en Xermade. No exterior do edificio sitúase un panel onde descargar os distintos recorridos a elixir. Para completar o circuíto seleccionado, os participantes deben buscar as balizas marcadas no mapa na orde indicada e anotar o número de control que atoparán en cada unha.

O mapa elaborado servirá tamén para o desenvolvemento de competicións de orientación tanto a nivel nacional como autonómica durante os vindeiros  anos. De feito, durante o acto de inauguración presidido polo Alcalde de Xermade, Roberto Pernas, desenvolveuse en paralelo a I proba da LIGA GALEGA DE TRAIL–O na Modalidade TEMP-O no que participaron medio centenar de corredores.

O circuíto permanente  de orientación Serrón do Lobo amplía a oferta turística do Concello de Xermade. A contorna natural das inmediacións do Parque Eólico Experimental Sotavento ofrece unha localización ideal para este tipo de actividades deportivas, tanto polas características do terreo, que inclúe desniveis, transicións entre distintos tipos de vexetación e zonas máis técnicas, como pola espectacular paisaxe que deleita aos participantes durante o percorrido. Así mesmo, constitúe unha actividade perfecta para gozar dunha xornada ao aire libre en familia ou con amigos, especialmente nestes tempos de pandemia nos que tanto interesa potenciar as actividades de ocio en espazos abertos e na natureza.