Metodoloxía

Activa e participativa

Adaptada aos coñecementos e características

Lúdica

A metodoloxía empregada en Sotavento intenta contribuír á formación de cidadáns capaces de desenvolverse de xeito hábil, crítico e activo ante os problemas ambientais que a sociedade nos formula. En Sotavento tratamos de transformar o ensino en aprendizaxe, ofrecendo aos visitantes un espazo de reflexión, análise e estudo sobre as distintas fontes de enerxía, a eficiencia e o aforro enerxético.

Tamén se persegue favorecer unha aprendizaxe significativa, adaptando as actividades e explicacións ás idades, características, coñecementos previos e inquietudes dos seus visitantes. Na medida do posible a manipulación e experimentación constituirán un recurso fundamental para afianzar e poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Así mesmo, outro aspecto metodolóxico común a todos os niveis, é o carácter lúdico das actividades, imprescindible para divertirse durante a visita, pero tamén para afrontar cunha mellor predisposición a asimilación dos diferentes contidos.

A nosa metodoloxía pretende ser dinámica, aberta e flexible, polo que teremos en conta o principio de retroalimentación educativa, introducindo aquelas modificacións que sexan necesarias segundo os datos obtidos, tanto polas valoracións finais realizadas en cada visita, coma polas avaliacións e autoavaliacións efectuadas por parte do Equipo Divulgativo.

A devandita metodoloxía estará igualmente presente, tanto en grupos pertencentes á educación formal, como en calquera tipo de visita que acceda ás nosas instalacións.