A crise sanitaria e o confinamento obrigatorio, supuxo unha reorientación das nosas actividades. A ausencia temporal de visitantes obrigou a derivar as actividades educativas e divulgativas ás redes sociais. Deste xeito, continuamos dando a coñecer as enerxías renovables e as potencialidades do aforro e eficiencia enerxéticas telematicamente.

Como funciona, sabías que, ou eficonsellos foron algúns dos contidos diarios empregados para conseguir estes obxectivos.

Por outra banda, realizáronse propostas máis lúdicas como obradoiros, xogos, escape room educativas e pasatempos relacionados sempre coa temática Sotavento, dirixidas a sobrelevar o confinamento.

Especial interese espertaron os retos presentados aos nosos seguidores cun alcance na rede de máis de 8.000 persoas. Salientable tamén foi o inicio dunha enquisa a nivel estatal para avaliar o coñecemento e valoración social das enerxías renovables e do cambio climático posta en funcionamento neste período.

A estratexia de volta á normalidade foi outro dos aspectos nos que se traballou neste período. Somos un centro situado nun lugar natural privilexiado, con espazos abertos que garanten o distanciamento social e un equipo de educadores con ampla experiencia capaces de adaptarse a calquera realidade. Estas características posibilitan unha continuación segura das actividades.

A propia crise sanitaria e as posibles relacións entre a actividade humana no medio e o avance da pandemia, volve a poñer de manifesto a importancia do enfoque sostible que debe presidir a nova realidade.A enerxía é unha das necesidades básicas do ser humano e, ao mesmo tempo, constitúe unha das principais causas de destrución do medio ambiente polo que o seu uso eficaz é de vital importancia para o futuro.

Avalado pola UNESCO, Sotavento é un lugar ideal para aportar estratexias encamiñadas a acadar eses obxectivos.

As actividades potenciarán máis as zonas exteriores e permitirán:

  • Visitar unha mámoa reconstruída das 13 que se atoparon na construción do Parque e coñecer as partes e formas de construción.
  • Percorrer a ruta do vento e descifrar o segredo de O Quixote no entorno natural presidido polo inicio das Fragas do Eume.
  • Percorrer o “museo das pedras”: mostra das rochas máis representativas dos chans galegos.
  • Visitar as exposicións permanentes sobre a apaixoante historia dos papaventos (cometas) e facer un percorrido dende os primeiros muíños ata os modernos aeroxeradores.
  • Achegarte á base dun aeroxerador e descubrir o seu interior.
  • Degustar un chocolate elaborado nunha cociña que funciona exclusivamente co sol.
  • Comprobar as posibilidades de distintos vehículos eléctricos

E ademais nos 1.500 m2 interiores:

  • Observar o funcionamento das enerxías renovables mediante maquetas, paneis e instalacións reais nun edificio de máis de 1.500m2 que simula as tres pás dun aeroxerador.
  • Descubrir o taller da enerxía, onde atoparemos instalacións enerxéticas antigas e modernas, incluíndo varios aeroxeradores reais (entre os que destaca o primeiro conectado á rede en España)
  • Percorrer unha vivenda bioclimática intelixente de 300 m2, pasear polas súas estancias comprobando o seu funcionamento e descubrindo distintos sistemas de calefacción, de xeración eléctrica, de xestión da auga, consumos de electrodomésticos, comparativas e moito máis.

As Visitas guiadas xestionaranse a través do número de teléfono 981563777 ou a través do WhatsApp  652 80 81 73

En todo momento, a nosa actividade divulgativa buscará manter a esencia que nos caracteriza sen descoidar a saúde dos asistentes. Estaremos encantados de solucionar calquera dúbida sobre xestión e organización a través do teléfono 652 80 81 73.

Señores e señoras, o Planeta Terra está en serio PERIGO🌏. Non se cansa de enviarnos día tras día sinais de socorro 🆘. Temos que axudarlle XA.

Para iso, dende o Departamento Divulgativo de Sotavento propoñémosvos unha serie de ENIGMAS PARA RESOLVER e dar coa solución ao problema. DEPENDE DE TI!!!! 💪

Para acceder debes copiar o enlace que poñemos máis abaixo no teu navegador (recoméndase acceder dende un ordenador).

Se eres capaz de chegar ata o final e nolo demostras cunha foto ou captura de pantalla ao whatsapp 652808173 ou deixando o teu comentario no noso fío de facebook, entrarás no SORTEO DUN AGASALLO. 🎁

Tes ata o luns 20 de abril ás 14:00 horas para participar no sorteo.

Non te olvides de contestar en MAIÚSCULAS.

Nota: Se necesitas algunha pista non dubides en pedírnola por whatsapp no 652808173 (dispoñible días laborais de 10 a 12 horas)

ENLACE: https://eduescaperoom.com/enigma/hoXN5AQRkeww

O confinamento ao que estamos sometidos debido á emerxencia sanitaria que estamos a vivir, fai que a maioría dos cidadáns pasemos moito máis tempo nas nosas vivendas, o que pode repercutir nun importante sobrecusto a final de mes na nosa factura eléctrica.

Para axudarlle ás familias a que o seu consumo de electricidade non se “dispare” nestes difíciles momentos, dende Sotavento estamos a compartir nas nosas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) consellos de eficiencia enerxética cada certo tempo. Deste xeito, tamén pretendemos concienciar da necesidade de facer un uso máis responsable e eficiente da enerxía nos nosos fogares, non só durante estes días, senón durante todo o ano.

Ademais, con cada consello, poñemos a disposición dos nosos seguidores un número de whatsapp no que poden consultarnos calquera dúbida sobre o tema.

Cun total de 2.713 visitantes repartidos en 88 grupos, o primeiro trimestre de 2020 encabeza a lista do mellor trimestre en canto a número de participantes se refire.

Cunha media de 62 persoas por día lectivo e unha duración de 3-4 horas por visita, a procedencia dos grupos nestes primeiros meses do ano repártese da seguinte maneira:

  • A Coruña: 58%
  • Lugo: 36%
  • Pontevedra: 1,5%
  • Outros puntos de España: 4,5%

O 79% dos grupos xa coñecía a nosa actividade debido a visitas anteriores, mentres que o 19% foi recomendado por comentarios de outros. O 2% restante interesouse pola nosa actividade gracias á nosa páxina web.

Seguindo a liña dos últimos anos, a maior parte dos nosos grupos son técnicos, seguido polos centros de secundaria coa seguinte porcentaxe:

  • Grupos Técnicos/BAC: 42%
  • Centros Secundaria: 35%
  • Centros Primaria: 12%
  • Asociaciones/Particulares: 10%
  • Visitas Institucionais:1%