Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Vivenda bioclimática demostrativa

Patrocinadores Vivenda Bioclimática

PROXECTO COOPERATIVO CIENTÍFICO TECNOLÓXICO, SINGULAR E DE CARÁCTER ESTRATÉXICO DE DEMOSTRACIÓN DA VIABILIDADE TÉCNICA E ECONÓMICA DO USO EFICIENTE DA ENERXÍA NA EDIFICACIÓN ENVITE - PLAN E. SUBVENCIÓN DO MINISTERIO DE CIENCIA E INNOVACIÓN DENTRO DO PLAN E, E ACOLLIDO AOS FONDOS FEDER DA UE.
EXPEDIENTE PEN-120000-2009-32

ANTECEDENTES:


Nun século marcado polo esgotamento de recursos enerxéticos e os problemas ambientais derivados dun exceso de consumo enerxético, a Fundación Sotavento Galicia a través deste proxecto puxo a disposición de todas as persoas interesadas, unha exemplificación real das posibilidades que a bioclimática nos ofrece de aforrar enerxía e de mellorar a nosa calidade de vida.

Para conseguir este obxectivo, a Fundación Sotavento Galicia construíu unha vivenda duns 240 m2 que tendo en conta o clima e as condicións do ámbito, utiliza o seu deseño e os propios elementos arquitectónicos, como principais bazas para obter unhas condicións óptimas de habitabilidade e confort no seu interior. A escasa demanda enerxética desta vivenda é potenciada por sistemas enerxéticos renovables ou eficientes.

A vivenda foi dotada dun sistema integral de xestión, ofrecendo ao visitante toda a información relativa ao seu funcionamento.

OBXECTIVOS:


O principal obxectivo é mostrar os fundamentos das construcións bioclimáticas e os distintos fenómenos que nelas se producen tendentes a obter confort no interior, transmitíndo que o devandito benestar se pode conseguir dun xeito sinxelo, aforrando enerxía e polo tanto sendo respectuosos co medio.

Co fin de conseguir isto, realízase un percorrido guiado que abrangue os seguintes aspectos da vivenda bioclimática:

  • A importancia do asentamento no terreo e a forma do edificio para controlar as fontes e sumidoiros de calor (radiación solar, aire ambiente e terreo)
  • A importancia da orientación para un bo funcionamento bioclimático
  • A optimización e xestión da luz solar no verán e no inverno
  • Os modos de transmisión de calor de acordo cos nosos intereses e habitáculos dentro da vivenda para ter o mellor confort
  • As propiedades térmicas dos materiais de construción empregados
  • Condicións de confort térmico: temperatura e humidade relativa
  • Usos enerxéticos da vivenda (tipo de electrodomésticos, clases de iluminación, xestión da auga, etc.)
  • Funcionamento enerxético integrado da propia vivenda, é dicir a xestión das condicións bioclimáticas coas achegas das fontes de enerxías renovables necesarias unido á domótica. Posibilidades e efectos destas intervencións
  • Resultados enerxéticos esperados e medidos
  • Posibilidade de extrapolación de resultados a outro tipo de construcións bioclimáticas (casa, piso, etc.)
  • A utilización de materiais naturais e locais como elementos importantes dunha arquitectura sostible

INSTALACIÓNS:


A demanda enerxética da vivenda é achegada por sistemas enerxéticos renovables e/ou eficientes tales como:

  • Instalación solar fotovoltaica
  • Instalación solar térmica
  • Instalación mini-eólica
  • Caldeira de biomasa
  • Bomba de calor xeotérmica

ARQUITECTOS:


Este proxecto foi realizado por unha empresa con ampla experiencia en arquitectura bioclimática: ALIA, Arquitectura, Enerxía e Medio, S.L., liderando o proxecto o arquitecto D. Emilio Miguel Mitre, profesional de recoñecido prestixio en construcións bioclimáticas.

SITUACIÓN ACTUAL:


Neste momento a vivenda está rematada, sendo visitable dende a súa inauguración o 21 de xuño de 2010. Actualmente véñense desenvolvendo diversos proxectos e análises relativas ao comportamento enerxético desta, e impartíndose periodicamente cursos de formación no ámbito das enerxías, o aforro e a eficiencia enerxética.

VIDEO:


DOCUMENTACIÓN:


Para descargar a Memoria da Vivenda Bioclimática Demostrativa pulsa aquí