Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Noticias

Entre 16 e o 23 de novembro, Sotavento recibe a visita de 6 grupos

09/11/2017

Os grupos son:
CEIP Virxe do Carme (Burela)
Escuela Jesuitas Sarriá Sant Ignasi (Barcelona)
IES de Mugardos (Mugardos)
IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela)
IEs Breamo (Pontedeume)
EPAPU Eduardo Pondal (A Coruña)

COMEZA O PRAZO PARA SOLICITAR VISITA A SOTAVENTO

05/09/2017

O luns día 25 de setembro comezará o prazo de solicitude de visitas a Sotavento para o curso académico 2017/2018. O horario de atención será de 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento de reserva será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas.

Informarvos ademáis que a participación nas actividades conlevará un pequeño custe de 2 € para menores de idade e de 3 € para adultos (os profesores e acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 ( De 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h ).
Información xeral: 981441020 (De 10:00h a 14:00h)

Esperámosvos!!

No seu décimo sexto aniversario Sotavento supera o cuarto de millón de visitantes

22/07/2017

Sotavento celebra o seu décimo sexto aniversario recibindo nas súas instalacións ao visitante número 250.000.

Cúmprense 16 anos dende que o actual Rey de España, Felipe VI, inauguraba as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento. Dende entón, máis dun cuarto de millón de persoas de distintas procedencias, idades e colectivos percorreron as instalacións do parque participando nas súas actividades divulgativas.

Unha exitosa traxectoria en materia de sensibilización das enerxías renovables e a eficiencia enerxética que se ve avalada polos numerosos recoñecementos, nacionais e internacionais, recibidos ao longo destes 16 anos. Sendo destacable o recoñecemento da UNESCO no ano 2014, que nomea Sotavento como caso de "Boas Prácticas" e inclúeo na súa publicación dos 32 casos de éxitos destacados e nivel mundial. Só tres lugares en España teñen esta mención: Forteventura, a illa de Hierro e Sotavento.

A aposta firme desde o inicio por un proxecto educativo flexible, experimental e dinámico no tempo, fai que 16 anos despois Sotavento continúe sendo todo un referente na educación enerxética.

A celebración deste aniversario coincide á súa vez co fin do curso académico 2016/2017, durante o cal Sotavento recibiu nas súas instalacións a máis de 9.417 persoas distribuídas nun total de 262 visitas.
Un curso no que destacan as visitas realizadas por estudantes de educación secundaria e grupos técnicos, ambos os colectivos representan máis dun 63% do total das visitas.
Colectivos procedentes maioritariamente da Comunidade autónoma de Galicia, aínda que son moitos os estudantes e investigadores de todo o mundo os que se interesan polo proxecto de Sotavento, chegando a destacalo como único a nivel mundial e creador de tendencias e vocacións no ámbito enerxético, xa que moitos dos alumnos e alumnas que no seu día visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento a día de hoxe traballan neste sector.

Semana Europea da Enerxía Sostible 2017 en Sotavento (EUSEW 2017)

27/06/2017

A Semana Europea da Enerxía Sostible (EUSEW) lanzada no ano 2006 pola Comisión Europea e organizada pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa (AESME) en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Enerxía, converteuse nos últimos anos nun dos eventos máis destacados a nivel mundial en materia de eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Trátase dunha campaña de concienciación que pretende sensibilizade á sociedade en relación ao aforro e a eficiencia enerxética e impulsar a transición enerxética entre a poboación na loita polo avance cara a un novo modelo de enerxía limpa e dun consumo enerxético responsable en liña cos obxectivos europeos.

Na súa 12º edición, celebrada do 19 ao 25 de xuño, a EUSEW 2017 logrou reunir a autoridades públicas, empresas privadas, ONG e consumidores de todo o mundo que ao longo dunha semana propuxeron e participaron en diferentes actividades como, conferencias, mesas redondas, visitas a instalacións, etc.

Unha vez máis e por sétimo ano consecutivo Sotavento sumouse á celebración da EUSEW 2017 organizando ao longo da semana diferentes actividades nas que participaron as máis dun centenar de persoas que durante eses días percorreron as instalacións do parque.

Visítanos no verán

22/06/2017

O comezo oficial do verán marca o inicio dun período estival en Sotavento durante o cal as instalacións do parque permanecerán abertas para aquelas persoas que baixo reserva previa estean interesadas en visitarnos.

Para xestionar a visita poden chamar ao teléfono: 981563777 de 10:00h a 14:00h ou ben enviar un mail a info-divulgacion@sotaventogalicia.com .

Sotavento achega o mundo da enerxía aos máis pequenos

16/06/2017

Conscientes da importancia dunha educación ambiental dirixida a todos os colectivos e idades, Sotavento consolida a súa proposta educativa dirixida aos ciclos de educación infantil.

A través dun amplo programa de actividades prácticas e experiencias adaptadas a estes nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, descubrimos a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados e o enorme valor dos nosos hábitos de aforro e eficiencia.

Son case inexistentes os proxectos educativos que inciden en aspectos de educación enerxética a estas idades temperás. A falta de medios e a súa dificultade son os argumentos esgrimidos para pasar por alto uns dos temas de maior importancia para o ser humano do SXXI: A enerxía.
Con todo, consideramos que estas idades son as idóneas para establecer preconceptos e fomentar valores que determinarán as futuras condutas adultas.

Desde hai anos, son moitos os centros de infantil que se interesaron por este proxecto educativo. Un dos máis habituais é a escola infantil de Vilalba. Esta vez, os seus alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos puideron gozar de diferentes actividades prácticas como transformar a enerxía do sol en enerxía eléctrica a través dunha placa fotovoltaica, experimentar cunha turbina hidráulica, de vento, etc. Mesmo, mediante a utilización de construcións, jerarquizaron o balance enerxético do noso país priorizando as fontes renovables. Aínda que poida parecer complicado, as súas respostas ante problemas complexos son moitas veces máis sensatas que a de moitos adultos.

O programa ERASMUS + participa nas actividades divulgativas de Sotavento

22/05/2017

O pasado 18 de maio, máis de medio centenar de participantes no programa de ERASMUS + promovido pola Xunta de Galicia percorreron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento.

O programa pretende apoiar as políticas europeas e nacionais en todos os ámbitos da educación formal a través do valor engadido que supón a internacionalización e ofrecer maiores posibilidades de mobilidade e cooperación, tanto a docentes como a alumnos do noso país.

Baixo o lema , A CALL FROM SCHOOLS "FOR THE LESS DESTRUCTION LET´S REDUCE THE CONSUMPTION" , docentes e alumnos de 6 países europeos (Italia, Lituania, Turquía, Rumania, Grecia e España) realizan intercambios para fomentar o aforro e a eficiencia nos centros educativos.

Na súa visita a España, máis de medio centenar de participantes no programa dirixidos polo equipo de Erasmus + do IES da Pobra do Caramiñal, centro inmerso no proxecto, participaron nas actividades divulgativas de Sotavento, coñecendo de primeira man as medidas de eficiencia e/ou aforro aplicadas e promovidas na loita pola reflexión dun uso responsable dos recursos enerxéticos en particular e dos problemas ambientais en xeral.

As universidades galegas elixen Sotavento para a formación externa dos seus alumnos

24/04/2017

As Universidades galegas destacan Sotavento e as Instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento como un lugar ideal para complementar a formación dos seus alumnos.

O pasado 21 de abril, coincidiron nas instalacións do parque alumnos de dúas das principais universidades galegas.
Por unha banda, a UDC (Universidade da Coruña) unha vez máis optou por traer aos seus alumnos de Master en Enerxía Eólica e alumnos de 2º e 3º curso de Grao en Enxeñería, que a través dunha visita técnica puideron coñecer de primeira man as instalacións e funcionamento dun parque eólico, unha oportunidade que ofrece Sotavento e é única probablemente a nivel mundial.
Ao mesmo tempo, máis de 15o alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Universidade de Santiago de Compostela) participaron nas actividades educativas de Sotavento, centrando a súa atención principalmente na pedagoxía e a metodoloxía coas que se desenvolven todas as actividades do Plan Educativo.

Ambas as actividades, veñen a sumarse a outras xa realizadas por estes centros ao longo de curso académico 2016-2017, xa que, cada vez son máis os centros de estudos superiores que elixen Sotavento como un lugar ideal para a formación externa dos seus alumnos.

Sotavento recibe unha "mención de honra" na 9ª edición dos Premios de Enerxía de EnerAgen 2017

10/04/2017

O pasado 30 de marzo a Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz (APEC) acolleu a entrega da 9ª edición dos Premios Nacionais de Enerxía EnerAgen 2017.

Avalados polas axencias españolas de xestión da enerxía asociadas a EnerAgen, estes premios buscan o recoñecemento das mellores actuacións de fomento e utilización das Enerxías Renovables e Uso Racional da Enerxía e Eficiencia Enerxética en todo o territorio nacional.

Nesta 9º edición dos premios, o " Plan Educativo Divulgativo de Sotavento" foi recoñecido cunha mención de honra na categoría de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e a Eficiencia Enerxética.

Ademais de Sotavento, resultaron premiados nas distintas categorías, Concellos situados en Xirona e Castelló así como a Deputación de Granada entre outros.

Sotavento participa no II Congreso Lucense de Medio Ambiente e LVII Curso de Saúde Ambiental

24/03/2017

A quincuaxésima sétima edición do Curso de Saúde Ambiental, celebrado do 20 ao 23 de marzo no auditorio municipal "Carmen Estévez" do Concello de Vilalba , toca o seu fin cun "éxito completo".

Segundo datos da organización, esta última convocatoria sumou máis dun centenar de inscritos chegados desde Galicia, Asturias ou Valencia que ao longo de 3 xornadas puideron beneficiarse do extraordinario coñecemento dos 33 expertos relatores que participaron nas diferentes sesións plenarias.

Cambio climático, xestión de augas e residuos, patrimonio natural e posibilidades turísticas da comarca chairega foron algúns dos temas debatidos durante as xornadas, nas que Sotavento participou cunha sesión baixo o título de " Contribución de Sotavento á a investigación, formación e educación en materia de enerxías renovables e aforro e eficiencia enerxética".

Ademais, durante a xornada de clausura os participantes realizaron visitas prácticas á Edar de Entrepinares no polígono de Vilalba, a emblemática charca do Alligal de Codesido e ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade.

Sotavento conmemora o "Día Mundial da Eficiencia Enerxética"

13/03/2017

Desde 1998, cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Foi durante a 1º Conferencia Internacional da Eficiencia Enerxética celebrada en Austria, onde se decidiu establecer unha data na que todos os cidadáns reflexionásemos sobre a problemática do uso abusivo dos combustibles fósiles e a importancia de comezar a empregar fontes de enerxía alternativas.

Un ano máis, Sotavento uniuse á conmemoración do devandito evento centrando as súas actividades da semana do 6 ao 12 de marzo principalmente á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética.
Máis de 300 persoas, chegadas das 4 provincias galegas, percorreron as instalacións de Parque Eólico Experimental Sotavento comprobando eles mesmos que un simple xesto pode ter grandes vantaxes ambientais e económicas sen afectar á nosa calidade de vida.

Conscientes da importancia de que as medidas de aforro e eficiencia deben converterse en algo cotián do noso día a día, Sotavento convidou aos participantes a depositar o seu consello de eficiencia enerxética, co fin coñecer cales son as medidas de aforro máis empregadas pola cidadanía.

Concluída a semana e analizados os resultados, obtense que o 43% dos enquisados cre que se deberían de construír máis vivendas bioclimáticas, o 26% pensa que se debería de aforrar máis electricidade, mentres que o 22% incide na necesidade do aforro de auga, cun 9% restante que indica a importancia do aproveitamento solar.

Sotavento recibe o "Premio Eficiencia Enerxética A3e - El Instalador 2016" á mellor Acción Divulgación de Eficiencia Enerxética

17/11/2016

A Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética - A3e e a Editorial O Instalador recoñecen a Sotavento e a súa traxectoria como mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética 2016 e concédenlle o 1º premio na súa categoría.

A sede COAM de Madrid acolleu o xoves 17 de novembro de 2016 no marco do II Foro Nacional de Eficiencia Enerxética (FOROGEn), a cerimonia de entrega dos IV Premios de Eficiencia Enerxética.

Organizados por A3e - Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética e a editorial O Instalador coa colaboración do IDAE e de ENDESA, estes premios buscan o recoñecemento ao labor desenvolvido por institucións, empresas, profesionais e estudantes en beneficio á eficiencia enerxética en España.

Entre as máis de 30 candidaturas presentadas, o xurado concedeu a Sotavento o 1º premio na categoría de mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética. Na que tamén resultaron premiados a "Campaña Cinergía" presentada por AREA MEDIA e "Fulldome" (Experiencia inmersiva para a promoción de sistemas híbridos con Aerotermia) presentado por SAUNIER DUVAL.

José Núñez Baña e Manuel Díaz Fernández, Xerente e responsable da área premiada respectivamente, foron os encargados de recoller o premio en Madrid.

Sotavento finalista nos premios outorgados pola Asociación de Empresas de Eficiencia Energética na categoría: "Mejor contenido/acción divulgativa de eficiencia energética".

12/11/2016

Sotavento finalista nos premios outorgados pola Asociación de Empresas de Eficiencia Energética na categoría: "Mejor contenido/acción divulgativa de eficiencia energética".
O gañador coñecerase no II Foro Nacional de Gestión Energética que se celebrará o 17 de noviembre en Madrid.
Entre as máis de trinta candidaturas presentadas, un xurado de seis expertos en eficiencia enerxética seleccionou como finalistas ás seguintes candidaturas.
•Campaña: Cinergía. Presentado por ARENA MEDIA.
•Fulldome (Experiencia inmersiva para la promoción de sistemas híbridos con Aerotermia). Presentado por SAUNIER DUVAL.
•Plan Educativo – Divulgativa Sotavento y su trayectoria en materia de Eficiencia Energética, Ahorro y EERR. Presentado por la Fundación SOTAVENTO GALICIA.
Esperamos ter sorte!!
http://news.asociacion3e.org/noticia/9-finalistas-optan-a-los-iv-premios...

Abre o prazo para solicitar visita a Sotavento

14/09/2016

O venres día 23 de setembro comeza o prazo para solicitar visitas a Sotavento. Desde ese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11:30 e de 12 a 14 horas.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas. Para axilizar a xestión rogámosvos que teñades esta información dispoñible no momento da chamada.

Informarvos ademais que a participación nas actividades conlevará un pequeno custe de 2 € para menores de idade e 3 € para adultos (os profesores acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 (9 a 11 e de 12:30 a 14 horas)

Información xeral: 981441020 (10-14)

Esperámosvos!!

A Semana Europea da Enerxía 2016 (EUSEW) marca o peche do curso académico 2015/2016 en Sotavento

30/06/2016

O curso académico 2015/2016 finaliza en Sotavento con máis de 8.200 persoas recibidas nun total de 246 actividades didácticas desenvolvidas ao longo de curso nas instalacións de Parque Eólico Experimental Sotavento.

Estes datos, sumados aos históricos acumulados desde o inicio das actividades da área divulgativa no ano 2002, seguen situando a Sotavento como referente no ámbito da divulgación das enerxías renovables.

A maior parte das actividades concertadas ao longo de curso foron realizadas por estudantes de educación secundaria e grupos técnicos, ambos os colectivos representan máis dun 60% das visitas recibidas.

En canto á súa procedencia, máis do 94% dos grupos recibidos procedían da Comunidade autónoma de Galicia, aínda que cabe destacar que o número de visitas recibidas de diferentes países estranxeiros (Francia, Dinamarca, etc) iguala ás recibidas do resto de puntos da xeografía española, supoñendo ambas un 6% do total de grupos recibidos.

Dentro das diferentes actividades didácticas desenvolvidas ao longo do curso, convén resaltar a realización de visitas online a través das TIC presentes no centro, unha actividade que brinda a oportunidade de coñecer Sotavento a colectivos que pola súa distancia ao parque fai imposible unha actividade presencial. Ou a colaboración de Sotavento en varios proxectos de formación e investigación como é o proxecto SATMA, destinado á formación no sector da eólica aos alumnos de FP.

En canto ás actividades realizadas fóra do parque destaca a participación de Sotavento na 1º edición da Feira da Enerxía de Galicia, onde segundo datos da organización do evento foron máis de 5.500 as persoas recibidas ao longo de 3 días no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda.

O broche a este curso académico márcao a celebración da Semana Europea da Enerxía 2016 (EUSEW). Unha iniciativa lanzada no ano 2006 pola Comisión Europea, e organizada pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana empresa (EASME) en estreita relación coa Dirección Xeral de Enerxía, que na súa 11ºedición marcaba como principal obxectivo reunir a autoridades públicas, empresas privadas, organizacións non gobernamentais e consumidores para promover iniciativas de aforro enerxético e enerxías renovables en aras de conseguir un sistema enerxético seguro, limpo e eficiente.

Lembramos que o fin do curso académico 2015/2016 dá paso ao comezo dun período estival en Sotavento, durante o cal as instalacións do parque permanecerán abertas para aquelas persoas que, baixo reserva previa (Teléfono: 981 563 777, mail: info-divulgacion@sotaventogalicia.com), estean interesadas na visita a Sotavento desde un punto de vista máis turístico. Este aspecto, menos coñecido, destácano organismos internacionais como a UNESCO.

Sotavento achega a enerxía aos alumnos e alumnas da escola infantil de Vilalba

14/06/2016

O equipo pedagóxico do Parque Eólico Experimental Sotavento visitou a Escola Infantil de Vilalba.

Ao longo de toda a mañá, os nenos e nenas da escola realizaron diversas actividades prácticas coas que puideron achegarse ás fontes de enerxía alternativas aos combustibles fósiles. Así mesmo, comprobaron diferentes medidas de aforro e eficiencia enerxética a aplicar tanto nos seus fogares como no propio centro educativo.

Para facelo posible, os educadores de Sotavento desprazaron ata Vilalba equipamento educativo e material real composto, entre outros, por placas solares fotovoltaicas, maquetas de aeroxeradores, muíños tradicionais, rodas hidráulicas, medidores de consumo, distintos aparellos eléctricos, etc.

A xornada rematou coa elaboración dun chocolate preparado con leite ecolóxica cedida por LACTALIS, nunha cociña solar. As actividades, promovidas pola dirección e profesorado do centro, foron avaliadas positivamente tanto pola equipa directiva da escola como pola Área didáctica de Sotavento. Ambos centros, destacaron a importancia da promoción das fontes de enerxía “limpas” e do consumo responsable en todas as idades.

Proxecto Home Galicia participa de novo nas actividades divulgativas desenvolvidas por Sotavento

07/06/2016

Un total de 50 mozos e mozas inmersos na proposta formativa e divulgativa en materia de enerxías renovables desenvolvida por Proxecto Home Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, participaron nas actividades prácticas desenvolvidas por Sotavento nas instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Dita iniciativa enmárcase dentro do compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria de impulsar as tecnoloxías que permiten fomentar a eficiencia enerxética. Destacando sempre polo seu carácter práctico permitirá non só formar aos participantes, senón que tamén lles ofrece unha alternativa de proxección dentro do mercado laboral. Principal motivo polo que unha vez máis elixisen Sotavento como un lugar ideal no marco das EERR e eficiencia enerxética para que os seus alumnos de maneira práctica poidan ampliar os seus coñecementos.

Durante a actividade, os mozos realizaron diferentes actividades relacionadas coas enerxías renovables, manexo de placas solares, interior dun aeroxerador, acceso á planta de acumulación de hidróxeno, etc. Tamén puideron coñecer de primeira man medidas de aforro, eficiencia enerxética e domótica na vivenda bioclimática demostrativa.

Esta visita vén sumarse a outra realizada pola entidade o paso mes de novembro ás instalacións do parque, de tal maneira que xa son máis dun centenar de mozos inmersos no proxecto os que visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Sotavento participa na I Feira da Enerxía de Galicia

28/04/2016

Sotavento participou co seu proxecto educativo na I Feira da Enerxía de Galicia celebrada do 14 á 16 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda.

Ao longo das tres xornadas, máis de medio milleiro de escolares de centros educativos próximos participaron nas actividades desenvolvidas por Sotavento. A esta cifra debemos aumentar as visitas non programadas así como o público en xeral. En total, 5.500 persoas, segundo datos da organización do evento.

Nun espazo dedicado 100% á difusión e sensibilización en materia de EERR e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre o consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia enerxética e mesmo gozar das vantaxes da mobilidade sostible coa experiencia de conducir un coche ou bicicleta eléctrica. Entre outras moitas actividades cabe destacar os talleres dedicados aos máis pequenos, onde de maneira divertida aprenderon as múltiples vantaxes do vento coa elaboración de diferentes tipos de cometa

Esta primeira cita do sector enerxético en Galicia, que contou con máis de 92 expositores chegados dende España, Francia e Portugal, cun total de 239 firmas e máis de 74 conferencias, foi inaugurada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Aínda que ao longo das tres xornadas foron outras moitas as autoridades que visitaron o recinto, como o Director Xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces ou o Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia Román Rodríguez.

Un ano máis Sotavento colabora co Proxecto Climántica

01/04/2016

Como vén sendo habitual desde hai uns anos Sotavento colabora co Proxecto Climántica Intercambios 2016. Unha iniciativa que ten como principal obxectivo a procura de respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Científica e Ambiental entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto.

O pasado xoves 31 de marzo, Sotavento recibiu a vista nas súas instalacións de case un centenar de alumnos e alumnas procedentes do Colegio Decroly da Lagoa (Canarias) e o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, centros inmersos neste momento no Proxecto Climántica cun intercambio entre os seus alumnos e alumnas.

En cada intercambio compáranse os aspectos craves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: transformación e adaptación dos combustibles fósiles, xestión de auga, impacto das enerxías renovables, etc…
Para logralo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos que destaquen por ser recursos de calidade, principal motivo polo que a visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento faise habitual dentro desta iniciativa.

A Escola Jesuítas Sarriá Sant Ignasi de Barcelona repite a súa visita online a Sotavento

16/03/2016

Por segundo ano consecutivo, a Escola Jesuítas Sarriá Sant Ignasi de Barcelona participa nas actividades educativas online impartidas por Sotavento.

Trátase dunha actividade na que participaron uns 200 alumnos e alumnas de Primaria de dito centro, durante a cal puideron coñecer de primeira man as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento e solucionar as súas dúbidas en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética. Este tipo de actividades a distancia, son posibles grazas ás diferentes TIC (Técnicas de información e comunicación) e medios informáticos dos que dispón Sotavento en conxunto cos medios informáticos dispoñibles nos centros escolares, como pizarras dixitais...

As actividades educativas online, comezan en Sotavento no ano 2015, e desde entón son varios os centros interesados nesta iniciativa, probablemente única en Galicia, que brinda a oportunidade de coñecer Sotavento a gran cantidade de alumnos que pola súa distancia ao parque, farían complicada unha actividade presencial.

Páxinas