Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Avaliación da eficiencia enerxética e da integración de enerxías renovables na vivenda bioclimática demostrativa do Parque Eólico Experimental de Sotavento

ANTECEDENTES:


A Fundación Sotavento Galicia dispón no Parque Eólico Experimental Sotavento dunha vivenda bioclimática demostrativa, inaugurada o 21 de xuño de 2010. Trátase dunha vivenda de 240 m2 construída baixo criterios bioclimáticos, na que se minimizaron as súas necesidades enerxéticas de climatización e iluminación, incluíndo ademais a utilización de fontes de enerxía renovable.

As principais instalacións de enerxía renovable da vivenda son:

  • Un aeroxerador de 1,5 kW
  • Xeración fotovoltaica de 2,7 kWp instalada na cuberta da vivenda en tres grupos con orientacións Oeste, Leste e Sur
  • Xeración solar térmica formada por 8 captadores de 2,5 m2 cada un, que supoñen aproximadamente uns 20 kW instalados sobre a cuberta con orientación Sur
  • Unha bomba de calor xeotérmica de 8,2 kW cun COP de 4,7 e 500 m. de captador xeotérmico horizontal a 2 m. de profundidade media
  • Unha caldeira de biomasa de 20 kW de pellets

Outros elementos de relevancia relacionados coas instalacións de climatización son os depósitos de almacenamento de enerxía térmica (solar e depósito de inercia) e un refrixerador evaporativo. A vivenda conta ademais cuns sistemas pasivos como muros trombe, galerías, antucas, etc.

Ademais das mencionadas instalacións é necesario destacar que a vivenda foi deseñada coa finalidade de ser empregada con fins divulgativos e, sobre todo, como un elemento que permita a investigación e desenvolvemento de actividades relacionadas coa eficiencia enerxética, enerxías renovables e arquitectura bioclimática. Neste sentido na vivenda instaláronse sensores e elementos de control relacionados co seu funcionamento. Dada a complexidade deste sistema, o número destes elementos supera as 300 unidades. Entre as variables monitorizadas ou controladas cabe destacar:

  • Variables climatolóxicas (temperatura, humidade relativa, vento, etc.)
  • Temperaturas nas distintas estanzas da vivenda a diferentes alturas e a humidade relativa interior
  • Temperatura, caudal e enerxía calorífica nos principais circuítos de calefacción
  • Temperatura do terreo no ámbito da captación xeotérmica
  • Enerxía eléctrica achegada polas instalacións eólica e fotovoltaica, así como variables eléctricas relacionadas co seu funcionamento (tensión, corrente, etc.)
  • Actuadores sobre electro-válvulas, orde marcha e paro sobre instalacións

OBXECTIVO:


A integración entre os sistemas de climatización, o comportamento bioclimático da vivenda e os sistemas de enerxías renovables definen un sistema complexo ao cal se ten acceso a través das variables de monitorización e control implantadas. Na vivenda implantáronse unhas estratexias de xestión nas instalacións susceptibles de ser melloradas para garantir que a vivenda funcione baixo criterios de eficiencia enerxética e maximizando a utilización de enerxías renovables. Estes son os obxectivos nos que se formulou o proxecto:

  • Maximización da eficiencia enerxética da vivenda
  • Integración das enerxías renovables

ENTIDADES PARTICIPANTES:


Os traballos descritos formaban parte do proxecto "Avaliación da eficiencia enerxética e da integración de enerxías renovables na vivenda bioclimática demostrativa do Parque Eólico Experimental Sotavento" (2010-2011) financiado pola Consellería de Economía e Industria (Xunta de Galicia) e dirixido por persoal do Departamento de Enerxía Eléctrica da Universidade de Vigo. Neste proxecto colaboraron as seguintes entidades: GOC, S.A., IDI Enerxía, FAIMEVI, ademais de Sotavento, facilitando este último o acceso a todos os datos monitorizados da vivenda ademais dos seus parámetros.

METODOLOXÍA:


Para conseguir os obxectivos mencionados foi necesario abordar as seguintes fases:

  • Análise do recurso eólico, solar e xeotérmico
  • Análise das instalacións en servizo e do comportamento de vivenda
  • Análise das variables monitorizadas e das variables de control. Esta foi unha das fases fundamentais do proxecto, xa que dela dependía a consecución dos obxectivos formulados. Estruturouse en:
    • Análise da coherencia de medidas e actuacións, métodos de filtrado de erros
    • Proposta de variables a monitorizar e de variables de control
  • Proposta de estratexias de control

SITUACIÓN ACTUAL:


O proxecto finalizou a principios de 2012. Os estudos e conclusións máis relevantes foron:

  • Recompilación da información técnica relacionada coa construción e o funcionamento da vivenda bioclimática
  • Cualificación enerxética da vivenda
  • Análise e simulación do comportamento do acumulador de inercia
  • Análise do funcionamento da instalación xeotérmica
  • Desenvolvemento de ferramentas de análise dos datos de monitorización da vivenda
  • Desenvolvemento de ferramentas de estimación de estado para os sistemas eólicos e fotovoltaicos
  • Análise da xeración fotovoltaica (obtención das curva V-I e análise de funcionamento)