Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Instalación de modelos de predición da produción enerxética no Parque Eólico Experimental Sotavento

ANTECEDENTES:


A predición de produción enerxética de parques eólicos ten un carácter estratéxico na situación actual do mercado eléctrico debido ao elevado índice de penetración da enerxía eólica. A predición aplicada a parques eólicos constitúe unha ferramenta que permitiu xestionar o sistema eléctrico de forma máis eficaz, proporcionando capacidade de previsión da xeración de orixe eólica. O modelo de predición posibilita efectuar ofertas da enerxía que vai producir o parque eólico, co conseguinte valor engadido para a xeración.

O CIEMAT (Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas) realizou no ano 1999 unha revisión do estado da arte internacional dos modelos de predición existentes para parques eólicos. Ademais, no marco deste estudo, CIEMAT probou dous modelos de predición, o Prediktor del Riso National Laboratory e o WPPT da Universidade Técnica de Dinamarca, nun parque eólico con terreo complexo, en España. As conclusións deste estudo da situación dos modelos de predición indicaron que:

  • Os modelos desenvolvidos para terreo plano, non daban bos resultados en terreo complexo
  • A predición meteorolóxica en España necesitaba unha adaptación específica para o parque eólico que contemple os efectos locais

CIEMAT e CENER (Centro Nacional de Energías Renovables) estableceron un convenio para o desenvolvemento técnico e comercial, de programas de predición de vento e produción de enerxía eólica.

Sobre a base deste acordo, Sotavento realizou este proxecto con CENER.

O Parque Eólico Experimental Sotavento, mostrou dende os seus inicios un grande interese por avaliar modelos de predición no seu parque, decantándose polo modelo LocalPred.

OBXECTIVOS:


Os principais abranguían:

  • Mostrar dunha forma operativa, o funcionamento dun modelo de predición nun parque eólico en terreo complexo
  • Mellorar a integración da enerxía producida no sistema eléctrico, adaptándose ás esixencias da normativa no momento do seu desenvolvemento
  • Contribuír á planificación diaria da demanda eléctrica

METODOLOXÍA (FASES):


As distintas fases que tiveron lugar ao longo do proxecto foron:

  1. Adquisición das predicións numéricas
    Adquisición da predición numérica dun modelo meteorolóxico, neste caso optouse polo do Instituto Nacional de Meteorología (INM) mediante o modelo HIRLAM.
    Utilizáronse predicións históricas e predicións en tempo real. As predicións históricas serviron para verificar o modelo de predición e axustalo á zona de estudo. Unha vez optimizado o modelo, incorporáronse as predicións en tempo real.

  2. Recompilación de datos de vento e produción do parque
    O desenvolvemento do modelo de predición necesitaba dispoñer de datos de vento e produción enerxética do parque eólico. SOTAVENTO creou unha base de datos coas súas medidas, adaptándoa ás necesidades do modelo de predición.

  3. Axuste e optimización do modelo de predición de vento
    A partir das predicións históricas e dos datos medidos de velocidade e produción no parque, axustouse o modelo de predición por CENER-CIEMAT.

  4. Modelización do funcionamento do parque eólico fronte ao vento. Obtención da curva de parque
    A partir dos datos sobre o funcionamento e a operación do parque eólico subministrados por SOTAVENTO, modelizouse o funcionamento do parque eólico obtendo a curva de potencia de parque. Na modelización do parque tivéronse en conta a velocidade, dirección do vento e dispoñibilidade dos aeroxeradores, entre outros parámetros.

  5. Cálculo de erros do modelo de predición

  6. Instalación do modelo de predición nos equipos de Sotavento

  7. Avaliación dos resultados
    Seguimento do funcionamento do modelo e avaliación dos resultados do modelo de predición.

  8. Fase final de mellora dos resultados obtidos
    Os resultados do apartado 7 serviron para identificar as posibles melloras do modelo de predición para o Parque Eólico Experimental Sotavento. Estas melloras incluían:
    • Modelos estatísticos máis avanzados
    • Modelización física de alta resolución con MM5 ou FLUENT

ORGANISMOS COLABORADORES:


O presente proxecto de colaboración realizouse no marco dos contactos mantidos entre, SOTAVENTO, IDAE e o Centro de Investigaciónes Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT) co fin de instalar un modelo de predición da produción enerxética no Parque Eólico Experimental Sotavento.

SITUACIÓN ACTUAL:


O proxecto finalizou en 2003, proporcionando no seu momento datos en tempo real de estimación de produción para a web.