Noticias

A Fundación Sotavento Galicia remata a campaña 2010/2011 de Condución Eficiente

A necesidade do aforro de enerxía nos automóbiles está á orde do día. Cada vez son menos os recursos dispoñibles e maiores os seus custes. Respondendo a esta problemática, dende a Fundación Sotavento Galicia impartimos máis de 300 cursos de condución eficiente na provincia de Lugo durante a campaña 2010/2011, que veñen a sumarse aos máis de 1.200 cursos impartidos en campañas anteriores.

Esta iniciativa forma parte do Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Este Plan contempla medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte co obxectivo de racionalizar mellor o uso do noso vehículo e ofrece un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias.

Condutores/as de diferentes puntos da provincia lucense participaron nesta acción formativa onde os colectivos máis implicados foron os concellos e as asociacións de veciños.

Deste xeito, nesta campaña o curso foi realizado por usuarios e usuarias de Alfoz, Barreiros, Burela, Castro de Rei, Cervo, Chantada, Guitiriz, Lugo, Quiroga, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Xermade, etc.

Nestes cursos, impartidos por educadores expertos, explícanse as técnicas para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais, coa posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois dunha sesión teórica.

Tras analizar os datos obtidos nesta campaña, que perseguía un aproveitamento máis eficiente dos recursos naturais e a consecuente redución na emisión de gases contaminantes á atmosfera, destacamos o aforro medio de combustible, que representa o 15,1% (0,94 L/100 km) en relación ás conducións habituais dos participantes. Ademais de aforrar enerxía e combustible, os/as alumnos/as comprobaron que isto non implica un aumento no tempo empregado para o percorrido, senón que na maioría das prácticas realizadas este diminuíu de xeito considerable.

Este aforro, tanto en enerxía como en emisións contaminantes, aínda se fai máis relevante se facemos unha extrapolación a nivel autonómico, onde evitaríamos a emisión á atmosfera de máis de 470 mil toneladas de CO2 aforrando, para unha quilometraxe anual de 16.000 km, máis de 193 € ao ano cun coche de gasolina e máis de 187 € cun coche de gasóleo.

O desenvolvemento destes Cursos de Condución Eficiente foi valorado moi positivamente pola maioría dos/as alumnos/as que o realizaron e cuxa media de idade roldou os 38 anos, participando un 59% homes fronte ao 41% de mulleres.

Os asistentes que realizaron o curso nesta campaña recibirán en breve o seu diploma acreditativo nos correspondentes organismos organizadores.

A Fundación Sotavento Galicia informará de futuras campañas de Condución Eficiente.