A Fundación Sotavento Galicia organizou no noso Parque unha xornada con motivo do Día Mundial da Auga, que se celebra cada 22 de marzo.
Este ano, o tema deste día foi “Auga para as cidades: respondendo ao desafío urbano” e tivo como principal obxectivo centrar a atención internacional sobre o impacto do rápido crecemento da poboación urbana, a industrialización e o dilema causado polo cambio climático, os conflitos e os desastres naturais sobre os sistemas urbanos de abastecemento de auga.
A maioría da poboación mundial vive en cidades e a paisaxe urbana segue crecendo, aumentando esta poboación de xeito máis rápido que a capacidade de adaptación da súa infraestrutura. Por iso co Día Mundial da Auga 2011 preténdese alentar aos gobernos, ás organizacións, ás comunidades e ás persoas en particular a participar de xeito activo para responder ao desafío da xestión da auga nas cidades.
Con esta xornada dedicada á auga, centrámonos en demostrar, mediante aplicacións informáticas propias, cómo unha correcta xestión deste recurso tan necesario pode contribuír ao coidado do noso medio ao mesmo tempo que aumenta a nosa calidade de vida.
Ademais, durante unha semana, as nosas visitas tiveron como un dos seus temas principais o aforro e a eficiencia no consumo de auga nas nosas vivendas. Deste xeito, máis de 300 persoas con visita concertada ás nosas instalacións recibiron consellos sobre cómo facer unha correcta xestión deste recurso nas súas vidas cotiás.
Dende a Fundación, memorando este Día Internacional, lembramos que:
• Lavar a vaixela a man resulta un 60% máis caro que facelo nun lavalouza a plena carga.
• Con sinxelos e económicos accesorios podemos regular o caudal das nosas billas, aforrando moitos litros de auga.
• Se introducimos unha botella chea de auga na cisterna do inodoro aforraremos en cada baleirado a cantidade de auga equivalente ao volume desa botella.
• Unha billa goteando cada segundo supón un gasto diario duns 30 L de auga.
• Se substituímos o baño pola ducha podemos aforrar ata 100 L de auga en cada uso.
Ademais, queremos facer especial fincapé na necesidade de adoptar algúns hábitos sinxelos, pero de gran importancia global como:
• Pechar a billa mentres cepillamos os dentes.
• Lavar o coche con caldeiro e esponxa, en vez de utilizar tanto a mangueira.
• Regar o xardín pola mañá cedo ou cara a noite.