Noticias

Sotavento únese á celebración do Día Internacional da Muller

O Día Internacional da Muller, festa nacional nalgúns países, é un día recoñecido pola Organización das Nacións Unidas (ONU) que se celebra cada 8 de marzo dende principios do século pasado. Este ano, o tema deste Día é “A igualdade de acceso á educación, á capacitación e á ciencia e á tecnoloxía: o camiño cara o traballo decente da muller”.

A Fundación Sotavento Galicia, en homenaxe a todas as mulleres científicas, estreou o pasado día 1 de febreiro a exposición temporal “Con A de Astrónomas”, na que a través dunha serie de paneis, se fai un percorrido entre os principais fitos da astrofísica onde o papel da muller foi fundamental dende a antigüidade ata os nosos días.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, esta exposición creada por un grupo interdisciplinar de nove mulleres de distintos centros de investigación, permanecerá nas nosas instalacións ata o vindeiro día 10 de marzo. Espérase que ata entón máis de 1.500 persoas visiten a mostra formando parte de grupos de mulleres, maiores, centros educativos e particulares.

Segundo o Secretario Xeral da ONU, ”a igualdade das mulleres e as nenas constitúe tamén un imperativo económico e social. Ata que non se logre liberar ás mulleres e ás nenas da pobreza e a inxustiza, todos os nosos obxectivos –a paz, a seguridade, o desenvolvemento sostible- correrán perigo”.

Esta exposición, amósanos o duro traballo de centos de mulleres por acadar recoñecemento á súa labor, loitando contra a desigualdade de xénero sufrida na súa época. “Con A de Astrónomas” pretende reivindicar e recuperar a participación das mulleres, as grandes esquecidas da historia, en todos os campos do desenvolvemento humano: ciencia, tecnoloxía, educación, etc.

Non é a primeira vez que Sotavento rende homenaxe ao traballo da muller no eido científico. Durante o ano pasado, outra exposición, “Ciencia Ex Aequo”, poñía en valor o seu importante traballo, xunto coa súa inestimable e pouco valorada contribución á ciencia.

Lembramos, ademais, que “Con A de Astrónomas” pode ser visitada ata o vindeiro día 10 de marzo, en grupo ou de xeito individual, no noso Parque Eólico de luns a venres en horario de 10:00 h a 18:00 h e os fins de semana e festivos en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 18:00 h, previa cita no teléfono 981 441020.