Noticias

O Parque Eólico Experimental Sotavento celebra con éxito o Día Mundial do Vento

Con motivo do Día Mundial do Vento, que este ano se celebra en 29 países de todo o mundo, a Fundación Sotavento Galicia centra as súas actividades divulgativas en promover o uso deste recurso renovable, limpo e autóctono.

Como cada ano, coa celebración de este evento coordinado por GWEC, EWEA e AEE (Asociacións Eólicas Mundial, Europea e Española), a Fundación Sotavento pretende concienciar aos seus visitantes de que o uso deste recurso é unha realidade con grandes vantaxes con respecto ás fontes de enerxía tradicionais.

Por este motivo, as actividades realizadas neste Parque Eólico Experimental prolónganse durante toda a semana e terán como punto central esta homenaxe ao vento e ás diferentes formas de aproveitamento desta fonte de enerxía.

Deste modo, máis de 500 persoas terán a oportunidade de coñecer máis de cerca este recurso de forma lúdica e educativa. Así, dependendo das características do grupo, os participantes poderán realizar obradoiros de cometas ou muíños, coñecer a evolución dos muíños de vento ao longo da historia, visitar a sala de control do Parque ou incluso coñecer a situaci´con de importantes proxectos de investigación relacionados coa enerxía eólica. Ademais, xogos relacionados con este recurso natural e gratuíto servirán para que os máis pequenos fixen os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.

O mércores 15 de xuño, Día do Vento, uns 100 alumnos de primaria realizaron unha solta de globos biodegradables para chamar a atención dos medios e de toda a sociedade sobre as posibilidades de vento como recurso inesgotable e necesario para a sostibilidade deste Planeta. Neles, escribiron os seus desexos e propostas de cara a acadar un mundo máis limpo. O vento encargouse de elevalas quizás en busca de respostas.

As visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento son completamente gratuítas e poden ser solicitadas por todo aquel que o desexe chamando con antelación ao teléfono de xestión de visitas 981 563777 (laborais) e 981 441020 (non laborais).

Para ver o vídeo copie o seguinte enlace no seu navegador:

http://www.youtube.com/watch?v=7hQmSfuKzOg&feature=youtu.be

Descargar noticia en pdf