Noticias

O Parque Eólico Experimental Sotavento cumpre 10 anos

Unha década despois de que o Príncipe de Asturias inaugurase Sotavento como un proxecto con características singulares, hoxe preséntasenos como unha proposta consolidada e de referencia tanto no aspecto divulgativo–formativo como no investigador.

Neste período, en Sotavento leváronse a cabo multitude de proxectos de investigación entre os que destaca o Proxecto de Acumulación de Enerxía Eólica en Forma de Hidróxeno que permite dar solución a importantes problemas vinculados á enerxía do vento; Aerogidas, un sistema de mantemento predictivo intelixente baseado en redes neuronais que permiten adiantarse ás posibles avarías dos aeroxeradores; ou a Vivenda Bioclimática Demostrativa, onde se exemplifica a correcta a construción dos edificios de cara a acadar un desenvolvemento sostible.

No aspecto formativo, nestes dez anos, Sotavento levou a cabo numerosos cursos de formación dirixidos a diferentes colectivos, tanto técnicos como de profesorado, e as nosas instalacións albergaron equipos e a realización de ensaios destinados a mellorar o mantemento dos aeroxeradores e a seguridade dos operarios. Deste xeito, modernos andamios que trepan polo fuste dos muíños, minihelicópteros para a supervisión de pás e liñas ou simulacros de rescate, son algunhas das actividades levadas a cabo neste ámbito neste Parque.

Pero se por algo se recoñece a Sotavento é pola súa labor de educación enerxética e sensibilización ambiental. Cunha media que supera os 20.000 visitantes anuais vén de converterse nun referente neste aspecto, onde acoden visitantes de toda Galicia, España e mesmo internacionais. As nosas propostas, destinadas a todo o público, achegan as enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética dun xeito ameno e práctico. De feito as actividades valóranse cun 9 de media nunha escala de 1 ao 10.

Nestes dez anos, creáronse os Premios Renovables co obxectivo de incentivar distintas iniciativas relacionadas co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea de Sotavento en particular. Deste xeito procúrase un maior coñecemento da realidade enerxética que nos rodea caracterizada polo esgotamento de recursos e polos problemas ambientais derivados dun excesivo consumo de enerxía. Hoxe, coincidindo con esta data importante, a Fundación Sotavento Galicia fixo entrega dos premios do IX Certame Renovable 2011 na modalidade de debuxo, onde os galardonados foron rapaces do CEIP de Maciñeira de Neda (Primeiro Premio do Segundo Ciclo de Educación Primaria) e do CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña (Primeiro Premio do Terceiro Ciclo de Educación Primaria). O premio correspondente ao Primeiro Ciclo de Educación Infantil e Primaria xa foi entregado a semana pasada, coincidindo co Día Mundial do Vento, na EEI de Vilalba.

Un elevado número de publicacións representan outras das actividades importantes realizadas en Sotavento neste período, destacando “Muíños do Mundo”, “Papaventos con Historia” ou “A enerxía ao redor de ti”, que reza un dos eslogans da institución que hoxe cumple 10 anos de funcionamento efectivo cunha actividade intensa nos distintos ámbitos para a que foi concebida.

Exposicións e xornadas enerxéticas completan este resumo. Dende o inicio das nosas actividades educativas–divulgativas, viñéronse realizando distintas e variadas exposicións co fin de achegar complementos interesantes ás actividades educativas levadas a cabo nesta instalación. Estas mostras contribúen á explicación de certos fenómenos importantes ou relacionados cos obxectivos didácticos do parque e teñen, en función do seu interese ou das nosas posibilidades, un carácter temporal ou permanente. Deste xeito, en Sotavento poñemos a disposición do público unha media de catro exposicións ao ano.

Lembramos que as nosas instalacións están abertas para ser visitadas por todos/as aqueles/as que o desexen, chamando previamente ao teléfono de xestión de visitas 981 563777 (laborais) ou 981 441020 (non laborais). Lembramos ademais, que o horario de apertura das nosas instalacións nos días non laborais volve a rexerse polo horario de verán, que é de 12:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 17:30 horas.