Noticias

Sotavento celebrou o seu I Rallye Eficiente 2011

A Fundación Sotavento Galicia cumpriu expectativas coa celebración do I Rallye Eficiente Sotavento 2011.

Con todas as prazas cubertas, o I Rallye Eficiente Sotavento 2011 desenvolveuse con éxito dende as 9:00 ata as 13:45, hora na que se coñecían os tres gañadores e se procedía á entrega de premios.

A Fundación Sotavento xa é un referente en Galicia en canto á celebración de eventos relacionados coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética. Por este mesmo motivo, o principal obxectivo deste evento era premiar aos participantes que acadasen os mellores resultados en canto a eficiencia na condución dun vehículo facilitado para tal fin. Neste “Rallye” non só había que chegar antes, senón que había que facelo co mínimo consumo posible.

Esta actividade foi unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando en todo momento que as avaliacións fosen o máis científicas posibles, sen esquecer o carácter divulgativo da proba.

Nesta I Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Francisco Javier Riveiro Blanco de Santa Comba, Manuel Vilaboy Jarel de Valdoviño, Jesús Sardiña Río de Vilalba e Manuel Pita Bermúdez de Lugo. Os tres primeiros, recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente así como un “Planeta Renovable”, símbolo do noso Parque. O resto dos participantes recibiron un diploma e distintos agasallos conmemorativos entregados por José Núñez, xerente de Sotavento, Tomás Rodrígue, alcalde de Xermade e Constantino Fernández, tenente alcalde de Xermade.

Os resultados obtidos na proba foron destacables, lográndose un consumo medio de 5 e un tempo de 7 min para un recorrido de 7 km en orografía complexa. Os vehículos empregados foron dous citroën C3 cedidos para a ocasión por Noyamóvil, concesionario Citröen de Santiago de Compostela.

Adicionalmente, os visitantes puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes como bicicletas e coches eléctricos, coches híbridos, etc., que se exhibiron co fin de ampliar os contidos educativo–divulgativos relacionados coa mobilidade sostible. Estes vehículos foron cedidos polo Instituto Enerxético de Galicia.

A actividade puxo fin á Semana Europea da Mobilidade no Parque, cuxo lema para este ano era “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade!”.

Para ver a puntuación dos catro finalistas:

Descargar PDF