A Vivenda Bioclimática Demostrativa resultou galardoada pola “Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen)” co premio a “Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética” na Terceira Edición dos Premios EnerAgen.
Os Premios EnerAgen son unha actividade encamiñada a fomentar a utilización das Enerxías Renovables, así como o uso racional da enerxía e a eficiencia enerxética en todo o territorio nacional.
Pero este non é o único recoñecemento que recibe a Vivenda, xa que tamén resultou primeira finalista na V Edición dos Premios Endesa á “Promoción Inmobiliaria máis Sostible”, concretamente na categoría de “Promoción Residencial Sostible”.
Nesta nova entrega dos Premios Endesa, nos que se inscribiron máis de 76 proxectos, tratouse de promover a busca de solucións globais e a eficiencia enerxética. Deste xeito, o xurado estaba composto por 15 profesionais de prestixio do ámbito da construción e comunicación sostible.
A Vivenda Bioclimática Demostrativa nace do interese dos visitantes a Sotavento por ver exemplos máis cotiás de aplicación das enerxías renovables. Deste xeito, a Fundación Sotavento Galicia decidiu dar un paso máis na súa oferta divulgativa coa construción deste edificio que poderíamos definir como un Centro de Interpretación da Arquitectura Bioclimática e Sostible no sector da edificación residencial.
O obxectivo principal desta edificación é amosarlle aos visitantes as posibilidades reais de aforro que nos ofrece unha correcta construción dos edificios, demostrando que unha pequena inversión inicial a maiores pode supoñer un gran aforro futuro nas nosas facturas, contribuíndo ademais a un maior coidado do noso medio.
Para máis información sobre este proxecto, visitar a sección correspondente desta mesma páxina web.