A Fundación Sotavento Galicia uniuse este ano á celebración da Semana Europea da Enerxía Sostible.
Esta iniciativa tivo lugar por primeira vez hai seis anos a través da Comisión Europea e hoxe en día está organizada pola Axencia Executiva de Competitividade e Innovación, en estreita cooperación coa Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea.
Nesta celebración participan cada ano centos de organizacións e individuos con actividades que promoven as enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Está deseñada para difundir as mellores prácticas, inspirar novas ideas e construír alianzas que axuden a satisfacer as necesidades enerxéticas da Unión Europea e os seus obxectivos climáticos.
Facendo fincapé no aforro e a eficiencia enerxética e amosando datos reais de todas as súas instalacións, a Fundación Sotavento Galicia dedicou durante unha semana as súas actividades a esta iniciativa.