As instalacións de Sotavento acolleron ao primeiro vehículo eléctrico de autonomía estendida de Europa, o Opel Ampera. Este vehículo é capaz de percorrer máis de 500 km sen repostar grazas á combinación dun motor eléctrico e outro alimentado con gasolina. Esta autonomía, xunto cos seus 150 CV de potencia, converten a este modelo no vehículo eléctrico máis vendido en Europa a pesar de que en España só existen 33 unidades e en Galicia só unha.
A diferenza deste vehículo coa xa coñecida tecnoloxía híbrida radica en que para impulsarse unicamente emprega o motor eléctrico, mentres que o motor de combustión só serve para recargar as baterías e non como forza de propulsión directa.
A presenza deste modelo en Sotavento, forma parte das distintas actividades que a Fundación Sotavento Galicia está levando a cabo no eido da mobilidade sostible. Aproximadamente un centenar de visitantes puideron coñecer máis de preto, este e outros modelos eléctricos grazas á colaboración de Mercauto, Concesionario Opel de Vilalba. Ademais puideron comprobar, a partir de datos reais extraídos dos estudos que realiza a Fundación, as potencialidades e comportamento desta tecnoloxía eléctrica en condicións normais de uso.