Noticias

A Fundación Sotavento Galicia celebrou con éxito o Día Mundial da Eficiencia Enerxética

O 5 de marzo celebrouse en todo o mundo o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, unha grande aliada á hora de reducir gastos na nosa vida cotiá. A orixe deste Día Mundial remóntase á primeira conferencia internacional sobre a devandita materia, celebrada en Austria en 1998. Máis de 350 expertos e líderes de 50 países debateron sobre a crise da enerxía e sobre a eficiencia enerxética como unha das posibles medidas para combatela.

Todos sabemos que a mellor forma de aforrar e de coidar o noso medio é non consumir enerxía pero, se debemos facelo, o mellor é procurar facelo do xeito máis eficiente posible, é dicir, conseguindo o mesmo, pero empregando menos recursos.

A Fundación Sotavento Galicia uniuse á conmemoración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, dedicando toda unha semana á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética. Deste xeito, case medio millar de persoas tiveron a oportunidade de comprobar cómo un sinxelo xesto pode ter importantes vantaxes económicas e ambientais.

As visitas a Sotavento durante esta semana, compostas por grupos técnicos, de secundaria, bacharelato e ata particulares procedentes das catro provincias galegas, puideron constatar que a eficiencia enerxética pode ir da man da calidade de vida, xa que ser máis racional co uso da enerxía non ten por qué facernos perder en comodidade.

Durante esta semana tratamos de reflexionar sobre o uso da enerxía nos nosos fogares. Lembramos que algo tan sinxelo como eliminar o consumo en espera dun televisor que se acende unha media de catro horas diarias en todas as vivendas españolas, pode axudarnos a aforrar no noso país máis de 165 millóns de euros ao ano e evitar a emisión de case 400.000 toneladas de CO2 anuais á atmosfera. Neste sentido, segundo datos do IDAE, a enerxía consumida polos aparatos mal apagados supera incluso o consumo de electrodomésticos como lavalouzas, conxeladores, ordenadores ou incluso fornos, supoñendo máis do 10% do consumo total dos electrodomésticos.

A eficiencia enerxética non debe estar centrada nunha semana, senón que debemos empregar estas técnicas de uso racional da enerxía durante todo o ano. De feito, a Fundación Sotavento Galicia ven realizando unha importante labor neste sentido dende o ano 2002, tratando de proporcionarlles aos máis de 200.000 visitantes que se achegaron ao noso Parque, a capacidade de avaliación e análise da realidade enerxética que nos rodea e amosarlles cómo o seu pequeno gran de area pode contribuír moi favorablemente no avance cara un mundo mellor.