Sotavento inaugurou dúas novas exposicións: “A gota que nos dá a vida” e “A esfera da auga”, con motivo do DÍA MUNDIAL DA AUGA.
O 22 de decembro de 1993, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 22 de marzo de cada ano como Día Mundial da Auga. Dende este momento, diferentes Estados de todo o mundo consagraron este día e decidiron aproveitalo para a difusión e concienciación da necesidade de conservación e desenvolvemento dos recursos hídricos.
Este ano, o Día Mundial da Auga, enmárcase dentro do “Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga”, co que se persegue unha boa xestión e a cooperación entre os diferentes grupos de usuarios para promover o acceso á auga e a loita contra a súa escaseza.
En conmemoración deste día, Sotavento inaugurou nas súas instalacións dúas novas exposicións, “A gota que nos dá a vida”, elaborada integramente en Sotavento e “A esfera da auga”, producida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
“A gota que nos dá a vida” invita ao visitante a coñecer o ciclo da auga e, sobre todo, o desequilibrio que os actos humanos causan no mesmo. Esta mostra vese apoiada cos 21 paneis que compoñen a exposición “A Esfera da Auga”. Esta última introduce ao visitante no mundo da auga, dende as súas propiedades químicas ata o seu papel na historia e na civilización humana. Dividida en dous bloques, o primeiro de “Auga e Natureza” segue o curso do ciclo hidrolóxico, a súa relación co clima e cos ecosistemas. O segundo, “Auga e Sociedade”, intérnase na influencia do ser humano no ciclo natural da auga, a súa contaminación, solucións para o acceso á auga potable e a relación deste recurso coa historia, a saúde e a tecnoloxía.