Noticias

Sotavento finaliza no colexio de Xermade os actos do Día Mundial do Vento 2013

Máis de 70 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria do CEIP de Xermade participaron no peche das actividades previstas con motivo do Día Mundial do Vento 2013.

As actividades consistiron nunhas explicacións previas realizadas por parte do equipo divulgativo de Sotavento no colexio xermadés a principios do mes de xuño e que seguiron o día 15 coa visita dos escolares a Sotavento, lugar que foi centro das actividades realizadas este ano en España pola Asociación Empresarial Eólica (AEE) con motivo do Día Mundial do Vento e onde se fixo a entrega ao concello de Xermade do Premio Eolo 2013 á integración rural da eólica.

Ditas actividades remataron no día de onte cunha nova visita dos educadores do Parque ao colexio da localidade, na que os alumnos tiveron a ocasión de repasar conceptos relacionados coas enerxías renovables en xeral e coa eólica en particular. Como actividade principal, os rapaces voaron simultaneamente máis de 50 papaventos nunha xornada festiva que tamén puxo fin ao curso escolar 2012/2013.