Noticias

28 de Xaneiro, Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2

80 alumnos ferroláns participaron en Sotavento da celebración do Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2.

Trátase dun día designado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) co obxectivo de crear conciencia e sensibilizar os habitantes do noso planeta sobre o cambio climático e os impactos ambientais que esta ocasiona. Sotavento dedicou as actividades de hoxe especificamente a tratar este tema con alumnos do IES Sofía Casanova de Ferrol.

O CO2 é esencial para o ciclo biolóxico das plantas, polo tanto é altamente beneficioso e necesario para a vida no planeta. Ao ciclo no que participa o CO2 chámaselle Ciclo do Carbono. Por outro lado o efecto invernadoiro natural, é o que permite a vida na terra ao manter unha temperatura media de 15º C polo que de por si é beneficioso.

O problema xorde cando crece a concentración de CO2 e outros gases pola acción humana o que provoca unha alteración do efecto invernadoiro e polo tanto do clima.

O transporte e a industria son os principais causantes deste aumento. Sotavento invita a tomar conciencia sobre a importancia de reducir estas emisións mediante accións de sentido común que non teñen porqué implicar unha redución da nosa calidade de vida e se, en moitos casos, unha mellora da nosa economía doméstica.