Sotavento acolleu no día de onte a celebración do 2º Simposio de Solucións para o Mantemento na Industria Eólica organizado polo grupo Schaeffler. O acto aglutinou ás principais empresas do sector eólico e a máis de medio centenar de participantes nunha convención dunhas 6 horas de duración. O principal obxectivo da xornada foi dar a coñecer novos desenvolvementos na tecnoloxía de rodamentos, así como aplicacións e servizos para o mantemento especialmente pensados para a industria eólica.
Neste mesmo seminario presentouse o proxecto que Schaeffler Iberia está levando a cabo no noso Parque sobre a monitorización e mantemento predictivo en aeroxeradores. Dito proxecto materialízase na instalación dun sistema de monitorización de vibracións FAG WiPros para a análise da condición do tren de potencia dun dos nosos aeroxeradores.
Schaeffler, importante empresa do sector, realiza constantes investigacións para mellorar as prestacións dos seus rodamentos así como dos seus produtos e servizos de mantemento, co fin de aumentar a rendibilidade dos aeroxeradores e contribuír deste xeito a reducir os custes totais de propiedade dos parques eólicos.
O simposio, que contou coa colaboración dunha decena de poñentes, rematou coa visita dos asistentes ás instalacións de Sotavento.