Noticias

A nova corporación municipal de Xermade, visita Sotavento

O novo alcalde de Xermade Roberto García, acompañado do tenente de alcalde Carlos Guerra, visitaron o pasado 29 de xullo Sotavento como representantes da nova corporación municipal.

Nunha visita institucional de dúas horas de duración ambos xestores municipais interesáronse polos proxectos e actividades presentes e futuras do parque, que en palabras do Alcalde “é unha instalación importante no Concello de Xermade, un proxecto de referencia mundial ao que debemos apoiar e valorar dende o Concello”.

Roberto García tamén salientou a necesidade de “apoiar iniciativas coma esta que faciliten o acceso da poboación a información enerxética obxectiva” e concluiu “as enerxías renovables, a eficiencia e o aforro enerxéticos son pilares fundamentais nos que sustentar un futuro sostible”.

Por outra banda, o Concelleiro de Turismo e Teniente de Alcalde Carlos Guerra, destacou que tratará de “explotar e incentivar o enorme potencial turístico do parque implicando aos veciños y veciñas”.

Ambas institucións comprometéronse a colaborar activamente e dentro das súas competencias nos eidos de actuación que comparten relacionados, entre outros, co turismo e o medio ambiente no Concello de Xermade.