O equipo pedagóxico do Parque Eólico Experimental Sotavento visitou a Escola Infantil de Vilalba.
Ao longo de toda a mañá, os nenos e nenas da escola realizaron diversas actividades prácticas coas que puideron achegarse ás fontes de enerxía alternativas aos combustibles fósiles. Así mesmo, comprobaron diferentes medidas de aforro e eficiencia enerxética a aplicar tanto nos seus fogares como no propio centro educativo.
Para facelo posible, os educadores de Sotavento desprazaron ata Vilalba equipamento educativo e material real composto, entre outros, por placas solares fotovoltaicas, maquetas de aeroxeradores, muíños tradicionais, rodas hidráulicas, medidores de consumo, distintos aparellos eléctricos, etc.
A xornada rematou coa elaboración dun chocolate preparado con leite ecolóxica cedida por LACTALIS, nunha cociña solar. As actividades, promovidas pola dirección e profesorado do centro, foron avaliadas positivamente tanto pola equipa directiva da escola como pola Área didáctica de Sotavento. Ambos centros, destacaron a importancia da promoción das fontes de enerxía “limpas” e do consumo responsable en todas as idades.