Noticias

Sotavento conmemora o “Día Mundial da Eficiencia Enerxética”

Desde 1998, cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Foi durante a 1º Conferencia Internacional da Eficiencia Enerxética celebrada en Austria, onde se decidiu establecer unha data na que todos os cidadáns reflexionásemos sobre a problemática do uso abusivo dos combustibles fósiles e a importancia de comezar a empregar fontes de enerxía alternativas.

Un ano máis, Sotavento uniuse á conmemoración do devandito evento centrando as súas actividades da semana do 6 ao 12 de marzo principalmente á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética.
Máis de 300 persoas, chegadas das 4 provincias galegas, percorreron as instalacións de Parque Eólico Experimental Sotavento comprobando eles mesmos que un simple xesto pode ter grandes vantaxes ambientais e económicas sen afectar á nosa calidade de vida.

Conscientes da importancia de que as medidas de aforro e eficiencia deben converterse en algo cotián do noso día a día, Sotavento convidou aos participantes a depositar o seu consello de eficiencia enerxética, co fin coñecer cales son as medidas de aforro máis empregadas pola cidadanía.

Concluída a semana e analizados os resultados, obtense que o 43% dos enquisados cre que se deberían de construír máis vivendas bioclimáticas, o 26% pensa que se debería de aforrar máis electricidade, mentres que o 22% incide na necesidade do aforro de auga, cun 9% restante que indica a importancia do aproveitamento solar.