Noticias

20 Aniversario Sotavento

O pasado día 21 de xuño tivo lugar a celebración do acto do 20 aniversario do Parque Eólico Experimental Sotavento, ubicado en Momán (Xermade), Lugo.

Ao acto acudiron o Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; os alcaldes de Xermade e Monfero; representantes dos socios que constitúen Sotavento Galicia, S.A. e a Fundación Sotavento Galicia, representantes de diversas empresas que colaboran co Parque Eólico Experimental e o propio persoal do parque.

O acto deu comezo ás 11:30 horas cun percorrido polas instalacións de Sotavento, incluíndo a Vivenda Bioclimática Demostrativa, onde se inauguraron dous dos últimos proxectos demostrativos realizados por Sotavento:

Proxecto de autoconsumo mediante baterías

O proxecto consistiu na instalación dun sistema de almacenamento de enerxía mediante baterías que permite acumular a enerxía eléctrica producida polas fontes renovables existentes na vivenda e favorecer así o autoconsumo. Como todos os proxectos de Sotavento, ten un forte contido demostrativo e divulgativo, para o cal se deseñaron aplicacións específicas que mostran datos reais e históricos da instalación, á vez que permiten calcular costos, amortizacións e incluso realizar extrapolacións reais adaptadas ao caso particular do usuario.

Xestión intelixente do chan radiante da vivenda bioclimática demostrativa

Este proxecto de demostración consistiu en instalar un sistema de xestión do chan radiante da vivenda que, utilizando datos de predición meteorolóxica e tendo en conta a inercia térmica do sistema, anticipa a posta en marcha ou o apagado do sistema en función das previsións do tempo. Deste xeito apórtase un maior confort ao usuario co menor custo enerxético e económico posible.

 

Tras o percorrido emitiuse un vídeo conmemorativo e realizáronse distintas intervencións das autoridades. Nelas lembraron os inicios do proxecto inaugurado polo actual Rei de España Felipe VI e “promovido pola Xunta de Galicia nos anos iniciais do despegue da Eólica” e aludiron aos “compañeiros de viaxe que a administración galega invitou ao proxecto: IDAE (goberno central) e a diversas empresas eléctricas que estaban a desenvolver proxectos eólicos en Galicia (Endesa, Iberdrola e Engasa). As dúas primeiras participan en Sotavento a través de Enel Green Power España, S.L. e Iberdrola Renovables Galicia, S.A”.

Tratábase dun “…proxecto novidoso, incerto e en certa maneira ‘utópico’, dado que no ano 2001 o tema das renovables e, en concreto da eólica, estaban nunha fase moi inicial”.

 

OBXECTIVOS E CARACTERÍSTICAS DE SOTAVENTO
Os obxectivos deste Parque Eólico Experimental eran constituír unha instalación de pequenas dimensións (17,56 MW) que conseguira autofinanciarse por si mesma mediante a enerxía que vendería ao sistema e que, á súa vez, realizara outras accións adicionais a un parque estándar, tales como:

  • Escaparate de tecnoloxías eólicas
  • Centro para proxectos de I+D+i+d
  • Centro para a formación e divulgación enerxética

Nestes 20 anos realizáronse multitude de proxectos de diferente calado e algúns deles tan significativos como:

  • Sistema de xeración e almacenamento de hidróxeno con eólica: un proxecto cunha dobre vertente, por un lado estudouse a idoneidade do hidróxeno como sistema de almacenamento de enerxía que permita a xestión enerxética e económica dun parque eólico e por outro analizouse a xeración de hidróxeno 100% renovable a partir de enerxía eólica.
  • Vivenda bioclimática demostrativa: vivenda deseñada e creada para coñecer e experimentar cos fundamentos das construcións bioclimáticas. Ademais, exemplifica as diferentes solucións enerxéticas renovables que se poden implementar nunha vivenda unifamiliar, tendentes a ter confort no interior co menor custo enerxético. Esta vivenda está dotada, ademais, dunha gran cantidade de pantallas interactivas táctiles deseñadas para ver procesos, interactuar con datos reais, históricos e incluso calcular casos particulares.

Nestes anos Sotavento realizou tamén unha importante labor pedagóxica de concienciación e educación enerxética a través dun proxecto propio, que conseguiu dar contido e potenciar o carácter formativo e demostrativo das instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento entre todos os estamentos sociais.

Como resultado, acadou un gran impacto social, superando as 270.000 persoas que participaron nestas actividades, referendadas por máis de 10 premios nacionais e internacionais.

Hoxe podemos dicir que Sotavento é unha empresa madura, solvente e que, durante estes vinte anos, logrou ser un referente nacional na divulgación e educación enerxéticas.

Durante estes 20 anos realizou unha labor frutífera dende o punto de vista:

  • técnico, como centro de demostración e espazo propicio para desenvolver proxectos de I+D+i+d;
  • social, pola súa labor pedagóxica e de sensibilización social, tan necesaria no mundo enerxético que nos espera e onde actuacións deste tipo son esenciais.

Sotavento mira cara o futuro con optimismo por varias razóns:

  • Por ter conseguido desenvolver con éxito un carácter diferenciador, único no sector, que podemos definir como a “marca Sotavento”.
  • Por estar planificando a repotenciación parcial dalgúns aeroxeradores, o cal permitiralle mellorar a súa conta de resultados, incrementar a actividade divulgativa, tan demandada socialmente, e incrementar o seu rol como escaparate tecnolóxico.
  • Pola necesidade de continuar coa labor pedagóxica no campo da enerxía, algo que consideramos de vital importancia futura e na que Sotavento constituíuse como unha ferramenta de sensibilización e concienciación social ante un mundo no cal o consumo enerxético terá que ser responsable e sostible.

Actualmente pódese dicir que aquel proxecto “utópico” é hoxe unha realidade e que se acadou o obxectivo marcado. Ímos camiño dun futuro renovable e sostible e Sotavento estará aí para contalo.