Noticias

Sotavento pecha o curso escolar con case 4.000 visitantes

Sotavento soubo adaptarse ás circunstancias causadas polo Covid-19 reorientando as súas actividades para minimizar o impacto negativo da nova situación sanitaria e económica mundial.

Para iso introducíronse dúas novas modalidades de actividades ademais das habituais: as actividades nos propios centros educativos e as actividades formativas online.

Ademais, leváronse a cabo proxectos demostrativos tales como un sistema de almacenamento de enerxía solar e un sistema preditivo de control do chan radiante, que foron presentados o pasado 21 de xuño durante a celebración do 20º aniversario de Sotavento.

O apartado de formación tamén foi moi relevante neste período con actividades entre as que destaca a colaboración co proxecto MATES (Maritime Alliance for fostering the European Blue Economy through a Marine Technology Skilling Strategy), unha actividade piloto de formación dirixida á formación de formadores en enerxía eólica e cuxo obxectivo é formar ao profesorado técnico nas habilidades necesarias que lles permitan formar aos futuros traballadores do sector eólico offshore.

Os resultados obtidos amosan un total de 163 visitas concertadas durante o curso escolar 2020/2021 nas que participaron 3.830 persoas, o que fai unha media de 23 asistentes por cada visita, sendo o último trimestre escolar o que concentrou o maior número de asistentes.

Como ven sendo habitual dende os inicios da actividade divulgativa en Sotavento, a maior parte das visitas recibidas proceden das provincias de A Coruña e Lugo.

Con respecto ao tipo de colectivos que participan nas nosas actividades, os máis numerosos foron os centros de Educación Primaria e Secundaria, que supuxeron un 80% do total de visitantes durante este ano académico e que desbancan ás visitas técnicas máis habituais nos últimos años.

 

A creación dun Circuíto Permanente de Orientación, en colaboración co Concello de Xermade, potencia as capacidades turísticas do parque no período estival no que nos atopamos. De feito, durante todo o mes de agosto aqueles participantes que consigan realizar algún dos seus variados percorridos no tempo estipulado recibirán un incentivo.