Noticias

Pechamos o ano 2021 superando os 6.200 participantes nas nosas actividades

Con 20 anos de traxectoria recén cumpridos o pasado 21 de xuño, acumulamos máis de 27.000 grupos e máis de 280.000 persoas nun proxecto pioneiro de educación enerxética que cada día cobra maior importancia polo aumento da demanda enerxética e dos custos económicos e ambientais derivados.

Centrándonos no 2021, un ano marcado novamente pola pandemia, conseguimos chegar a  6.212 persoas pertencentes a un total de 202 grupos, o que fai unha media de 518 persoas/mes.

Como novidade e para dar resposta ás restricións derivadas do COVID, puxemos en marcha un programa e actividades levadas a cabo nos propios Centros Educativos. O éxito do mesmo explica que un 38% das persoas que participaron nas nosas actividades durante este ano, fixérono a través desta modalidade que continuará activa no 2022. Ademais, este ano incrementáronse significativamente os contidos prácticos relacionados coas distintas fontes enerxéticas, así como coa factura da luz, cuestión esta última especialmente recurrente no periodo.

En canto a proxectos, destacan dous relacionados coa Vivenda Bioclimática: un sistema de autoconsumo mediante a acumulación eléctrica en baterías e la xestión intelixente do chan radiante mediante un sistema de predición que ten en conta o tempo atmosférico a tres días vista para mellorar a eficiencia e o confort.

Grupos técnicos, seguidos de centros de primaria e secundaria foron, por esta orden, os colectivos máis significativos e a duración media das actividades situouse entre as 3 e 4 horas.