Sotavento abre o día 23 de Setembro o proceso de xestión de reserva de actividades para o curso 2022/2023.
A instalación pechou o curso anterior con preto de 11.000 visitantes distribuídos en 570 docentes e 10.334 alumnos e alumnas. Isto supuxo unha media de 1.212 visitantes mensuais e 61 persoas por día.
Esta cifra de visitantes é a máis alta rexistrada dende o ano 2013 e significa unha volta á normalidade despois dos efectos negativos da pandemia nos últimos dous anos.
O tipo de colectivo que máis participou nas actividades foron os centros de Educación Primaria e Secundaria, que supuxeron un 83% do total de visitantes, desbancando deste xeito ao grupo de técnicos; máis numerosos durante os anos anteriores.
A maior parte das visitas recibidas foron procedentes da provincia de A Coruña, un total de 75, seguidas de Lugo, con 61 e Pontevedra con 29 visitas, 2 de Ourense, 4 do resto de España e 3 visitas internacionais.
Como actividades significativas destacar a participación de Sotavento na III Feira da Enerxía, celebrada en Silleda, a celebración da IV proba de Liga Galega de Orientación e a conmemoración do Día do Vento. Ademáis, Sotavento continuou realizando distintas accións formativas para diferentes empresas no eido das enerxías renovables.
De cara ao vindeiro curso, Sotavento continuará cunha proposta de educación enerxética en dúas modalidades:
- A actividade habitual nas instalacións de Sotavento.
- Actividades nos propios centros educativos que así o soliciten: unha modalidade na que educadores e materiais se desprazan aos propios centros e que está a ter unha grande aceptación.
Como sempre o principal obxectivo das actividades da área educativa de Sotavento é a educación enerxética nun momento no que cobra especial interese tanto pola incertidume enerxética derivada dos conflitos internacionais, como pola crise climática que continúa a agravarse.
O teléfono para a xestión das visitas é 981563777