Noticias

O Parque Eólico Experimental Sotavento aposta pola hibridación eólica-fotovoltaica

Sotavento aposta por este tipo de sistema que consiste na xeración de electricidade a partir de dúas ou máis fontes renovables, compartindo un mesmo punto de conexión. Deste xeito unirá á xeración eólica xa existente a unha planta fotovoltaica de 100 kW sen necesidade de aumentar infraestruturas.

Dita instalación cubrirá a demanda eléctrica dos distintos edificios do Parque e verterá os excedentes á rede, evitando a emisión de máis de 37 Toneladas de CO2 anuais e reducindo a dependencia enerxética doutros países.

Este tipo de hibridación eólica-fotovoltaica é unha ferramenta eficaz para subministrar enerxía, autóctona, inesgotable e eficiente, reducindo as emisións, o prezo da electricidade e contribuíndo á necesaria descarbonización do planeta.

Ademais, este sistema complementará os múltiples recursos técnicos e demostrativos xa existentes en Sotavento dirixidos a conseguir os obxectivos que ten esta instalación no eido da educación enerxética.

Nestas actividades pedagóxicas xa participaron máis de 292.000 persoas dende o 2001. De feito nos 10 meses de duración deste curso académico 2022/2023, acumuláronse máis de 7.500 participantes cun novo récord de afluencia no mes de marzo.

De cara ao verán, Sotavento aumenta os seus contidos exteriores ca incorporación dunha pa real onde comprobar dimensións, materiais e características construtivas. Ademais, renovará paneis, metacrilatos, maquetas e paseos que farán máis atractiva a visita polas zonas externas do Parque.

O Parque Eólico Experimental Sotavento estará aberto durante o verán.

Para visitalo, é imprescindible concerto previo a través do teléfono 981563777.