Sotavento supera os 300.000 visitantes. A visitante número 300.000 foi unha rapaza de 16 anos do CPI Santa Lucía de Moraña.
Ao longo de 2024, recibimos un total de 9.192 visitantes, repartidos en 243 visitas, o que implica un incremento de preto dun milleiro de persoas con respecto ao ano 2023. Deste xeito, Sotavento consolídase como centro de referencia na formación en educación enerxética do alumnado galego e doutras comunidades autónomas.
Un 40 % dos participantes nas nosas actividades pedagóxicas procedían de centros de Secundaria, seguidos por grupos técnicos e centros de Primaria como colectivos máis significativos. Ademais, durante este ano desenvolvemos actividades específicas de formación do profesorado.
Por outra banda, Sotavento constitúe unha ferramenta ideal para o sector eólico e este ano leváronse a cabo numerosos cursos de piloto de drons para a inspección de aeroxeradores, así como simulacros e plans de rescate adaptados ás máquinas eólicas.
Entre outras actividades de interese, destacamos a nosa participación en Enerxetika 2024 (Feira da Enerxía de Silleda) e a recepción, no mes de maio, dos embaixadores dos 27 países da Unión Europea.
No apartado turístico, e como vén sendo habitual nos últimos anos, Sotavento esperta interese entre importantes operadoras que ofertan as actividades do parque a distintas navieiras. Deste xeito, tanto este ano que remata como no vindeiro 2025, distintos cruceiros internacionais con escala en portos galegos achegaranse a coñecer esta singular instalación.
Para o primeiro semestre do ano 2025, 4.000 persoas xa concertaron cita en Sotavento, e mantemos unha lista de espera de máis de 1.000 alumnos/as para o vindeiro curso académico.




