Sotavento ofrécelles aos grupos a oportunidade de realizar unha actividade de formación eólica específica levada a cabo por persoal técnico cualificado. Dita actividade inclúe, ademais da visita á sala de control e ao taller da enerxía, a posibilidade de ir á subestación do Parque e a subida a un aeroxerador.

Para máis información e consultar prezos é necesario poñerse en contacto co departamento de xestión de visitas de Sotavento.

O proxecto SATMA é una ferramenta de adestramento en técnicas de mantemento de aeroxeradores, desenvolvida polos beneficiarios dun premio para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia durante o ano 2015.

O proxecto foi coordinado por profesorado do Departamento de Enerxía e Auga do IES Universidade Laboral de Culleredo, en A Coruña, coa colaboración de Engasoft e o Parque Eólico Experimental Sotavento.

Acceder á aplicación

Esta actividade que desenvolve a Fundación Sotavento Galicia é unha proposta formativa consistente na organización e posta en marcha dunha serie de cursos encamiñados a realizar un uso máis racional dos nosos vehículos. A acción pedagóxica trata de fomentar un novo estilo de condución dos vehículos turismos, co que se obteñen diminucións medias no consumo de combustible de ata o 15% sobre a condución convencional, mellorando ademais, a seguridade vial e o confort.

A proposta, encádrase dentro das medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Segundo o IDAE, se todos os condutores e condutoras empregásemos as técnicas de condución económica, no noso país aforrarían 2.555 millóns de litros de combustible, o que supón que poderían circular gratis 2,6 millóns de automóbiles e aforrarían 2.134 millóns de euros cada ano (unha media de 136 euros por condutor).

A isto hai que sumarlle os enormes beneficios medio ambientais que pode supoñer realizar unha condución eficiente, logrando unha redución das emisións de CO2 de 6,3 millóns de toneladas, equivalentes a plantar 48 millóns de árbores en España, é dicir, o 20% da superficie da provincia de Pontevedra. A isto engádese o grave problema da contaminación acústica: o ruído provocado por un coche a 4.000 rpm, equivale ao de 32 vehículos a 2.000 rpm.

Se analizamos os datos dos máis de 600 cursos teórico-prácticos realizados pola Fundación Sotavento Galicia na campaña 2010, obtivéronse os seguintes datos:

  • Os participantes, nun 58% homes e nun 42% mulleres, comprobaron que a redución do consumo non supón un aumento no tempo empregado nos desprazamentos senón que, pola contra, este tempo se reduce á vez que se minimizan entre un 10% e un 25% as posibilidades de sufrir un accidente.
  • O aforro medio de combustible, con respecto á condución habitual dos participantes, foi dun 16,3% (1,6 L/100 km), cifra que supera nun 1,3% o aforro medio teórico que se esperaba conseguir con este tipo de actuacións cifrada polo IDAE nun 15%.
  • Este tipo de condución, calculada para unha media de 16.000 km ao ano, supoñerá un aforro anual por persoa duns 235 â?¬ cun coche de gasolina e uns 174 â?¬ cun de gasóleo.

OBXECTIVOS:


O obxectivo destes cursos é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias.

CARACTERÍSTICAS DO CURSO:


O curso vai dirixido a todos/as os/as condutores/as interesados/as en conducir de xeito eficiente e económico. Teñen en torno ás dúas horas de duración e ofrecen contidos teórico-prácticos.

Levaranse a cabo nun percorrido urbano, aproximadamente de 5 a 7 km e que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación na cidade (cruces, semáforos, prazas, rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou outra técnica achegue diferenzas en consumo.

O curso contará con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos/as terán a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica. O vehículo para realizar as prácticas proporcionarao a Fundación Sotavento Galicia.

O número de alumnos/as por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo, cunha duración aproximada de 15 minutos por persoa. O curso complétase coa entrega de material de apoio, no que se inclúe un manual de condución eficiente e un folleto informativo no que se explican os principais criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación neste.

A Fundación Sotavento Galicia é a encargada de levar a cabo estes Cursos na Provincia de Lugo e son completamente gratuítos.

XESTIÓN:


A campaña de Cursos de Condución Eficiente 2010-2011 finalizou. Informaremos amplamente do inicio de novas campañas.